Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de decembro de 2018

A Concellería de Medio Ambiente abre mañá o prazo para solicitar un dos 78 composteiros caseiros que reparte dentro do programa 'Composta Coruña'

O programa está dirixido a persoas que dispoñen dunha espazo verde dentro do municipio, así como a entidades, asociacións e centros educativos que cumpran este requisito.

A Concellería de Medio Ambiente comezará a recoller mañá, e durante 15 días hábiles, as solicitudes das persoas e entidades que queiran participar no programa Composta Coruña para o tratamento doméstico dos residuos orgánicos e convertelos en fertilizante natural. O Goberno local reparte 78 composteiros dentro da segunda edición deste programa que se enmarca nas liñas de acción para lograr unha redución efectiva dos residuos e achegarse ao residuo cero, xa que a instalación e uso destes novos composteiros evitará que cheguen ao sistema de xestión de residuos máis de 61 toneladas ao ano de materia orgánica. As bases da convocatoria publícanse hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

Esta iniciativa está dirixida a persoas con vivendas que teñan xardín ou horta ou asociacións, centros educativos ou entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de espazos verdes. Para concorrer nela é preciso que a persoa solicitante sexa maior de idade e estea rexistrada no padrón da Coruña. As solicitudes e a documentación complementaria poden presentarse no rexistro xeral do Concello da Coruña ou a través de calquera das outras formas previstas na lei. A asignación dos composteiros realizarase por orde de presentación das solicitudes.

As persoas que participen recibirán do Concello un composteiro de 340 litros (cun aireador e unha grella metálica), unha guía, formación e asesoramento personalizado. O programa está acompañado en todo momento para que as persoas que toman parte de Composta Coruña podan resolver as súas dúbidas e facer un uso efectivo do composteiro. Así, contarán con atención telefónica e tres visitas a domicilio realizadas por educadores e educadoras durante o primeiro ano e segundo avancen as diferentes fases do proceso, para proporcionarlles consello e o apoio preciso, así como facer seguimento do seu uso.

Toda a información do programa Composta Coruña está dispoñible na páxina web www.noseusitio.coruna.gal

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión