Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de novembro de 2018

O Concello presenta no Congreso Nacional de Medio Ambiente as solucións baseadas na natureza que se empregan na cidade para facer fronte ao cambio climático

A concelleira María García incidirá na participación da Coruña no proxecto europeo ‘Connecting Nature’, que permite desenvolver de maneira participativa con entidades e outras cidades europeas unha estratexia de naturalización urbana

A concelleira de Medio Ambiente, María García, participará mañá no XIV Congreso Nacional de Medio Ambiente (Conama), que se celebra en Madrid, no que presentará a estratexia da Coruña para facer aumentar a naturalización da cidade como un mecanismo que mellore a calidade de vida e contribúa á mitigación do cambio climático. Na mesa na que intervén a edil abordaranse diferentes exemplos existentes no Estado sobre a aplicación de solucións ante este reto ambiental que estean baseadas na introdución na cidade da propia natureza para aproveitar o seu efecto regulador, un ámbito no que se enmarcan moitas das políticas ambientais da Coruña e no que o Goberno local traballa tamén de maneira colaborativa cunha rede europea de cidades e entidades. "O proxecto Connecting Nature, no que participamos xunto a 29 entidades de toda Europa entre as que se atopa a Universidade da Coruña, permítenos empregar fondos europeos para desenvolver na cidade un programa para elaborar estratexias de naturalización urbana que sirvan para mellorar a calidade de vida nos barrios e da veciñanza e facelo tamén de forma participativa e implicando a todos os sectores económicos e sociais", explica a responsable municipal, quen salienta que a participación da cidade neste foro ambiental supón o recoñecemento do labor que se realiza na Coruña e que a sitúa "no grupo de referencia e de vangarda na aplicación de solucións baseadas na natureza".

García afondará na mesa Introducción a las Soluciones basadas en la naturaleza nas diferentes iniciativas que "serven para avanzar nunha Coruña máis natural, saudable e comprometida e que están encamiñadas en conseguir a penetración da natureza na cidade". Así, pon como exemplo medidas como a recuperación de diversos espazos húmidos que aumentan e fixan biodiversidade na cidade, como a lagoa do parque de Eirís ou o proxecto de recuperación do río Quintas ou a expansión de zonas verdes, que se poden exemplificar nos Bosques da Coruña --dos que xa se presentaron os proxectos para o das Cinco Illas (situado nos Rosales) e o de Breogán (localizado en Feáns)--, o plan de expansión de arborado, que afronta nestes meses a súa recta final e que suporá un aumento dun 10% do número de exemplares na cidade, ou a creación de espazos verdes de convivencia e multifuncionais, como as áreas caninas ou as ecohortas. "Son medidas todas elas que buscan mellorar as condicións da cidade para afrontar os efectos do cambio climático e que contribúen tamén tanto a fomentar unha mellor relación, máis próxima, entre a cidadanía e a natureza como a que a cidade sexa un espazo máis saudable e con maior biodiversidade", manifesta.

A edil participará na mesa xunto a persoas representantes do Centro de Cooperación del Mediterráneo da Unión Internacional para la Conservación de la Naturaleza (UICN), da Plataforma Central Iberum de Castilla La Mancha, o Concello de Madrid, a Universitat Politècnica de València, o goberno de Cantabria, e a consultora ENT Environment & Management.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión