Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2018

O Concello presenta a terceira edición do programa de sensibilización 'Móllate!', iniciativa que pretende "empoderar á mocidade coruñesa no coidado do medio natural e acadar unha celebración de San Xoán máis sustentable"

A edil de Medio Ambiente, Maria García, lembra que todos os centros educativos de secundaria e CIFP interesados en formar parte da campaña pódense inscribir na convocatoria, cuxa información está dispoñible desde hoxe no espazo web http://mollate.coruna.gal

O Concello pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, Móllate!, o programa de educación ambiental vinculado á San Xoán. A edil de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá a nova edición dunha iniciativa que ten, como principal obxectivo, sensibilizar á mocidade sobre a xestión responsable de residuos e a importancia do coidado das praias durante a celebración da festa de San Xoán, "o evento de maior impacto ambiental para a cidade", á vez que promove unha conduta ambiental de corresponsabilidade coa contorna durante todo o ano. "Móllate! é unha das accións máis bonitas e importantes que realiza o Concello no marco das políticas ambientais de sensibilización vinculadas á residuos, xa que se trata dun proceso de participación, consulta, educación e empoderamento que ten á xuventude como protagonista no coidado do medio natural", explicou María García. "A finalidade non é outra que diminuír o impacto ambiental na praia e na costa, reducir a cantidade de residuos que rematan no mar e que se dirixe, fundamentalmente, a IES e CIFP que se implican no programa Móllate! para que a mocidade sexa catalizadora das accións de concienciación e de coidado", lembrou a responsable municipal.  

O programa comezará este mesmo mes de marzo e prolongarase até o propio día de San Xoán, celebración que o goberno local considera prioritaria no eido da prevención e da sensibilización dentro do seu Plan de Eventos Sostibles, co obxectivo de minimizar o impacto da festa sobre o patrimonio natual. A iniciativa diríxese ao alumnado coruñés a partir do 3º curso da ESO, que desenvolverá o deseño e produción de iniciativas que comunicarán, tanto nos seus centros de estudos como ao resto da veciñanza, a necesidade da xestión responsable de lixo do San Xoán. A convocatoria, da que varios equipamentos educativos xa amosaron o seu interese por participar, está aberta desde hoxe a todos os IES e CIFP da cidade. Toda a información sobre a mesma, tal e como apuntou a responsable municipal, está dispoñible na páxina web http://mollate.coruna.gal.

Nunha primeira fase, educadoras e educadores de Móllate! realizarán dúas sesións nos centros, dentro das aulas, mostrando a importancia dos mares na vida da cidadanía así como debater sobre as problemáticas asociadas ao lixo, seguindo metodoloxías participativas e dinámicas que invitarán aos grupos participantes a reflexionar pola súa conta. Ese proceso conduce á LIADA, o Laboratorio de Ideas de Acción Directa e Animosa, durante o cal os rapaces e as rapazas, organizados en pequenos grupos de discusión, deseñarán accións concretas de sensibilización coa problemática do lixo no San Xoán que deben ser realizables, críticas, e con impacto de cara a toda a cidadanía. De seguido, o alumnado mostrará ao Concello as súas propostas e algunhas delas, como sucedeu nas dúas pasadas convocatorias, contarán con difusión pública --como cuñas de radio, vídeos de sensibilización para redes sociais, así como as intervencións no espazo público do Comando Móllate!--, na que as e os estudandes contarán co apoio de profesionais de ámbitos como a comunicación ou o deseño para a súa execución. Tal e como descatou a concelleira, que estivo acompañada na presentación por Tomás Roibas, docente do IES Sardiñeira --un dos centros nos que Móllate! se desenvolveu durante o curso pasado--, as accións deseñadas polo alumnado coruñés tiveron incidencia nos bos resultados da campaña do San Xoán sustentable de 2017, "case épica, nun ano especialmente crítico polas mareas vivas que impedían que os equipos de limpeza accederan á praia antes da suba da marea pero que, grazas ao traballo previo do estudantado, acadamos unha celebración máis respectuosa co medio natural". "Toda a campaña de sensibilización xerada, e dentro da que se integra de xeito moi protagonista Móllate!, conseguiu o ano pasado uns resultados de limpeza especialmente bos nas praias pequenas como Matadoiro, As Lapas, Oza ou San Amaro, que quedaron practicamente sen residuos; unha melloría moi notable en Riazor e tamén no Orzán, aínda que queda moito traballo por facer", engadiu a responsable municipal.

"Queremos que ese cambio continúe e avance", apuntou García, que sinalou que este tipo de actuacións "chegan alén do San Xoán". "Queremos unha mocidade activa e que se preocupe pola súa contorna máis próxima e tamén do ambiental global, co punto de mira nos océanos, que é unha cuestión que preocupa, especialmente, nesta cidade", dixo a edil.

Nostián

Ante preguntas dos medios de comunicación en relación á xestión de Nostián, a titular da área de Medio Ambiente sinalou que desde o ano 2015 o Concello "levou a cabo numerosas actuacións destinadas a que se execute o selado do vertedoiro". "A sanción que agora emana da Xunta é resposta a diversos escritos e requerimentos que se iniciaron desde o Concello, e evidencia quen é a autoridade competente neste caso. Ao tratarse dunha instalación industrial enmarcada dentro da directiva IPPC, a autoridade con competencias para abordar tanto procesos sancionadores como execucións subsidiarias non é outra que a Xunta de Galicia", puntualizou García, quen lembrou que o vertedoiro leva colmatado desde 2007. "Son 11 anos nos que a Consellería, como autoridade competente, non asumiu a súa responsabilidade. Agora está a actuar en base aos requerimentos que o Concello da Coruña está a facer", incidiu a responsable municipal, quen recordou que a  a administración autonómica outorgou, no ano 2015, a actualización ambiental integrada á Albada e encargou ao Concello que executara o selado do vertedoiro, "unha decisión que depois tivo que rectificar porque esa non é a vía que marca a lei".

"A lei indica que Albada debe executar o selado e que a Xunta é a autoridade competente. O goberno local da Coruña está á espera que a Consellería de Medio Ambiente responda sobre a modificación da autorización ambiental integrada así como a consulta sobre quen é o técnico competente que ten que asinar o proxecto de selado do vertedoiro", aseverou María García, quen engadiu que o executivo coruñés "seguirá a tender a súa man á Xunta nunha tarefa de interese compartido para as dúas administracións, sempre no marco da lei e das disposicións en vigor". "Nós estamos actuando por todas as vías abertas, e o selado do vertedoiro sería unha importantísima contribución á mellora ambiental da cidade", afirmou a concelleira, quen solicitou á Xunta dilixencia: "Debe obligar a realizar ou selado, ou actuar subsidiariamente", dixo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión