Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xaneiro de 2019

O programa ‘A pé de barrio’ inicia esta semana a limpeza intensiva e o coidado do espazo público en O Castrillón, Oza, Monelos, Eirís, Pedralonga, As Xubias, Palavea e Río Quintas

As actuacións, que se levarán a cabo ata o 14 de febreiro, chegan a estes barrios despois de realizar máis de 2.900 accións de mellora ambiental e de rexeneración urbana no Distrito 7

Os traballos de limpeza intensiva e de coidado urbano da iniciativa municipal A pé de barrio chegan esta semana ao Distrito 6 da cidade, no que están programadas actuacións nos barrios do Castrillón, Oza, Monelos, Eirís, Pedralonga, As Xubias, Palavea e Río Quintas, que se acometerán ata o 14 de febreiro. Os servizos municipais das concellerías de Medio Ambiente, Mobilidade Sostible e Rexeneración Urbana realizarán, de maneira coordinada, traballos de limpeza intensiva e de coidado do espazo público en 98 rúas dos oito barrios que compoñen o Distrito 6, tales como limpeza profunda, retirada de herbas da rúa, revisión e reposición da sinalización vertical, reparación de firmes da calzada, repintado de semáforos e pasos peonís, mantemento dos contedores ou limpeza e axustes en xogos biosaudables e infantís, entre outras. "A Pé de Barrio é o programa máis intensivo que se ten realizado e que, por primeira vez, abrangue todos os barrios. É unha iniciativa ambiciosa e completa para completar o coidado de todos os distritos da cidade. Realizamos unha revisión previa para identificar en que puntos debemos actuar e, de maneira coordinada, darlle solución.  No caso do Distrito 6 haberá actuacións relacionadas co mantemento de ascensores e escaleiras automáticas da vía pública, revisión das acometidas e da rede eléctrica, ademais de abordar cuestións como limpeza do espazo e do mobiliario público", indica a concelleira de Medio Ambiente, María García. O programa A pé de barrio iniciou no mes de xuño a segunda volta despois de que, ao longo dun ano, realizara 13.312 actuacións de rexeneración urbana e mellora en todas as rúas dos 66 barrios da cidade.

Este labor vén de rematar no Distrito 7, no que se levaron a cabo 2.921 actuacións de coidado do espazo público no Barrio das Flores, Matogrande, polígonos de Elviña e Lonzas e na contorna da estación de Ferrocarril. En total, realizouse unha limpeza intensiva con auga e retirada de herbas en 82 rúas deste distrito, no que os servizos municipais traballaron durante 37 días. Neste tempo, abordáronse 1.671 actuacións de mellora e conservación das beirarrúas, reparación e 'bacheo' das calzadas, renovación dos puntos de luz na vía pública, conservación e mantemento das fontes ornamentais, pintado dos pasos peonís e axustes na rede de semáforos. Pola súa banda, a Concellería de Medio Ambiente levou a cabo 1.244 actuacións no distrito entre as que se contan a limpeza con auga a presión, retirada de pintadas, reparación do mobiliario urbano, melloras e coidado das zonas verdes, mantemento e reposición dos contedores e limpeza de pavimentos en zonas de áreas infantís e espazos lúdicos, entre outras.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión