Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de marzo de 2018

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa consolida a aposta pola conformación formal da Área Metropolitana da Coruña coa creación de dúas novas mesas de traballo e o impulso dun modelo común de mobilidade sostible

O alcalde da Coruña considera “fundamental e irrenunciable” a aprobación dunha lei que respalde a área para que “poida seguir sendo o motor económico, social e cultural de Galicia”. A Mesa aproba a solicitude dunha xuntaza conxunta co ministro de Fomento para desbloquear obras en infraestruturas da contorna que “foron demoradas ou pospostas por diversos motivos”.

A Mesa de Alcaldes e Alcaldesa avanzou este martes no proceso para a conformación dunha Área Metropolitana da Coruña cos acordos para constituír dúas novas mesas de traballo, unha en torno ao Emprego e a Dinamización Económica e outra segunda sobre Innovación, así como requirir á Xunta de Galicia que facilite os datos reclamados sobre o transporte interurbano na comarca. Esta información é necesaria para que a mesa de mobilidade poida continuar o seu traballo e rematar a confección dun mapa consensuado de transporte metropolitano que os concellos da Área Metropolitana queren presentar á Administración autonómica. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirmou que dar pasos nese grupo de traballo é tamén fundamental para "avanzar na definición de competencias e gobernanza" no sistema de mobilidade, "para o cal convocamos unha xuntanza específica de traballo a nivel técnico". Á xuntanza da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa celebrada no Pazo de María Pita acudiron, ademais de Ferreiro, os e a rexedora de Bergondo, Oleiros, Sada, Culleredo, Cambre, Betanzos, e estiveron ausentes os de Arteixo, Abegondo e Carral.

Ferreiro considerou tras a xuntanza que "é fundamental e irrenunciable que A Coruña teña unha lei de área metropolitana como a que ten Vigo, xa que é esencial para seguir sendo o motor económico, social e cultural de Galicia como somos". Neste sentido, Ferreiro afirmou que "convén dar pasos en canto a servizos concretos" e citou a proposta de novo plan de rutas do transporte público da cidade, que se presentará esta primavera, como "unha oportunidade". "Transmitinlles hoxe a todos os alcaldes e a alcaldesa que na Coruña temos o traballo avanzado e estamos en condicións de plantexar un verdadeiro sistema metropolitano de transporte e que o único que esperamos é o compromiso de toda a área nun proceso, no que o transporte, é unha pata máis", apuntou. Neste sentido, a propia Mesa de Alcaldes e Alcadesa reafirmou "a súa aposta pola constitución dunha Área Metropolitana plena para A Coruña e a súa contorna a través da tramitación da correspondente lei no Parlamento de Galicia". Do mesmo xeito, acordou "retomar o informe dos xuristas da Universidade da Coruña e, en paralelo ao impulso dun modelo común de mobilidade sostible, avanzar no estudo das competencias que podería asumir o novo ente en primeira instancia, para o que se convocará unha xornada de traballo específica".

O rexedor coruñés, preguntado pola postura do PSOE local a respecto da constitución da Área Metropolitana, afirmou que se trata dun proceso que non se pode parar. "O proceso ten que ser ambicioso. O transporte é fundamental, e pode ser importante para que a cidadanía se decate da importancia de ter servizos que se prestan en común, pero hai que ser moito máis ambiciosos, a Lei da Área Metropolitana da Coruña non é só consorciar servizos, senón que é un instrumento de gobernanza única para unha área única", apostou. Ao fío, recordou que "non se entendería que o que todos os partidos de Galicia queren para a Área Metropolitana de Vigo non o queiran para a da Coruña". "A constitución non é posible, non só sen o apoio do PSOE; non é posible sen o apoio da Xunta, do Parlamento de Galicia e sen o respaldo social, de todo o mundo", afirmou Ferreiro.

O encontro deste martes serviu tamén para dar pulo aos catro acordos que saíron da reunión celebrada a principios de marzo no Pazo de Mariñán, na que se decidiu solicitar reunións conxuntas co ministro de Fomento, co titular da Xunta de Galicia e co presidente da Deputación da Coruña para tratar os proxectos viarios solicitados polos concellos da contorna e do tren de proximidade na liña a Ferrol, avanzar nas necesidades legais da área e mellorar o transporte metropolitano e a rede de autoestradas tanto a nivel estatal, como autonómico e provincial. Un sistema de mobilidade no que os alcaldes e alcaldesa consideran moi relevante o papel de Fomento xa que, como puntualizan na carta dirixida ao ministro, as insfraestruturas da contorna da Coruña "foron demoradas ou pospostas por diversos motivos" polo que "é necesario unha inmediata actuación ministerial". "Os responsables municipais sinten que hai unha serie de promesas incumpridas que é o momento de aportar solucións entre todos", indican na misiva. Os concellos acordaron reclamar tamén ao ministro a eliminación das peaxes na contorna da Coruña e que as novas infraestruturas programadas queden libres destes gravames.

Proceso participativo

Tras a reunión da Mesa, celebrouse no Salón de Plenos do Pazo de María Pita un acto aberto á cidadanía e destinado a presentar e avaliar os resultados do proceso participativo que se desenvolveu dende finais do ano pasado nos concellos da Coruña, Sada, Bergondo, Oleiros, Cambre, Culleredo, Abegondo, Betanzos e Oleiros e que tiña como obxectivo implicar de xeito directo á veciñanza na constitución dunha Área Metropolitana real que estea regulada mediante unha normativa aprobada no Parlamento de Galicia. O acto, que tivo lugar no salón de Plenos, e no que participou o alcalde, Xulio Ferreiro, serviu para dar contas das principais achegas e preguntas formuladas pola cidadanía participante neste proceso. Segundo os datos dados a coñecer esta xornada, no proceso que se desenvolveu dende finais 2017 participaron 406 persoas, 150 mulleres e 256 homes.

Dende a súa activación, en outubro do pasado ano, realizáronse nove reunións de planificación entre os concellos participantes --Arteixo e Carral declinaran o convite para participar no proceso-- para definir e preparar as reunións coa veciñanza. Entre os meses de novembro e decembro tiveron lugar oito encontros cos veciños e coas veciñas dos concellos, ademais de catro mesas temáticas e unha consulta pública.

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, indicou que este proceso participativo, que se desenvolveu a partir das motivacións expresadas pola Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da Área Metropolitana marcouse unha serie de obxectivos "como era a necesidade de dar a coñecer á cidadanía o proxecto e a necesidade da área, así como incorporar as impresións da cidadanía a través de espazos participativos e cumprir coa obriga legal de facer consulta pública á cidadanía previa á elaboración da norma que, en todo caso, terá que ser aprobada pola Cámara autonómica". "Este é o primeiro paso na constitución dun proceso histórico para a cidadanía, á que lle brindamos a oportunidade de poder participar e facer achegas", resaltou a concelleira, quen salientou que "se están a abordar temas estratéxicos, como os residuos ou a reordenación integral do territorio, entre outros. Asuntos de envergadura que preocupan á xente, e que até o de agora parecía que non estaban na axenda".

A responsable municipal destacou tamén que entre as principais demandas e achegas realizadas pola cidadanía participante nos encontros que se desenvolveron nos concellos da contorna figura a necesidade de revisar a mobilidade na área, a mellora das liñas, frecuencias e paradas do transporte público e a recuperación do tren de proximidade. "Por outro lado, destaca o feito de que, de forma reiterada, os e as veciñas participantes amosaron o seu agradecemento non só pola posta en marcha desta iniciativa senón pola institucionalización da colaboración entre concellos", salientou Delso, que insistiu no "pioneiro dun proceso que abre as portas á colaboración supramunicipal en temas que, estamos a ver, interesan e preocupan á cidadanía". A este respecto, a concelleira adiantou que "de aquí ao final deste procedemento, que pretende derivar na constitución dunha Lei da Área Metropolitana, haberá outros momentos nos que se requira a participación da cidadanía".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión