Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de agosto de 2018

O Concello rexeita a instalación da planta de residuos industriais en Santa Icía polo seu impacto negativo na contorna, na que viven 10.000 persoas a menos dun quilómetro

A Concellería de Medio Ambiente alega, dentro do proceso de avaliación do seu impacto ambiental que realiza a Xunta, que tería unha afección directa sobre os núcleos de Novo Mesoiro, Feáns e as urbanizacións Breogán e Obradoiro, así como nos futuros usos da zona

O Goberno local remitiu á Xunta de Galicia un informe de avaliación de impacto ambiental que rexeita a localización dunha planta de valorización e tratamento de residuos industriais en Teixoeira-Santa Icía, no concello de Arteixo, unha localización situada a menos dun quilómetro dos núcleos de Novo Mesoiro, Feáns e as urbanizacións Breogán e Obradoiro. As alegacións da Concellería de Medio Ambiente sosteñen que a actividade desta planta xunto a unha zona densamente poboada suporía que "o impacto da actividade afecte directamente" aos 10.000 habitantes dos núcleos máis próximos. O informe resalta tamén a transformación que ocasionaría a instalación da planta na zona, declarada como solo rústico de especial protección forestal, e a súa contorna, así como as afeccións negativas que causaría a nivel de ruído e calidade do aire. A iniciativa empresarial xa acadou, no pasado mes de setembro, a oposición do Pleno municipal, que aprobou por maioría solicitar a paralización do proxecto.

O Concello considera que, pese as modificacións introducidas pola empresa no proxecto, a situación da instalación nunha área sen conexións ao saneamento ou de accesos rodados axeitados suporá "unha marcada transformación" da zona de Santa Icía e condicionará tamén o seu futuro desenvolvemento. Así, o Goberno local alega que o proxecto non prevé ningún plan de seguimento para comprobar que se cumpran os obxectivos de calidade acústica nin tampouco ten en conta os niveis de inmisión da actividade, "que teñen que cumprirse a partir do perímetro da instalación" co obxectivo de non limitar os usos dos terreos. O Concello considera que, á vista do proxecto remitido, "non se garante o cumprimento" destes niveis "o que pode condicionar os usos futuros dos espazos lindeiros dentro do termo municipal de A Coruña" nunha zona tranquila, cos índices de poboación afectada polo ruído máis baixos de todo o concello. "A presenza dunha actividade desa natureza nesta contorna tranquila ten moitas posibilidades de xerar un conflito acústico incompatible coas previsións municipais para este sector", afirma o informe. O Concello sostén que nesta área teñen cabida outras posibilidades de uso máis sostibles e respectuosas co medio natural, como exemplifica o anuncio do desenvolvemento nunha zona próxima do Bosque de Breogán, que prevé a recuperación ambiental dunha zona degradada.

A Concellería de Medio Ambiente sinala tamén que se debería esixir á empresa "o máximo confinamento" dos traballos e a "aplicación das medidas necesarias para a extracción e filtrado das emisións á contorna" que garantan a calidade do aire. Neste sentido, o informe resalta que os acopios de material estarán á intemperie no exterior, quedando expostos á acción do vento nunha zona elevada, así como a posible contaminación ambiental de metais ou outros residuos impropios que non estean ben separados en orixe. "É presumible que as medidas destinadas a evitar a dispersión de po e partículas sexan insuficientes", sinala. Ademais, o Concello alega que non existe ningunha esixencia para o control da posible contaminación do chan e dos acuíferos.

O informe de Medio Ambiente estima tamén que a actividade da planta terá  uns efectos colaterais no tránsito de vehículos pesados na zona que supón afectacións relacionadas coa emisión de ruído, liberación de po, contaminación ambiental e un incremento da inseguridade na vía, así como un impacto negativo para a flora e a fauna. Vista as afeccións expostas no informe, o departamento de Medio Ambiente afirma que a empresa non realiza unha análise axeitada as alternativas para a situación do proxecto que, como indica o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia da Administración autonómica, teñen como localización recomendada os polígonos industriais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión