Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de setembro de 2018

O programa intensivo de coidado do espazo público 'A pé de barrio' chega hoxe á Gaiteira, logo de realizar máis de 1.350 actuacións de rexeneración urbana no Distrito 10

A plan municipal interveu, entre os meses de xuño e setembro, sobre 270 rúas das zonas da Torre, Orillamar, Durmideiras, Agra de San Amaro, Monte Alto, As Lagoas, Zalaeta, Orzán, As Atochas, Pelamios, Cidade Vella, Maestranza e Pescaría

O programa A Pé de Barrio inicia hoxe as súas actuacións no barrio da Gaiteira. O plan municipal de coidado intensivo do espazo público chegou o pasado martes, día 18, ao Distrito 8 da cidade, conformado tamén polos Castros, Catro Camiños, A Sardiñeira, San Cristovo das viñas, Os Mallos, A Falperra, Santa Lucía e o Ensanche. En total, ao longo de 46 días de traballo, os distintos servizos municipais realizarán, de xeito coordinado, actuacións de coidado do espazo público en 242 vías da cidade, nas que procederán a efectuar unha limpeza viaria profunda, ademais de 190 intervencións vinculadas á rexeneración urbana, tales como reparación de pavimentado, revisión e reposición de sinalización vertical, pintado de pasos peonís ou axustes en áreas biosaudables ou de xogo infantil.

"A Pé de Barrio é un programa que se basea no reparto equitativo dos recursos municipais de cara ao coidado do espazo público de toda a cidade, sendo, ademais, o máis importante dos que se realizaron neste Concello ao actuar, de xeito integral, en todas e cada unha das rúas da Coruña", explica a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen lembra que a iniciativa, que visitará ao longo de 12 meses os dez distritos, supón tamén "un complemento dos servizos que o Concello realiza acotío no territorio", e que afecta, de maneira directa, ás áreas de Medio Ambiente, Rexeneración Urbana, Mobilidade Sostible. "Estamos a falar dun programa que se define pola transversalidade da súa execución e que busca optimizar os distintos servizos implicados na súa posta en marcha", apunta a edil.

A segunda edición de A Pé de Barrio botou a andar o pasado 19 de xuño no Distrito 10, zona na que o Concello actuou, até o 17 de setembro, e que inclúe 13 barrios, como son A Torre, Orillamar, Durmideiras, Monte Alto, As Lagoas, Agra de San Amaro, Zalaeta, Orzán, As Atochas, Pelamios, Cidade Vella, Maestranza e Pescaría. Así, nestes tres meses, os servizos municipais realizaron 1.356 actuacións de rexeneración urbana no distrito, como a mellora e conservación das beirarrúas e superficies peonís ou a reparación de calzadas e eliminación de fochancas;  ademais de proceder á renovación de luminarias así como á conservación e mantemento de fontes ornamentais, entre outras medidas.

En total, o plan municipal de coidado do espazo público supuxo unha limpeza viaria profunda con auga a presión sobre 270 rúas deste distrito, nas que se retiraron herbas espontáneas, pintadas do mobiliario público ou gomas de mascar, entre outros elementos, ademais de efectuar a limpeza de pavimentos en zonas de áreas infantís e espazos lúdicos da veciñanza. Neste tempo, realizáronse tamén actuacións de limpeza e reposición de contedores, eliminación de vexetación espontánea, ademais do arranxo e substitución de papeleiras, intervencións de control de pragas ou mantemento de parques e xardíns.  

Durante os 91 días nos que se desenvolveron os traballos, ademais, o Concello informou da posta en marcha do programa a máis de 1.000 establecementos comerciais e de hostalería do distrito, "para informalos puntualmente dos cortes de rúa e prohibicións de estacionamento que se producirán de cara ás diferentes actuacións, co obxectivo de diminuír as posibles molestias que se poidan producir durante o desenvolvemento do plan", sinala García.

A titular da área de Medio Ambiente lembra que, na súa primeira edición, A Pé de Barrio realizou máis de 13.312 actuacións de coidado do espazo público e rexeneración urbana "repartidas de forma equitativa por todas as zonas da cidade". Así, fixéronse 7.618 intervencións de incremento de arborado, reasentamento de tapas de rexistros da rede de sumidoiros ou control de pragas e incidencias con aves, entre outras; 2.364 accións sobre alumeado público --que inclúen a substitución de lámpadas, pintado de soportes ou correccións lumínicas, por exemplo--; 1.315 melloras en fontes ornamentais, incluíndo obras de eficiencia para o aforro de auga e electricidade; 1.433 actuacións de rexeneración urbana, que inclúen a mellora da accesibilidade en beirarrúas ou repintado de pasos de peóns; e 1.032 accións en parques, xardíns e zonas verdes da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión