Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de febreiro de 2018

Medio Ambiente abrirá nos vindeiros días o prazo para solicitar as ecohortas urbanas nos barrios de Agra do Orzán, Eirís e Novo Mesoiro, “unha histórica demanda veciñal”

As parcelas estarán exentas de taxas, poderán adxudicarse por tres anos e haberá terreos reservados para maiores de 65 anos, persoas que reciban rendas sociais, con diversidade funcional e asociacións sen ánimo de lucro. Os terreos de maior tamaño están destinados a colexios e entidades con fins educativos e terapéuticos, co obxectivo de inculcar valores vinculados á agricultura tradicional e ecolóxico

A Concellería de Medio Ambiente abrirá nos próximos días o proceso de adxudicación das novas ecohortas urbanas dos barrios de Agra do Orzán, Eirís e Novo Mesoiro. A construcción de hortas en terreo municipal responde a unha "histórica demanda veciñal de creación de espazos destinados a cultivos na cidade" ao mesmo tempo que "reforza o proceso de rexeneración urbana e ecolóxica da cidade e favorece a soberanía alimentaria, o desenvolvemento comunitario e o fomento do consumo responsable e de proximidade", explica a titular de Medio Ambiente, María García. Poderán solicitar a adxudicación dun terreo as persoas maiores de idade inscritas no padrón municipal cunha antigüidade mínima de seis meses -excepto vítimas de violencia machista que cambien de domicilio, persoas emigrantes retornadas ou refuxiadas, que non precisan cumprir este requisito- e que non teñan débedas co Concello, así como centros públicos de ensino e asociacións sen ánimo de lucro que teñan carácter social, pedagóxico, terapéutico ou ambiental. As bases -nas que se reservan parcelas para personas maiores de 65 anos, perceptoras da Renda Social Municipal ou da Renda de Inclusión Social, con diversidade funcional e asociacións cun fin educativo- poderán consultarse na páxina web www.coruna.gal/medioambiente unha vez saian publicadas no Boletín Oficial da Provincia e haberá 15 días para solicitar unha parcela.

As persoas que resulten adxudicatarias terán autorización para desfrutar do uso da parcela por dous anos, concesión que poderá ser prorrogada por un ano máis, e deberán deixar o terreo preparado para unha nova adxudicataria 15 días antes de que remate o prazo de desfrute. Tras este periodo de uso, abrirase de novo o concurso de adxudicación sen que as persoas beneficiarias teñan preferencia algunha.  As autorizacións de uso terán carácter gratuíto e non estarán suxeitas a taxa, porén, os gastos de conservación e mantemento de cada unha das parcelas e mesas de cultivo, así como das ferramentas necesarias, correrán a cargo da correspondente persoa ou entidade adxudicataria, que terá que cumprir tamén con otras obrigas. Así, por exemplo, o terreo deberá ser cultivado empregando técnicas da agricultura ecolóxica -polo que se poñerán tamén en marcha programas de formación vinculados á xestión de hortas, produción ecolóxica e compostaxe comunitaria-, e as persoas usuarias deberán evitar producir molestias ou danos a terceiras persoas e cumprir coas normas mínimas de convivencia e respecto ao persoal municipal e outras usuarias.

O Concello da Coruña comezou no setembro pasado a construción destas tres novas áreas hortas urbanas, que contan cun total de 217 parcelas. A súa localización e características derivan dun proceso participativo coa veciñanza, o sétimo que se abordou dentro do programa A Porta Aberta, que desenvolve a concellería dirixida por Claudia Delso. "As hortas urbanas de xestión ecolóxica son proxectos que falan do disfrute do espazo público, das políticas de proximidade e a protección do medio ambiente e a natureza", destaca a concelleira.  

A horta urbana do Ágora ten 112 parcelas e 10 mesas de cultivo e contou cun orzamento de 115.000 euros. Está situada entre centro municipal e a denominada Arqueta dos Frades, que se atopa protexida por Patrimonio. Esta horta urbana dará servizo aos barrios tanto da Agra do Orzán como de Visma, Mariñeiros e Rosales. A ecohorta de Eirís, que está na parte sur do parque, tivo un orzamento de 125.000 euros para a definición de 77 parcelas e outras 10 mesas de cultivo. Ademais do barrio de Eirís, dará servicio ás zonas de Casablanca, Castrillón e Oza. As hortas de Novo Mesoiro acumulan 29 parcelas e catro mesas de cultivo, realizadas cun orzamento de 41.000 euros. As tres zonas terán parcelas de diferentes tamaños e tipos, segundo o tipo de colectivo ou persoa usuaria. Así, os terreos máis grandes están orientados para uso das entidades e colexios que as empreguen con fins terapéuticos ou educativos, co obxectivo de contribuír a inculcar valores vinculados á agricultura tradicional e ecolóxica, mentres que os máis pequenos terán uso individual. As persoas usuarias con diversidade funcional contarán con accesos adaptados.

Os tres proxectos contan cunha serie de elementos comúns, como son un sistema de rego cómodo, cunha billa cada dúas parcelas, pilas de lavado para as verduras e ferramentas de labranza e un peche perimetral do recinto. Tamén se construíron camiños para optimizar o uso das parcelas, almacéns para gardar os equipamentos de uso comunitario e composteiros, dentro do programa municipal de compostaxe posto en marcha no pasado ano. "Tamén haberá sebes, matorreiras, parterres, árbores froiteiras e flores, xa que a nosa intención non só é facer destes uns espazos bonitos, para o ocio e o disfrute, senón tamén incrementar a súa biodiversidade, algo que é fundamental para poder desenvolver un cultivo ecolóxico", afirma García.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión