Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de agosto de 2017

O alcalde saúda a desconvocatoria da folga da limpeza viaria e a recollida do lixo tras un acordo "que pivota sobre a defensa do emprego e a mellora do servizo”

A comisión municipal para a resolución do conflito da limpeza formalizou esta mañá o acordo co comité de folga. Ferreiro salienta “o compromiso do goberno da Coruña co coidado do espazo público, unha responsabilidade que debe ser compartida por todos e todas, desde a veciñanza ao persoal de limpeza e as empresas”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, confirmou este luns a ratificación, por parte do Goberno local, do acordo acadado a semana pasada co sindicato convocante da protesta no servizo municipal de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos urbanos, o que supón, como salientou, a desconvocatoria da folga indefinida, prevista inicialmente para o  vindeiro 11 de agosto. "É unha moi boa noticia para o conxunto da cidade, especialmente nestas datas nas que A Coruña bule de actividade, co festival Noroeste e o resto da programación das festas de María Pita, así como coa visita de milleiros de persoas, un acordo que demostra,  máis alá dese beneficio obxectivo evidente para a cidade, que este é un goberno de palabra, e que cando dicimos que estamos do lado do mantemento da cantidade e a calidade do emprego, dicímolo en serio. Este acordo é unha boa proba", quixo salientar o alcalde, que compareceu ante os medios xunto coa concelleira de Medio Ambiente, María García, logo da reunión que mantiveron esta mañá a comisión municipal para a resolución do conflito da limpeza e o comité de folga, na que se formalizou o acordo. Ao fío, Ferreiro puxo en valor o traballo da comisión municipal, encabezada pola responsable municipal de Medio Ambiente, "por acadar un acordo rápido e razoable, que pivota ao mesmo tempo sobre a defensa do emprego e sobre a mellora na prestación dos servizos", e que se conseguiu "nun clima construtivo e que miraba polo interese xeral". Do mesmo xeito, agradeceu tamén "a comprensión e o talante que durante estes días de incerteza amosaron tanto o movemento veciñal como as centrais sindicais no seu conxunto, así como os grupos municipais do PSOE e o BNG, que actuaron con responsabilidade e se resistiron á tentación de instrumentalizar o conflito".  

Como tamén deixou patente o alcalde na súa comparecencia, o coidado do espazo público "é unha prioridade para este goberno, que fai o seu traballo, tal e como demostrou con todos os reforzos postos en marcha para mellorar a limpeza e o coidado do espazo público, pero é tamén unha responsabilidade que hai que compartir por todos e todas". Neste punto, aludiu ás veciñas e veciños, "que contribúen coas súas boas prácticas, tanto na separación dos residuos como no respecto polo que é de todos e de todas na rúa", e igualmente aos traballadores e ás traballadoras dos servizos de limpeza viaria e recollida do lixo, "cun traballo diario con dedicación e coidado da cidade cada día" e tamén ás empresas que prestan servizos tan esenciais coma estes, "ás que continuaremos esixindo o cumprimento dos compromisos contractuais para lograr o que todos e todas pretendemos, que é ter unha cidade da Coruña cada día mellor coidada e da que nos poidamos sentir orgullosos".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión