Concello da Coruña

Concello da Coruña

Plans e programas

Plans e programas

A Estratexia contra o cambio climático da cidade da Coruña reúne un completo programa composto de multitude de accións distribuídas en 52 medidas e integradas en oito plans temáticos:

1. Medidas transversais

Este primeiro plan compóñeno medidas de carácter transversal para apoiar a execución das accións e o seu seguimento posterior, tendo en conta o carácter igualmente transversal que teñen as políticas de loita contra o cambio climático. Para iso crearase unha Oficina Contra o Cambio Climático, como organismo de coordinación e levarase a cabo a cuantificación das emisións de CO2 dos plans municipais e a súa influencia no cumprimento dos obxectivos da estratexia. Como apoio a estas medidas, formúlase un regulamento municipal de loita contra o cambio climático e outro de compra verde, que permita potenciar todas aquelas prácticas que minimicen recursos, fomenten a equidade e a igualdade de oportunidades e propoñan beneficios para aqueles que opten por un camiño máis sostible.

2. Mobilidade sustentable

O segundo plan aborda a mobilidade sustentable e céntrase na próxima presentación dun Plan de Mobilidade como documento de referencia que integrará medidas como a intermodalidade do transporte, a priorización dos desprazamentos non motorizados, as medidas de fomento do transporte colectivo, a mellora da eficiencia e a proximidade aos servizos básicos. Estas medidas propóñense a partir da reordenación dos sistemas existentes para lograr as estimacións de redución expostas na estratexia.

3. Xestión da enerxía

En terceiro lugar, dado que a xestión da enerxía no ámbito municipal é un paso previo ás iniciativas que se poidan poñer en marcha noutros sectores, como o residencial, o comercial ou o industrial, actúase a través dun Plan de Implantación de enerxías renovables en instalacións e servizos municipais. A optimización dos sistemas que integran o ciclo hidrolóxico municipal; a optimización da iluminación pública ou a mellora das envolventes dos edificios, con accións xa executadas; e a procura de novas alternativas -como as cubertas verdes- de cara a conseguir a máis alta cualificación enerxética do noso patrimonio inmobiliario, son outras accións que se combinarán cunha xestión centralizada da enerxía. A estratexia non deixa de lado os eventos municipais, tan abundantes ao longo do ano e consumidores tamén de recursos. O obxectivo é que todos eles sexan neutros en CO2.

4. Edificación e planificación urbana

O novo Plan Xeral de Ordenación Urbana, en fase de revisión, contempla a sostenibilidade como un parámetro clave para o seu desenvolvemento. Na Estratexia contémplanse medidas destinadas a conseguir contornas urbanas sostibles, a rehabilitación de áreas consolidadas baixo criterios de arquitectura sostible e o incremento dos sumidoiros de CO2 na nosa cidade, considerando tamén a capacidade de absorción de carbono da nosa costa, unha contorna litoral privilexiada na que seguiremos traballando para a súa preservación. Así mesmo promoverase a arquitectura bioclimática na cidade, como alternativa viable para impulsar o sector da construción hoxe en crise; potenciarase a certificación enerxética nos edificios privados e traballarase para que os fogares sexan pezas clave para mellorar hábitos de conduta en relación co consumo eficiente e intelixente da enerxía.

5. Xestión de residuos

A área de tratamento dos residuos está soportada polo Plan de Xestión de Residuos Municipal e a optimización das diferentes fases que a compoñen: a xeración, a recollida e o transporte, a reutilización e a reciclaxe, a valorización e o tratamento, potenciando o aproveitamento do biogás para a redución de forma drástica das emisións de gases de efecto invernadoiro.

6. Participación e sensibilización cidadá

Co Plan de Participación preténdese aproveitar o éxito da experiencia do proxecto Practise Energy, potenciando a Rede de Enerxía Sustentable como un órgano con capacidade para a atracción de fondos para o desenvolvemento de proxectos de grande envergadura no ámbito do I+D+i de tecnoloxías menos contaminantes, especialmente para aqueles sectores que máis contribúen ao cambio climático. Preténdese tamén conseguir a participación e a implicación social na loita contra o cambio climático e continuar cos labores de formación en todos os sectores implicados, e en especial mediante a coordinación coas autoridades educativas, para conseguir xeracións futuras involucradas nesta loita.

7. Cooperación ao desenvolvemento

A cooperación ao desenvolvemento, grazas á posta en marcha de proxectos en países desfavorecidos, é unha das prioridades nesta estratexia, que non se esquece dos que máis padecen as consecuencias do cambio climático.

8. Outros plans: accións dirixidas aos sectores industrial e comercial

Tamén se inclúe un plan dirixido especificamente aos sectores económicos da cidade, tanto aqueles sobre os que se pode actuar de forma directa, como aqueloutros que están suxeitos a normas reguladoras nas que son as administracións autonómica e central as que dispoñen da batuta que dirixe as súas políticas de redución de emisións, como é o caso da industria. O Concello, a través da Rede de Enerxía Sustentable busca acordos voluntarios de redución, promoción das enerxías renovables en polígonos industriais; fomenta a eficiencia enerxética na industria e no comercio; incentiva programas de auditorías enerxéticas e aplicación de criterios de eficiencia enerxética nas novas actividades que incrementen a súa viabilidade económica e ambiental.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión