Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2018

O Concello pon en marcha unha nova edición da Casa dos Xoguetes, unha iniciativa solidaria da OMIC que fomenta a economía circular

A veciñanza poderá facer, até o 2 de xaneiro, doazóns destinteresadas de xoguetes destinados a nenas e nenos de até 14 anos.

A Coruña, 12 de novembro de 2018.

A Concellería de Emprego e Economía Social pon en marcha desde esta semana unha nova edición da Casa dos Xoguetes, unha proposta impulsada pola Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) co obxectivo de fomentar a economía circular e a reutilización de xoguetes. A área que dirixe o edil Alberto Lema ofrece á veciñanza a posibilidade de participar na campaña Comparte a túa estrela e realizar doazóns desinteresadas de produtos deseñados ou previstos para seren utilizados con fins de xogo por nenas e nenos de até 14 anos. Posteriormente, os xoguetes entregaranse gratuítamente a outras e outros menores nas proximidades das datas do Nadal, na tenda solidaria que se situará, un ano máis, na praza de María Pita. A OMIC sinala que os produtos que se entreguen deben reunir boas condicións de hixiene e de estado, ademais de ser seguros. Na medida do posible, recomenda que sexan sostibles e non consuman pilas.

O servizo municipal de recollida e entrega de xoguetes de Nadal funcionará desde hoxe e até o día 2 de xaneiro. Até o 30 de novembro poderanse entregar de luns a venres de 10.00 a 20.00 horas, na rúa Alfredo Vicenti, 31. A partires do 3 de decembro, e até o fin de prazo da iniciativa, poderanse deixar ou recoller na praza de María Pita, na caseta habilitada para tal fin dentro do poboado de Nadal. O horario da Casa de Xoguetes será de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas ---a partires do 21 de decembro, tamén en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas--, e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Nas festividades dos días 24, 25, 31 e 1, a caseta abrirá do seguinte xeito: o día 24, de 12.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 19.00 horas; o día 25, de 17.00 a 20.00 horas; e os días 31 e 1, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas).

A Concellería de Emprego e Economía Social lembra que, no momento da finalización da proposta, se a Casa de Xoguetes aínda conta con produtos, estes doaranse a unha ONG para a súa posterior distribución. Para máis información, pódese chamar ao teléfono de atención cidadá 010 ou ao 91.189.820.

www.tendasolidariacoruna.gal

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión