Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de novembro de 2017

O Concello acorda coa Universidade apoiar un proxecto de voluntariado ambiental no Monte da Fraga "para que A Coruña gañe unha zona verde de calidade"

A edil María García sinala que a iniciativa, promovida pola Oficina de Medio Ambiente da UDC, “resulta pioneira no eido da custodia de territorio, ao implicar, sensibilizar e capacitar tanto á comunidade universitaria como ao resto da veciñanza”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá un convenio entre ambas as dúas institucións para sustentar economicamente a realización dun proxecto de custodia do territorio e de voluntariado ambiental no Monte da Fraga. Tal e como destaca a edil, o acordo pretende apoiar esta iniciativa impulsada "desde hai anos" pola oficina de Medio Ambiente da UDC en relación ao monte, próximo ao campus da Zapateira, co obxectivo de "recuperar unha zona verde degradada para convertela nun bosque autóctono". O proxecto, no que o goberno local investirá, a través dunha subvención de carácter nominativo a favor da UDC, 7.500 euros, ten como finalidade a realización dun estudo do espazo da zona así como a realización de actividades de educación e voluntariado ambiental na súa contorna.

"Con este acordo non só queremos afianzar a estreita colaboración entre dúas institucións fundamentais para o municipio como son o Concello e a Universidade, senón tamén visibilizar e apoiar as tarefas de educación ambiental e de mobilización cidadá que a Oficina de Medio Ambiente da UDC está a promover desde hai anos coa finalidade de mellorar o medio ambiente urbano no municipio, e que encaixa perfectamente coas políticas de conservación e de mellora da biodiversidade que estamos a implementar desde o goberno local", explica a edil. "A Coruña é unha urbe que se construíu de maneira moi densa e na que faltan espazos naturais; polo que os poucos que existen, convén preservalos e, na medida que se poida, melloralos. O apoio ao proxecto do Monte da Fraga permitirá que a cidade gañe unha zona verde de calidade, onde poder expandir o goce e coñecemento do medio ambiente natural", destaca a responsable municipal.

A titular de Medio Ambiente indica que o proxecto, "que conta cunha traxectoria interesante e significativa", "é pioneiro en canto á custodia do territorio, en relación á posta en marcha de numerosas actuacións de mellora, así como de concienciación, formación ou capacitación non só de persoal vinculado á comunidade universitaria, senón tamén de toda a cidade". "O goberno local ten especial interese nos proxectos de custodia do territorio, nos que a sociedade civil, a cidadanía organizada, coida áreas de territorio con valores naturais presentes ou que se pretenden recuperar. Apostar desde o Concello da Coruña pola recuperación do Monte da Fraga redundará nunha maior sensibilidade e educación ambiental de toda a veciñanza", afirma a edil.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión