Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de agosto de 2018

A edil lembra que todas as propietarias de solares situados a menos de 50 metros de inmobles deben rozar os terreos de cara a previr incendios forestais así como garantir a seguridade da veciñanza

Medio Ambiente confirma que dous terzos das persoas propietarias de parcelas que recibiron a notificación municipal para rozar as fincas cumpriron coa súa obriga

A concelleira María García expón que 90 titulares aínda non cumpriron co requirimento, “polo que terán unha multa de 1.000 euros ademais de manter a obrigación de limpar as fincas”.

O Concello da Coruña notificou a 290 propietarias de parcelas situadas no termo municipal a obriga de limpar das súas fincas, en cumprimento do Plan Municipal de Prevención de Lumes. Os traballos consisten, tal e como lembra a edil de Medio Ambiente, María García, na retirada de combustible vexetal así como de especies con potencial pirófito, como son os eucaliptos, as acacias ou os piñeiros. "Estamos a falar de medidas destinadas á prevencións de incendios forestais, fundamentais para garantir a seguridade da poboación e reducir o impacto ambiental", destaca a concelleira. A lista de soares considerados prioritarios á hora de levar a cabo dita tarefa foi realizada polo servizo de inspección ambiental do Concello, en colaboración co corpo de bombeiros e o Distrito Forestal da Xunta. "Tras a valoración do seu estado notificáronse os casos máis relevantes que, pola súa situación, poderían supoñer risco de incendio", explica a edil.

De todas elas, a Concellería de Medio Ambiente vén de constatar que nun 67% das mesmas os traballos de limpeza xa foron realizados en tempo e forma. "É un bo dato, pero aínda queda moito por facer, pois comprobamos que as e os titulares dun total de 90 soares aínda non procederon á roza", advirte García. A normativa autonómica estipula multas de entre 1.000 e 10.000 euros, que se poden reiterar, até que as persoas propietarias das parcelas cumpran coa obriga. Deste xeito, as 90 persoas propietarias de fincas, ademais de asumir a multa de 1.000 euros que supón o incumprimento da obriga, "seguirán a ter tamén a de cumprir coa normativa e limpar correctamente súas parecelas", apunta a concelleira, quen sinala tamén que, do total de 290 parcelas, 20 son de titulares ausentes ou descoñecidos, polo que o requirimento farase a través do BOE.  

"O Concello da Coruña manterase vixiante ao respecto e non permitirá que se incremente o risco de sufrir incendios forestais no municipio, que aumenta especialmente de cara ao final do verán", sinala a responsable municipal, quen lembra que aquelas persoas que non recibiran a notificación non están exentas de cumprir a normativa, "polo que deberán rozar tamén as súas fincas se están a menos de 50 metros de edificacións ou casas". "É moi importante que se realicen os traballos de limpeza e xestión da biomasa vexetal. Desde o goberno local estaremos en alerta, pero é fundamental que todas as persoas propietarias tamén estean", asevera.

Roza de parcelas municipais non axardinadas

Por outra banda, o goberno local adxudicou esta semana o contrato que permitirá levar a cabo as tarefas de reforzo na roza nas parcelas municipais non axardinadas, e que complementan os desbroces que xa se executan a través dos contratos de parques e xardíns así como de limpeza viaria.  A licitación, de 140.000 euros anuais, ten un contrato de dous anos, prorrogable por outros dous. Os traballos que levará a cabo a empresa Jardincelas permitirán reforzar o labor que está a acometer o Concello e que afecta a unha superficie total de 113.000 metros cadrados, ademais dos que xa se realizan

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión