Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xaneiro de 2019

A Concellería de Medio Ambiente inicia a quinta campaña de acollemento responsable de animais, “unha medida esencial para situar A Coruña no sacrificio cero”

A edil María García salienta que as entregas de animais dende o centro de acollida municipal aumentaron un 11% respecto a 2015

A Concellería de Medio Ambiente inicia a quinta campaña específica do mandato para promover a adopción responsable dos animais de compañía que conviven no centro de benestar animal municipal, "unha medida esencial para acadar o obxectivo do sacrificio cero". A edil María García enmarcou esta acción, denominada (A)Colle, nas políticas impulsadas polo Concello para afondar no benestar animal, e que comezaron por unha medida "imprescindible e urxente" como foi poñer fin ás touradas na cidade. Así, García lembrou outras políticas "que marcan o compromiso do Goberno local co benestar animal" como eliminar a presencia de animais en eventos e espectáculos; o inicio de proxectos, que cualificou como pioneiros, das colonias felinas; as campañas para a identificación de animais con microchip; as iniciativas de sensibilización en centros escolares impartidas pola Patrulla Verde "polos que ten recibido premios a nivel estatal", e as campañas de adopción, "como medida imprescindible de xestión dos recursos municipais e das estratexias coas que queremos acadar o sacrificio cero, unha cuestión fundamental no camiño para recoñecer os dereitos dos animais".

A edil explicou que o Goberno local ten en marcha estratexias neste ámbito para pechar o proceso que leva ao sacrificio cero e no que, ademais dos servizos municipais, é preciso implicar á cidadanía, "que pode aportar o seu gran non só con accións como a identificación e esterilización dos animais senón contribuíndo a adoptar". Ao fío, a concelleira mencionou tamén a responsabilidade da Xunta de Galicia "como axente implicado no proceso e que é responsable de velar pola compra e venda de animais. "O sacrificio cero comeza por estratexias de prevención e, niso, controlar esta compravenda é fundamental", apuntou. García indicou que o Goberno local traballa na consolidación do sacrificio cero, unha situación que no Concello da Coruña se mantén salvo en situacións de eutanasia "só naqueles casos de enfermidade ou o sufrimento dos animais non se pode evitar", que se dan especialmente nos gatos que se recollen da rúa. Entre as medidas realizadas neste mandato pola concellería para garantir a consecución deste obxectivo está o peche do forno crematorio da instalación municipal.

(A)Colle

"As campañas de adopción funcionan. Na anterior foron 60 os animais adoptados", indicou a edil, quen cifrou as entregas de animais dende o centro de acollida aumentaron un 11% fronte ás de 2015. No pasado ano, foron 393 as entregas, que inclúen tanto animais adoptados como devoltos ás persoas propietarias, mentres que en 2015 foran 355. Ao centro de benestar chegan cada ano arredor de 500 animais, en concreto no pasado ano foron 545. A concelleira explicou que, no aumento destes números, contribuíron tamén as campañas realizadas para a colocación do microchip identificativo nos animais. A campaña inclúe a elaboración de 500 carteis, 2.500 dípticos, un "traballo intenso" en redes sociais e catro accións en rúa en diferentes barrios da cidade, así como a colaboración con diversos centros públicos como os centros cívicos, bibliotecas e outros equipamentos municipais.

A concelleira lembrou que, para adoptar, é posible achegarse ao centro municipal de acollida en Bens, de luns a sábado en horario de mañá e tarde, para ver os animais que están alí agardando para atopar unha familia, que tamén se poden consultar na páxina web do Concello www.coruna.gal/mascotas e na app Cidade amigable cos animais que presentou o Goberno local o pasado mes de decembro. Trátase dun novo espazo de consulta dixital que dá a coñecer as posibilidades que ofrece o municipio, tanto a nivel de instalacións públicas como de iniciativas privadas, para as mascotas, ademais de recursos de utilidade para as súas donas e donos, como información sobre trámites administrativos a realizar, servizos dispoñibles ou consellos.

"As políticas de benestar animal teñen para nós tres pés: afondar no sacrificio cero para avanzar nos dereitos dos animais, a tenza responsable e a convivencia tamén responsable. Estamos facendo da Coruña unha cidade pioneira nestas políticas", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión