Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xullo de 2018

O Concello somete a consulta pública o prego para a contratación do servizo de limpeza viaria, que introduce un reparto equitativo dos medios nos barrios, equipos de traballo específicos e maquinaria máis eficiente e silenciosa

A edil María García indicou que as bases, que estarán dispoñibles dúas semanas para a súa consulta dende o próximo venres, van ser presentadas ante distintos axentes públicos e do sector á fin de recoller as súas achegas. O novo contrato permitirá a creación de grupos dedicados á atención dos polígonos industriais, a eliminación dos efectos do ocio nocturno e festas e a retirada de pintadas, vexetación espontánea e vertedoiros incontrolados, entre outros.

A Concellería de Medio Ambiente somete a consulta pública os pregos do novo contrato de limpeza viaria, nun proceso "aberto, transparente e útil" que axudará a definir as bases dunha licitación de máis de 14 millóns de euros nas que se aposta por unha gran inversión, de cinco millóns, en maquinaria "respectuosa co medio ambiente, eficiente e silenciosa", a creación de equipos específicos de limpeza para situacións e tarefas concretas e o reparto equitativo dos medios nos barrios. A edil de Medio Ambiente, María García, salientou que o Goberno local volve apostar nun contrato de elevada contía, como é o seu compromiso, polas políticas de consulta pública, que xa aplicou no prego de recollida de residuos, "unha acción que non foi só pioneira senón tamén moi positiva pola cantidade de achegas que houbo e que contribuíron a enriquecer os pregos en base á experiencia de distintos sectores". Ao fío, García lembrou que o Goberno local busca "é a primeira administración que fai consulta pública neste tipo de contratos". "Comezamos a poñer en valor as políticas de consulta e transparencia no prego de recollida de residuos, do que temos bo balance e agora nos lanzamos ao segundo", dixo. A consulta pública abrirase o próximo venres 13 durante dúas semanas nas que haberá entrevistas con diferentes axentes sociais, dende o persoal laboral implicado, asociacións veciñais e de comerciantes ao sector hostaleiro. "É un proceso no que hai que investir tempo, pero entendemos que é tempo que se gaña porque se pulen as bases, se eliminan erros e conseguimos uns pregos baseados no consenso social", apuntou García.

Eixos do novo contrato

As liñas estratéxicas do novo contrato servirán para "mellorar un servizo público que ten incidencia directa no benestar da cidadanía e do espazo público pero tamén para implementar certas políticas á responsabilidade e ao traballo das empresas". Nos cambios destinados a ofrecer un mellor servizo, García salientou o reparto equitativo dos medios de limpeza en todos os barrios que introducen os pregos e que vén a cambiar unha situación que recollían os anteriores contratos polos que "había un desembarco de medios no centro de cidade onde hai unha maior afluencia de visitantes, pero a vida da veciñanza desenvólvense fundamentalmente nos barrios". Así, introducirase a limpeza con auga en toda a cidade, un recurso que no contrato actual, que foi adxudicado en 2008, "está moi limitado e se concentra no centro da cidade", unha situación que "este goberno tentou cambiar coa redistribución dos recursos pola cidade a través do programa A pé de barrio e dos reforzos de verán", indicou.

Neste mesmo sentido avanza a segunda das directrices nas que se basea o prego, que é a de creación de grupos específicos de traballadores e traballadoras para abordar tarefas como a limpeza tras o lecer nocturno, a caída das follas ou a retirada de gomas de mascar, pintadas, herbas espontáneas, entre outros. "Moitos destes servizos lévanse agora a cabo detraendo persoal que se dedica ao varrido manual dos barrios. Á fin de non interferir no traballo diario nos barrios e na cidade, vanse crear estes equipos específicos", avanzou. Así, García detallou que se formarán grupos para a limpeza con varrido manual, mecánico e accións de reforzo nos polígonos de Agrela e Pocomaco; brigadas que actúen contra os efectos do ocio nocturno que traballen moi cedo polas mañás; equipos específicos para festas e eventos e grupos que se centren na limpeza e natureza, na época de caída de folla e a retirada de herbas espontáneas sen medios químicos. Entre outras melloras, a edil mencionou a actuación de maneira inmediata ante os vertedoiros incontrolados, tanto en zonas públicas como en parcelas privadas, vía execución subsidiaria para evitar o deterioro do espazo público, unha medida que vén a completar o labor que se fai en prevención, con investigacións da Policía Local para a identificación das persoas infractoras. Os grupos específicos restantes dedicaranse á retirada de pintadas e chicles, limpeza dos areais, túneles e escaleiras e a manter o programa A pé de barrio dentro desta nova licitación. O contrato inclúe tamén medidas de educación, sensibilización e concienciación "para que o coidado do espazo público non sexa só o obxectivo dos servizos de limpeza, senón unha tarefa compartida na que prime a prevención".

As bases para a licitación do servizo estiman un custo de 14 millóns de euros, dos que cinco se dedicarán á compra dunha nova maquinaria "máis ecolóxica, máis eficiente e con menos ruído". Así, tal e como indicou García, vaise optar, sempre que sexa posible, pola adquisición de vehículos eléctricos e híbridos, que producen menos emisións e cumpren tamén coa demanda veciñal de reducir o ruído dun servizo "que se desenvólvese en horas nocturnas ou moi cedo no día". Ademais, os vehículos terán varios tamaños para poder acceder a todas as rúas, un problema que ten actualmente o servizo, e contarán con sistemas economizadores de auga, que aumentan a presión e reducen o caudal. No apartado de investimentos, García tamén destacou o cambio de papeleiras, no que se aproveitará para instalar e unificar modelos, máis fáciles de limpar e da manter e que estean adaptados a zonas de alto valor patrimonial, zonas verdes e espazos infantís.   

Condicións laborais

Na liña dos pregos que se presentaron para a licitación do contrato de recollida de lixo, as bases para a limpeza viaria tamén incorpora un control de calidade que estará vinculado ao pago á empresa adxudicataria, un sistema que "permite facer de maneira moito máis matemática e obxectiva" a fiscalización dos traballos. O prego introduce tamén cláusulas laborais para "aplicar políticas de contratación responsable nas empresas", como o mantemento dos postos e as condicións de traballo, e que se completan con cláusulas de xénero "para fomentar a igualdade entre mulleres e homes", ambientais e tamén lingüísticas.

O prego estará dispoñible para a súa consulta dende o próximo venres nas páxinas www.coruna.gal/medioambiente e www.noseusitio.coruna.gal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión