Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xaneiro de 2019

O Goberno local activa un Plan Especial de Inspección da maquinaria do servizo de recollida de lixo, ao tempo que esixe á empresa concesionaria un reforzo da reparación mecánica

O alcalde lembra que é responsabilidade da empresa concesionaria asegurar o bo funcionamento do servizo, así como o mantemento dos vehículos, e advertiulle de que “é intolerable que continúe así un servizo esencial”. A concelleira de Medio Ambiente explica que os vehículos pasarán tres revisións: unha xeral, unha avaliación específica do control eléctrico-mecánico dos camións e unha terceira para asegurar que se cumpran os requirimentos de seguridade industrial e prevención dos riscos laborais neste ámbito.

O Goberno local ten en marcha un Plan Especial de Inspección dos vehículos que emprega a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e de limpeza viaria na cidade e que se realizará de maneira externa e independente. Ao tempo, e co fin de garantir a seguridade do persoal e a execución deste servizo esencial, o executivo municipal está en contacto coa empresa concesionaria dende o inicio da fin de semana e se lle está requirir, entre outras medidas, a posta en marcha de maneira inmediata dun reforzo intensivo no servizo de reparación mecánica. Tal e como indica a concelleira de Medio Ambiente, María García, o plan de inspección externa está composto de tres fases de control dos vehículos, que comezará cunha revisión xeral, similar á que se realiza na ITV. A esta avaliación seguiralle unha revisión en detalle en taller, de cara a comprobar os distintos puntos de control electro-mecánico dos vehículos. A inspección completarase cunha análise da seguridade industrial que se aplica neste ámbito, así como dos aspectos de prevención de riscos laborais asociados aos postos de traballo.

"Estamos a traballar en varias frontes porque non podemos consentir que un servizo esencial da cidade estea paralizado. Temos en marcha unha medida propia para a inspección dos vehículos ao tempo que lle esiximos á empresa que active de maneira inmediata un reforzo na revisión mecánica dos vehículos, de xeito que poidan realizar este servizo esencial sen problemas canto antes", indica García. O departamento de Medio Ambiente, que iniciou os requirimentos o pasado xoves tras coñecer un incidente acaecido cunha varredora, requiriu á empresa Cespa información detallada dos fallos rexistrados durante a fin de semana. Ademais, o departamento municipal trasladou efectivos da inspección municipal ao centro de traballo para tomar acta e constancia dos posibles fallos dos camións que realizan o servizo e de que se cumpran tamén as revisións dos mesmos.

A Concellería de Medio Ambiente tamén comunicou a Cespa que non se vai aboar a parte do servizo que non foi realizado. "Estamos ante un problema que debe resolver a empresa concesionaria, que ten a responsabilidade de manter a maquinaria nun estado adecuado para a realización do servizo e para manter a seguridade do cadro de persoal. O Goberno local está a instar á empresa, que entende que non se están a dar esas incidencias nos vehículos, a que corrixa calquera problema que poida haber para retomar o servizo", explica García, que enmarca nesta situación a apertura inmediata dunha inspección externa que avalíe a situación dos vehículos. Neste sentido, o alcalde, Xulio Ferreiro, advertiu á empresa concesionaria de que "é intolerable que continúe así un servizo esencial, do que depende a salubridade da cidade" e indicou que "o Goberno local está a estudar posibles sancións e que vai a empregar todas as ferramentas legais ao seu alcance para que a empresa concesionaria cumpra co seu contrato".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión