Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de agosto de 2018

O Concello capturou 2.970 exemplares de raíña de avespa asiática na campaña de trampeo deste ano, o que supón un incremento do 130% respecto ao pasado

A concelleira responsable de Seguridade Cidadá salienta que, neste ano, o servizo de bombeiros ten xa eliminados 94 niños desta especie na cidade

A segunda campaña anual de colocación de trampas para evitar a proliferación de niños de avespa asiática na cidade saldouse este ano coa captura de 2.972 exemplares de raíña desta especie. A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, salienta "o gran incremento dun 130% de capturas que se está a levar a cabo este ano respecto do pasado, no que caeron nas trampas distribuídas pola cidade un total de 1.290 exemplares de raíña".

A campaña arrancou a principios do mes de marzo, cando os departamentos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá colocaron 207 trampas por toda a cidade, con maior intensidade nas zonas onde se detectou máis actividade da velutina, o que supón 57 máis destes obxectos con cebo para a atracción destas avespas que no pasado ano. Este período de captura, que se realiza durante a primavera, cando a temperatura está entre 12 e 15 graos, por ser a época de máis actividade das raíñas e na que os niños están crecendo, prolongouse ata mediados de xuño. Como indica Fraga, os resultados deste período de trampeo amosa que as zonas con maior actividade da velutina no municipio se atopan en Elviña, Castrillón, Eirís, Mesoiro-Pococaco, Feáns-Obradoiro-Urbanización Breogán, Zapateira e Bens, "zonas con menor densidade de poboación e máis espazos verdes", polo que solicitou á veciñanza que teña precaución e dea aviso a través dos teléfonos 012 ou 112 cando se detecte un niño de velutina.

A edil de Seguridade Cidadá lembra que, ademais do sistema de trampeos que o Concello iniciou o pasado ano, o Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento asumiu en xuño de 2016 a eliminación dos niños. "Dende entón, son xa 339 os niños capturados no municipio, dos que 94 corresponden a este ano", apunta Fraga, que indica que este ano a retirada dos mesmos se retrasou debido a cuestións meteorolóxicas, "xa que a seca do pasado outono afectou ao nacemento de novas raíñas, que son as que fan os niños, logo de hibernar". Neste sentido, a edil destacou e agradeceu o "magnífico labor que realiza o servizo de bombeiros da cidade que amosa a súa rapidez e capacidade de resposta nestes traballos". As chamadas da cidadanía son derivadas á Xunta de Galicia, administración que centraliza a retirada de niños e que dá o aviso correspondente ao Concello para que, en virtude do convenio asinado hai dous anos e medio, elimine o avespeiro. "Dende que a Xunta marca súa retirada, o noso servizo a efectúa en menos de 48 horas", indicou Fraga.

O Concello realiza esta dobre vía de acción contra as velutinas --a través da colocación de trampas e a eliminación de niños-- que se completa cun incremento na dotación de medios para os bombeiros, así como en formación e un maior investimento que se concreta en medidas innovadoras para a loita contra "unha vespa invasora que ten demostrado a súa voracidade coas especies locais e a súa perigosidade para a saúde humana". Porén, o sistema de trampeo que se emprega no municipio é moi selectivo e está dirixido á captura da avespa raíña, coa finalidade de evitar a súa reprodución e o nacemento de miles de obreiras, así como evitar que afecten a ningunha outra especie de avespa ou insecto que contribúa á polinización.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión