Concello da Coruña

Concello da Coruña

5.05.2013:Xardíns e espazos protexidos

A cidade da Coruña presenta un número importante de parques urbanos distribuídos de forma periférica: arredores da Torre de Hércules, monte de San Pedro, parque de Bens e parque de Eirís.

O parque de maior área da cidade é o parque de Bens con máis de 60 ha, conxuntamente con dous parques máis, o parque da Torre e Punta Herminia de máis de 45 ha e o parque do Monte de San Pedro de máis de 47 ha.

A cidade central conta cun gran parque, o de Santa Margarida (60.000 m2), e varios parques de dimensións máis reducidas (xardíns de Méndez Núñez, de San Carlos ou parque Europa).

Os xardíns da avenida Alfonso Molina discorren a través desta gran vía de entrada e saída á cidade, o que resta valor de esparexemento. Abundan as pequenas prazas - xardín e os pequenos espazos libres nos barrios.

En termos xerais, pódese dicir que os parques desta cidade concíbense como grandes espazos verdes. Obsérvase unha parte importante de áreas rústicas ou sen intervención, que se unirán ás futuras áreas que formarán "a malla" verde proxectada.

A continuación, faise unha descrición dos principais espazos verdes da cidade diferenciando aqueles máis consolidados na trama urbana dos que supuxeron a recuperación de espazos naturais e/ou degradados para o goce da cidadanía.

Como parte do patrimonio natural da cidade tamén se teñen que mencionar as praias e as zonas protexidas como as illas de San Pedro, unha contorna litoral de incrible riqueza paisaxística e biodiversidade que fan da Coruña un lugar privilexiado para vivir e gozar.

CORUÑA LIBRE DE HERBICIDAS TÓXICOS

O Concello da Coruña eliminou o uso rutineiro de herbicidas tóxicos, especialmente glifosato, nos servizos municipais como a limpeza viaria e o mantemento de zonas verdes. A súa utilización queda así restrinxida a casos excepcionais e de forza maior, logo da previa autorización da Concellería de Medio Ambiente.

Deste xeito, A Coruña únese á rede de concellos, deputacións e outras administracións que no resto do Estado limitaron o uso dos herbicidas tóxicos, nunha aposta clara pola saúde das persoas e do ambiente. A propia Unión Europea debate desde hai meses a autorización ou prohibición do glifosato, ante as evidencias cada vez máis fortes das negativas repercusións que este tipo de sustancias teñen na saúde das persoas e dos ecosistemas.

Aplicados no espazo público, os herbicidas entran en contacto connosco por diferentes vías, principalmente a través da auga, e actúan a cotío como hormonas alterando o funcionamento do noso organismo. En doses elevadas, os herbicidas poden producir episodios de toxicidade e envelenamentos en persoas e animais, aínda que o habitual é que entren nos organismos en pequenas doses de maneira continuada e case imperceptible.

A eliminación dos herbicidas tóxicos conduce irremediablemente a que herbas espontáneas crezan con maior facilidade e rapidez. Para evitar a súa proliferación, a aplicación de herbicidas foi sustituída polo uso de vinagre, métodos mecánicos (roza, desherbado manual) e térmicos. Certo é que estas alternativas son máis lentas e requiren máis man de obra, pero conducen a unha cidade máis respectuosa coa saúde dos seus habitantes.

A proliferación de plantas espontáneas non ten nada que ver con sucidade ou abandono: moi ao contrario, a retirada dos herbicidas tóxicos conduce a unha cidade máis sa e segura para as persoas e o ambiente. Agora si.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión