Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de febreiro de 2019

María García salienta os avances acadados no programa de xestión das nove colonias felinas controladas da cidade, "unha iniciativa de benestar animal que aposta polo sacrificio cero, á vez que empodera á veciñanza"

A responsable de Medio Ambiente sinala que un total de 57 persoas voluntarias, pertencentes a cinco entidades coas que o goberno local mantén convenio de colaboración, participan na xestión das colonias

A responsable da Concellería de Medio Ambiente, María García, valora positivamente o desenvolvemento do programa de xestión das colonias felinas da cidade, unha liña de traballo que considera "imprescindible" no marco das políticas do benestar animal. "O goberno da Coruña sempre amosou a súa vontade de formular un cambio radical do traballo con respecto á fauna coa que convivimos na cidade e de apostar por medidas orientadas cara ao sacrificio cero ", expón García.

O goberno local puxo en marcha en febreiro de 2016 un proxecto piloto de xestión da colonia felina no Barrio das Flores a través dunha colaboración coa entidade Gatuchinhos. Tres anos despois, A Coruña conta con nove colonias controladas que xestionan cinco entidades do tecido asociativo co apoio do Concello a través dun convenio de colaboración, "nun modelo baseado na  corresponsabilidade cidadá que procura as mellores condicións sanitarias para os animais á vez que vela pola convivencia e salubridade pública", explica a edil.

Nestes momentos, ademais da entidade colaboradora inicial, participan no programa a Asociación Felinos Felices, CoruñaGatuna, Micos e Nós e Gatocán. "A día de hoxe, o Concello expediu un total de 57 carnés que recoñecen a capacidade de control e alimentación de persoas voluntarias que forman parte destas asociacións, unha medida que ampara o traballo que tanto entidades coma voluntarias levan moitos anos facendo sen recoñecemento. Agora poden facelo non só co coñecemento e acompañamento da administración, senón en condicións de garantía, legalidade e no beneficio de todas as partes implicadas", asevera García, quen lembra que estas colonias controladas se sitúan na zona do Instituto Oceanográfico, na rúa Almirante Romay, nos parques de Santa Margarita e Oza, no Barrio das Flores, nos Rosales, na contorna do antigo cárcere provincial, Menhires e Adormideras.

A xestión destas colonias realízase mediante o protocolo CES --captura, esterilización e solta--, co obxectivo de manter un control sobre a poboación animal que habita nestes espazos, o seu estado de saneamento así como a calidade e a cantidade de alimentación da que dispoñen. "Este tipo de actuación CES incide, precisamente, na localización destas comunidades para evitar problemas de convivencia, evitar a sobrealimentación dos exemplares e garantir unhas condicións de hixiene que redunden na salubridade pública da zona", explica a responsable municipal. No marco do convenio establecido coas cinco asociacións, o Concello corre cos gastos da esterilización dos animais, ademais de facilitar ás entidades responsables das actuacións  elementos como gaiolas de captura e recuperación, ou útiles para a limpeza diaria das casetas e os comedeiros. Durante o pasado exercicio, esterilizáronse un total de 201 gatos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión