Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de outubro de 2018

A Concellería de Emprego e Economía Social organiza unha nova edición da campaña do Samaín de cara a profundar na promoción do comercio de proximidade entre a veciñanza

A área que dirixe Alberto Lema repartirá 10.000 euros en vales de compra para favorecer a adquisición de produtos en calquera dos 109 establecementos que participan na iniciativa deste ano e organizará visitas aos mesmos por parte de distintos centros escolares

A Concellería de Emprego e Economía Social celebrará este mes de outubro unha nova edición do Samaín, unha campaña posta en marcha polo goberno local co obxectivo de visibilizar e promocionar o comercio de proximidade entre a veciñanza. Durante tres semanas, até o 31 de outubro, máis dun cento de establecementos da cidade que participan na iniciativa contarán con ambientación, na zona interior ou no escaparate, vinculada á campaña e recibirán visitas do alumnado de distintos centros escolares. Ademais, durante o mes de novembro, a cidadanía poderá adquirir produtos a través dos vales de compra que se entregarán, por valor de 10.000 euros, durante o concurso de disfraces que terá lugar na Festa do Samaín.

Nesta edición participarán un total de 109 establecementos que se atopan nos barrios ou zonas comerciais de Monte Alto, Obelisco-Orzán, Falperra-Picasso, Conchiñas-Barcelona, Os Mallos e Oza-Catro Camiños. A partires do luns 22 e até o venres 26, recibirán en grupos a máis de 200 nenas e nenos de sete colexios -- os CEIP José Cornide Saavedra, Zalaeta, Curros Enríquez, Sal Lence, Labaca, San Pedro de Visma e o colexio Esclavas-- que visitarán, con disfraces e acompañados polo seu profesorado, os comercios. As e os comerciantes contarán con castañas para agasallar ao alumnado que participe nestes pasacalles. Ademais desta actividade, celebrarase na tarde do mércores 31 de outubro, a partires das 18.30 horas na praza de María Pita, unha Gran Festa do Samaín, precedida pola habitual procesión que percorrerá as rúas do centro da cidade desde as 17.30 horas, e que inclúe un concurso de disfraces no que se repartirán, entre as gañadoras e os gañadores, 10.000 euros en vales de compra para utilizar nos comercios inscritos na campaña durante o mes de novembro.

O Concurso de Disfraces do Samaín 2018 contará con cinco categorías: Comparsa centros escolares --na que só poderán participar os centros que forman parte dos obradoiros e pasarrúas promovidos polo Concello--, Comparsa --para grupos de máis de 4 persoas--, Familia --até un máximo de catro persoas--, Parellas e Individual. Un xurado formado por tres integrantes será o responsable de valorar a imaxinación, posta en escena, a elaboración do disfrace e a maquillaxe que as e os participantes empreguen na súa proposta, cuxo deseño e materiais serán de libre elección. Entre os centros escolares entregaranse 3 premios de 1.500 euros, mentres que no resto de categorías entregaranse dous premios de diferentes contías económicas. Se o xurado así o estima, poderá designar algunha categoría como deserta.

Para poder participar no certame poderase realizar a inscrición no posto que se instalará na praza de Lugo, o día 31 de outubro, entre as 16.30 e as 17.00 horas, antes da saída da procesión, e será necesario asistir á Gran Festa que se celebrará na praza de María Pita, para desfilar diante do xurado. As bases do concurso están dispoñibles no web www.samaincoruna.com.

Documentos:

Cartel Samaín 2018 (768 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión