Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de outubro de 2018

As bibliotecas municipais celebran o seu día con actividades vinculadas ás letras en cinco mercados da cidade

Desde hoxe, na páxina web www.coruna.gal/bibliotecas pódese visitar un novo espazo dedicado á Memoria Local, que ofrece información dos fondos do servizo

O 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. Co gallo desta efeméride, a Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña promove unha programación especial co obxectivo de visibilizar o labor do servizo e dos seus recursos, así como de dar a coñecer á veciñanza o seu papel como espazo de referencia nos barrios e punto de encontro de todas as idades coa cultura.

A principal iniciativa que se desenvolve nesta edición denomínase Letras no mercado. Ao longo de toda a mañá, até as 14.00 horas, o cadro de persoal das Bibliotecas está dispoñible en postos de cinco mercados municipais, como son o de Monte Alto, Elviña, Conchiñas, San Agustín e Durán Loriga --praza de Lugo--, nos que ofrece información relativa ao servizo así como dos recursos dispoñibles para a poboación, ademais de programar diferentes actividades abertas á cidadanía e que se celebran, habitualmente, nas instalacións da rede. Así, o mercado das Conchiñas acolleu un concerto de Aldaolado, mentres que o de Elviña foi o escenario dunha actuación do dúo Femininoplual, conformado polas músicas Silvia Penide e Carla López. Por outra banda, o artista Nelson Quinteiro ofreceu o seu espectáculo Habitante, no mercado de San Agustín, mentres que no da praza de Lugo tivo lugar un obradoiro de bombas de semente. Finalmente, o  mercado de Monte Alto acolleu o contacontos O paroleiro, dirixido a nenas e nenas de entre 2 e 3 anos. Á sesión asistiu o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, quen acompañou a un grupo de escolares do CEIP do barrio.

Por outra banda, e con motivo da celebración, as Bibliotecas Municipais da Coruña abren desde hoxe un novo espazo na súa páxina web dedicada á Memoria Local, co obxectivo de poñer en valor os fondos da rede, e na que ofrece información vinculada á Coleccións especiais --que se organizan en función da tipoloxía ou natureza da información-- e Bibliotecas de particulares --achegas de persoas ou familias ao fondo da biblioteca de Estudos Locais--.  Estes contidos ofreceranse de forma agrupada e facilmente accesible para a veciñanza.

Este espazo, que se actualizará periodicamente con novos contidos, inaugúrase hoxe coa denominada Colección de tarxetas publicitarias, que abrangue un período comprendido entre finais do século XIX e mediados do século XX, con máis de 100 imaxes vinculadas á Coruña. A través destes documentos, vinculados na súa meirande parte a tarxetas publicitarias e postais, ofrecen información de interese tanto do municipio como das propias tendencias estilísticas do deseño e as artes gráficas.

Por outra banda, tamén comeza a súa andaina a sección vinculada a particulares coa Colección musical Ramiro Cartelle, constituída polo arquivo do intelectual coruñés e que reúne un total de 8.562 exemplares, entre os que se atopan libros de música, partituras, revistas, audios ou publicacións menores. A documentación, que foi adquirida polo Concello no ano 2002, atópase na biblioteca de Estudos Locais, que foi a responsable de organizar e procesar toda a información.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión