30 de outubro de 2017
Un resumo coa Lei de traballo autónomo
Recarga por atraso nos pagos á Seguridade Social
(Art. 1 e D.F. 3ª Lei, art. 30 LGSS) A partir do 1 de xaneiro de 2018, reducirase a un 10% da recarga da débeda por cotización durante o primeiro mes seguinte ao debido, fixado actualmente nun 20%.
Pluriactividade
(Art. 2 Lei, art. 313 LGSS, art. 8 L 47/2015) Para os casos de autónomos ou traballadores do mar por conta propia do grupo 1º que tamén coticen nalgún réxime por conta allea, a TGSS devolverá de oficio o exceso das cotizacións ingresadas antes do 1 de maio.
Tarifa plana
(Art. 3 Lei, arts. 31 e 32 L 20/2007) A partir do 1 de xaneiro de 2018, amplíase de seis a doce meses o tempo de cobro da tarifa plana de cotización por continxencias comúns de 50 euros mensuais e redúcese de cinco a dous anos o período sen cotizar no RETA esixido para poder beneficiarse. Para o caso de gozar da tarifa plana nun período de alta anterior, o tempo esixido de non cotización amplíase a tres anos.
Conciliación vida laboral e familiar
(Art. 7 Lei, novo art. 38 bis L 20/2007) Bonifícase ás mulleres autónomas que se reincorporen ao traballo despois de maternidade, adopción, acollemento e tutela, de forma que aquelas mulleres que volvan realizar unha actividade por conta propia nos dous anos seguintes á data de cesamento por un dos motivos anteriores, poderán acollerse á tarifa plana de 50 euros durante os 12 meses seguintes á súa reincorporación ao traballo, sempre que opten por cotizar por base mínima.
Participación institucional das persoas autónomas
(Art. 10 e D.A. 1ª e 2ª Lei) Dando un maior recoñecemento da representatividade deste colectivo polas asociacións existentes, a lei dará un ano para a regulamentación da participación das persoas autónomas no Consello Económico e Social (CES). E igualmente, un ano para a creación do Consello do Traballo Autónomo.
Accidentes de traballo in itinere
(Art. 14 Lei, art. 316.2 LGSS) Aquelas persoas autónomas que coticen por riscos profesionais, terán cuberto o accidente in itinere, que se equipara así ás continxencias profesionais. Deste xeito, será accidente de traballo o sufrido ao ir ou ao volver do lugar da prestación da actividade económica ou profesional, considerándose como tal o establecemento onde o traballador autónomo exerza habitualmente a súa actividade que non coincida co seu domicilio e estea así declarado fiscalmente.
Bonificacións pola contratación de familiares
(D.A. 7ª Lei) Bonificación do 100% durante doce meses pola contratación de emprego indefinido cando contraten a familiares. Pero non debe despedir de forma improcedente durante os doce meses anteriores ao contrato bonificado, nin poderá extinguir polas mesmas causas un contrato de traballo nos seis meses posteriores á realización do contrato bonificado.
Inscrición e alta na Seguridade Social e pago por día traballado
(D.F. 1ª, 2ª e 9ª Lei, art. 46 RD 84/1996, art. 45 RD 2064/1995, art. 22.7 LISOS) A partir do 1 de xaneiro de 2018, poderase dar de alta e de baixa ata tres veces no mesmo ano natural e neses meses só pagarán por días traballados, é dicir, a partir do día que se dean de alta ou de baixa, sen ter que pagar o mes enteiro, como agora. Os efectos da baixa deberán coincidir co día real en que a persoa traballadora comunica o seu cesamento de actividade e a cota fixa mensual divídese por 30.
E con esa mesma data modifícase a infracción grave dos autónomos relativa á afiliación inicial ou alta, co fin de adecuala a esa nova posibilidade.
Cambios nas bases de cotización
(D.F. 2ª Lei, novo art. 43 bis RD 2064/1995) A partir do 1 de xaneiro de 2018, poderase cambiar a base de cotización ata catro veces ao ano -actualmente dúas-, e así adecualo aos ingresos percibidos.
Compatibilidade total da pensión e o salario
(D.F. 5ª Lei, art. 214 LGSS) As persoas autónomas con persoas empregadas ao seu cargo e cumprida a idade legal de xubilación poderán compatibilizar o cobro do 100% da súa pensión co mantemento da súa actividade. O resto seguirá co 50%.
Prestacións por maternidade e paternidade
(D.F. 4ª Lei, art. 318.a LGSS, arts. 24.1 e 25.1 L 47/2015) A partir do 1 de marzo de 2018, as prestacións económicas por maternidade e paternidade das persoas traballadoras autónomas e traballadoras do mar por conta propia do grupo 1º, consistirán nun subsidio equivalente ao 100% da base reguladora diaria, resultado de dividir a suma das bases de cotización neste réxime especial durante os seis meses inmediatamente anteriores ao do feito causante entre cento oitenta. E se non permaneceron en alta no citado réxime durante eses seis meses, será o resultado de dividir as bases de cotización ao réxime especial entre os días en que estivese en alta no mesmo, nese período.
Ademais, a prestación por paternidade poderá ser denegada, anulada ou suspendida polas mesmas causas establecidas para a prestación por maternidade.
Domiciliación obrigatoria do pago de cotas
(D.F. 3ª Lei, D.A. 8ª RD 1415/2004) A partir do 1 de xaneiro de 2018, as persoas traballadoras autónomas e traballadoras do mar por conta propia virán obrigadas á domiciliación obrigatoria do pago de cotas -actualmente, a obrigación só afecta ao Sistema Especial para Empregados/as de Fogar do Réxime Xeral-.
Cotización de autónomos societarios
(Art. 12 Lei, art. 312 LGSS) Na Lei PGEº de cada ano establecerase a cota mínima de cotización dos autónomos societarios -con polo menos 10 asalariados/as-, desvinculándose de SMI e á base mínima do Réxime Xeral.
Melloras para as persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero e vítimas do terrorismo
(Art. 4 e D.F. 6ª Lei, art. 32 e D.A. 10ª L 20/2007) A partir do 1 de xaneiro de 2018, recóllense beneficios para aquelas persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero e vítimas do terrorismo que queiran ser autónomos.
E a partir da data de entrada en vigor da lei, para os fillos con discapacidade contratados polos seus pais autónomos.
Rúa Hospital 19. 15001 A Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible