Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xullo de 2019

Medio Ambiente insta a veciñanza de Visma a que se adscriba ao convenio de limpeza de terreos da Xunta

A concelleira Esther Fontán reuniuse onte á tarde coas persoas donas dos terreos para buscar unha solución preventiva na zona ao seren os que teñen maior risco en caso de incendio

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán,  reuniuse coa veciñanza de San Pedro de Visma para tratar de buscar unha solución na prevención de incendios forestais nesta parroquia, priorizada como de alto risco de incendios pola Xunta, igual que algúns terreos situados en Nostián, Bens, O Portiño e os que lindan coa costa do monte de San Pedro.

A edil e técnicas/os da Xunta e do Concello explicáronlles ás persoas residentes que a Xunta establece esta política de prevención, pero que lle corresponde ao Goberno local adoptar medidas preventivas nas parcelas de titularidade municipal e ordenar a execución de obras para conservar e manter o solo nas faixas secundarias de xestión da biomasa. 

A proposta que se lle fai á veciñanza é que se adscriban ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta, o Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e Seaga, destinado á xestión da biomasa nas faixas secundarias. Este programa prioriza as zonas de alto risco de incendios como as citadas ao estar azoutadas polo vento do Nordés, de forma que cada hectárea que se roce sairalles ás persoas donas dos terreos por 350 euros anuais -preto de 18 euros o ferrado- e inclúe a retirada da maleza e das especies arbóreas prohibidas (eucaliptos, piñeiros e acacias, basicamente), un prezo que está por debaixo do estipulado no mercado. 

As/os afectadas/os teñen ata o 31 de xullo para adherirse ao programa. De non limparen os terreos pola súa conta ou acolléndose a este convenio da Xunta, pasarase a unha fase de execución subsidiaria, que iniciará o Concello a partir de principios de agosto, sendo a Xunta a que rozará eses terreos subsidiariamente, pero a custo de mercado, e pasaránselles ás persoas propietarias e titulares de dereitos de aproveitamento destes terreos as liquidacións correspondentes. 

De faceren caso omiso á lei autonómica, aprobada en 2007 para a prevención e defensa de incendios forestais, a Xunta procederá a sancionar as/os propietarias/os e titulares de dereitos de aproveitamento con multas que van desde os 1.000 aos 100.000 euros.  O convenio ten validez ata 2022, de forma que as persoas donas de terreos que decidiron limpalos pola súa conta, poderán sumarse a el nos vindeiros exercicios. Tampouco están na obriga de permanecer os catro anos as persoas adscritas a el. 

Na web municipal e na de Medio Ambiente pódese descargar a partir de mañá o modelo de contrato para adherirse. No mesmo apartado da concellaría están xa colgadas todas as referencias catastrais que abarca o dito acordo. Ademais, desde a concellaría habilitarase un servizo de información na súa sede da rúa Pedro Ferrer o martes 23, en horario de 09.00 a 13.00 horas, para a veciñanza que o necesite.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión