Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2017

O Goberno local impulsa unha xornada divulgativa coa finalidade de implicar as entidades de economía social na xestión municipal dos residuos

A edil de Medio Ambiente, María García, sinala que a proposta “afonda no desenvolvemento dunha perspectiva metropolitana integral do tratamento de residuos”

O Goberno local organizará o próximo 6 de abril a xornada Máis que residuos, unha proposta que ten como obxectivo afondar, a través dunha perspectiva integral e integradora, na promoción da economía social na xestión municipal de residuos. A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou que a iniciativa procura explorar a posibilidade de vincular iniciativas da economía social, "aquelas que, á vez que desempeñan un traballo, perseguen a integración de persoas na contorna socio-laboral",  cun "servizo básico de prestación á cidadanía", como é a xestión de residuos municipal, "un sector estratéxico para a xeración de empregos verdes". "Máis da metade do orzamento da Concellería está relacionado coa xestión de residuos e limpeza, un investimento anual cada vez máis amplo e no que este Goberno desexa que vaia ligado, directa ou indirectamente, a fins sociais", afirmou, ao lembrar que o Concello "conta con dúas mostras de economía social na valorización de residuos e que son apoiadas pola veciñanza", como é a das Mulleres Colleiteiras no caso do aceite de cociña usado, e Padre Rubinos, na roupa. "A experiencia demostra que esta fórmula é motivadora para a cidadanía á hora de segregar materiais e separalos no seu contedor correspondente", expuxo a edil. A responsable municipal sinalou que a celebración deste encontro, que promove o Goberno local coa colaboración do Consorcio das Mariñas e do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), "supón un paso máis" na xestión e tratamento de residuos para o concello coruñés que ten, entre os seus piares, ademais da integración social, ou a recuperación e valorización "dos materiais que compoñen a bolsa do lixo, facendo caso das directrices da Unión Europea de fomento da economía circular, para aproveitar os recursos e convertelos en novos materiais", afondar no desenvolvemento "dunha perspectiva de xestión integral metropolitana dos residuos urbanos, de cara a coordinar unha estratexia conxunta no seu tratamento", tal e como acordaron os municipios presentes na xuntanza do pasado mes de abril no Pazo de Mariñán, e que serviu como punto de partida no impulso ao proxecto de creación da Área Metropolitana.   

O encontro, aberto á cidadanía, busca "xerar interese nas distintas iniciativas públicas e privadas, así como dos grandes produtores de residuos, para dar coñecer novas fórmulas de traballo que permitan innovar á hora de xestionar estes materiais". Neste sentido, a concelleira tamén avanzou que o encontro "pode supoñer tamén unha oportunidade" para implicar estas entidades noutros servizos municipais. "Desde a área de Medio Ambiente estamos a elaborar o novo prego de recollida, polo que, progresivamente, o espazo da economía social se podería ampliar nas distintas fases do tratamento dos residuos", sinalou.

O edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que presentou xunto á titular de Medio Ambiente a xornada divulgativa, destacou o interese do Goberno local "por acadar a inserción no mercado laboral  de colectivos con máis dificultade de integración a través de fórmulas e tipoloxías de empresas que son as características da economía social". "O encontro do día 6 ten unha perspectiva integral e integradora, xa que non só tratan a reciclaxe desde o punto de vista ambiental ou económico, senón desde a integración e responsabilidade social", engadiu.

Máis que residuos estará dividida en dous bloques, na que se abordarán  a visión integral da xestión de residuos nos municipios e os fitos da economía social neste eido, a través de fórmulas como as cooperativas ou centros especiais de emprego. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, será o responsable da inauguración --ás 10.00 horas da mañá--, nunha sesión na que tamén estarán presentes María García, Alberto Lema, así como o presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, e o director do CEIDA, Carlos Vales. A continuación, o experto en tratamentos biolóxicos de residuos orgánicos, Ramón Plana, impartirá unha conferencia nomeada Sociedade e residuos: o malgaste que escondemos baixo a alfombra. O primeiro bloque de debate, A visión dos concellos, será ás 11.00 horas e terá lugar a través dunha mesa redonda que estará moderada pola edil María García, e na que participarán Marta Barco, Directora de Servizos e Calidade de Vida do Concello de Bilbao, e Ángel Álvarez, responsable do servizo de recollida da Mancomunidade da Comarca de Pamplona. Tras unha pausa para o café, ás 12.30 horas comezará o relatorio co primeiro grupo de Experiencias exitosas de economía social na xestión de residuos, que estará moderado por Tino Gago, xerente de Unión de Cooperativas Espazooop. Neste encontro daranse a coñecer propostas postas en marcha por cooperativas como Alencop, unha iniciativa social de recollida de chatarra e residuos de aparellos eléctricos e electrónicos a domicilio; Traperos de Emaus ou  Bolsos reciclados.Xa pola tarde, ás 16.30 horas, a representante da Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, (REAS-Galicia), Marta Rodríguez, moderará un novo bloque no que se abordarán as propostas que entidades como Recumadrid, Berziklatu SL ou COREGAL promoven para xerar emprego en colectivos de persoas con discapacidade ou que se atopan en situación de risco de exclusión social.A xornada Máis que residuos terá lugar no Centro Ágora o próximo 6 de abril, e as inscricións poden formalizarse desde hoxe, de forma gratuíta, a través desta páxina web

Documentos:

Programa Máis que residuos (2 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión