Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xullo de 2018

O Concello acometerá a mellora integral e posta en valor dos xardíns históricos da Cidade Vella “para recuperar o seu alto valor botánico, didáctico, turístico e patrimonial”

A edil de Medio Ambiente, María García, avanza que o proxecto, cuxa licitación se iniciará no outono e que contarán con financiamento europeo, centrarase no Xardín de San Carlos e na Praza de Azcárraga. O alcalde, Xulio Ferreiro, visitou esta tarde as zonas verdes do barrio histórico xunto con representantes da Mesa Cidadá do Plan de Revitalización da Cidade Vella.

O Concello da Coruña iniciará despois do verán unha serie de actuacións dirixidas á recuperación, mellora integral e acondicionamento dos espazos verdes e de lecer co casco histórico da cidade. O goberno local está a redactar o proxecto, que abrangue, en concreto, o xardín de San Carlos e a Praza de Azcárraga, co obxectivo poder licitalo a principios de outono "para comezar os traballos que nos permitan poñer en valor, desde o respecto e a interpretación histórica, dous dos espazos de maior valor turístico, ambiental e pedagóxico da Coruña", segundo sinala a concelleira de Medio Ambiente, María García. A proposta, cuxas liñas mestras presentou esta tarde a edil, xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, á Mesa Cidadá do Plan de Revitalización da Cidade Vella, pasa pola naturalización, humanización e habilitación con equipamento destes dous espazos urbanos clave desde o punto de vista social para o barrio, "onde o número e superficie de zonas verdes é reducido", apunta a responsable municipal.  

"Estamos a falar dun proxecto integral de mellora destes espazos, desde un enfoque múltiple, pero facendo especial fincapé tamén na parte botánica, co obxectivo de recuperar a esencia de lugares singulares cun importante valor histórico, patrimonial e  didáctico", asevera García. A iniciativa contará cun orzamento máximo de execución de 400.000 euros, a cargo de fondos europeos EIDUS. O proxecto EIDUSCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).

No caso de San Carlos, o xardín público máis antigo da cidade e declarado desde novembro de 1944 como Ben de Interese Cultural, acometerase unha recuperación dirixida á súa posta en valor e mellora do atractivo turístico e uso social do espazo, que ocupa unha superficie aproximada de 3.900 metros cadrados. O lugar, creado no ano 1834 polo brigadier Francisco de Mazarredo, inclúe a única olmeda protexida de Galicia, ademais da tumba do xeral inglés Sir John Moore. "San Carlos é un xardín que ten un importante uso de rutas culturais e turísticas guiadas, ademais de lecer cidadán, pero a falta de investimento ao longo de décadas provocou que o seu estado actual non sexa o idóneo para o que debe presentar un xardín de carácter histórico. Perdéronse numerosas composicións vexetais e incorporáronse especies, ademais de mobiliario urbano, descontextualizadas", explica García, quen apunta que o proxecto municipal, "no que se terán presentes as achegas veciñais", dotará o espazo "dun alto valor botánico, cun enfoque didáctico e de maior atractivo tanto para a veciñanza como para as e os visitantes". Neste sentido, o Concello prevé reforzar a interpretación e divulgación do contido histórico e patrimonial do xardín con novas tecnoloxías, especialmente con elementos de lectura con braille e códigos QR e sinópticos, "coa finalidade de facer tamén máis accesible o novo espazo", apunta a edil.

"A intervención será integral. Incrementarase a biodiversidade do xardín á vez que se estudarán as especies a conservar e as que se transplantarán a outra zona verde", avanza a titular da área de Medio Ambiente, quen afirma que o executivo municipal apostará por incluír o rego manual, "para evitar crear instalacións que movan a terra e afecten ás raíces dos exemplares arbóreos", ou intervir sobre sobre o mobiliario e as instalacións de pluviais. "No desenvolvemento das actuacións será prioritario protexer a olmeda, co obxectivo que os seus exemplares poidan recuperar a vitalidade que deberían ter", expón García. Deste xeito, o proxecto municipal tamén inclúe a adecuación de pavimentos e instalacións ou a mellora da contorna máis inmediata das árbores --mediante un despexe manual de zonas compactadas--, ademais da substitución de portas dos parterres por outras que recuperen o deseño histórico orixinal. O Concello tamén prevé potenciar as vistas desde as fiestras do xardín mediante a instalación de bancos antigos acondicionados con madeira e a substitución dos existentes.  

Praza de Azcárraga

A concelleira de Medio Ambiente tamén detalla a intervención prevista na praza de Azcárraga, tamén denominada da Fariña, na que se fará unha "mellora integral, a nivel ambiental, estético e de recuperación dos usos sociais do espazo". As liñas xerais de traballo abordarán a recuperación dende un punto de vista botánico da praza, que contén os exemplares de plátano hispánico máis antigos --están datados arredor de 1910-- e mellor conservados da cidade, así como magnolios de gran valor, co obxectivo de elevar o seu valor estético, cromático e ecosistémico e favorecer así a presenza de natureza na cidade. A actuación consiste nun proxecto de xardinería integral na praza, que ten 1.376 metros cadrados de zonas verdes, que inclúe tamén a renovación dos sistemas de rego, iluminación e o coidado do mobiliario urbano. Así, vanse ampliar e protexer as zonas de vexetación existente, e que teñen problemas derivados do tránsito de persoas e animais, coa plantación de especies que florecerán, alternativamente, en cada estación do ano e tamén se analizará o estado de conservación do arborado máis pequeno. "A idea é empregar a vexetación como fío condutor, e propoñer un xogo cromático estacional, de forma que cada un dos parterres represente unha época de floración, e que as especies se poidan adaptar ás condicións de sombra na praza", apunta a edil.

A intervención completarase co coidado e destaque dos valores históricos, naturais e patrimoniais da praza a través de elementos informativos e divulgativos, que estarán tamén vinculados a potenciar a accesibilidade do espazo grazas a sistemas de QR ou braille.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión