Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2018

O mercado municipal San Agustín acolle este Nadal unha edición especial do seu mercadiño, na que participarán máis de 50 marcas

A proposta do ciclo ‘Galerías San Agustín’ desenvolverase desde mañá e até o luns 24 e terá continuidade entre os días 2 e 5 de xaneiro

A praza de abastos de San Agustín acollerá a partir de mañá, venres 21, e até o vindeiro luns 24, unha edición especial de Nadal do ciclo Galerías San Agustín, a iniciativa de dinamización do comercio de proximidade impulsada pola Concellería de Emprego e Economía Social que permite dar a coñecer, nun espazo simbólico, o traballo de numerosos proxectos emerxentes locais vinculados a diversas disciplinas e sectores.

Co gallo da proximidade das datas festivas do Nadal, o ciclo propón unha gran feira de catro días aberta á veciñanza na que empresas vinculadas á moda sostible, xoiería, decoración, cosmética, ademais de artistas do ámbito da ilustración e da pintura, entre outras, presentarán as súas propostas. Tal e como indican desde Emprego e Economía Social, na súa meirande parte "son entidades que centralizan as súas vendas a través de canles dixitais, polo que este Mercado de Nadal supón unha boa oportunidade para atopar agasallos diferentes e orixinais, deseñados ou creados por axentes emprendedores locais".

A inauguración terá lugar ás 16.00 horas, cun concerto en directo. Durante a apertura do espazo, ofreceranse tamén diversos obradoiros, como o de Creación dun centro floral de Nadal, sesións de cinema infantil e contacontos, entre outras propostas. O horario de apertura será de 16.00 a 21.00 horas o venres 21, mentres que tanto o sábado 22 coma o domingo 23 abrirá de 11.00 a 21.00 horas. O luns 24 a veciñanza poderase achegar ao espazo pola mañá, entre as 11.00 e as 15.00 horas.

O Mercado de Nadal das Galerías San Agustín terá continuidade na primeira semana de xaneiro, entre os días 2 e 5. En total entre as dúas quendas, participarán cincuenta marcas. Como complemento ao mercado, presentarase ademais unha ruta de locais e establecementos comerciais que se atopan na contorna do mercado. Para máis información sobre a proposta, pódese visitar o seu espazo web, www.galeriassanagustin.com

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión