Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de maio de 2019

A Xunta de goberno local dará luz verde ao plan de usos e mecánicas de xestión das Naves do Metrosidero, que establece o carácter libre, público e gratuíto do novo parque

A concelleira Claudia Delso lembra que a iniciativa “dá resposta á demanda da mocidade, que reclama un espazo de ocio e encontro”

A Xunta de goberno local aprobará na sesión do vindeiro venres o plan de usos e mecánicas de xestión do espazo das Naves do Metrosidero, o proxecto impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática co obxectivo de dotar á cidade dunha serie de equipamentos dirixidos especificamente á mocidade e que se sitúa nos terreos da antiga Comandancia de Obras. O plan, conformado polo proxecto ampliado de usos e de xestión dos mesmos, ademais do convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e o Concello para as necesidades e solución de deseño do mobiliario das Naves, rexerá a xestión do novo parque do Metrosidero, "un grande espazo de oportunidade recuperado para o uso de toda a cidadanía e que responde a unha demanda da mocidade, que pide espazos de convivencia e encontro", sinala a concelleira Claudia Delso.

As Naves do Metrosidero naceron no marco dun proceso participativo encamiñado a cubrir as carencias de espazos públicos centrados na mocidade, ademais da experimentación de novas fórmulas de relación entre a cidadanía e os recursos públicos. As conclusións deste traballo, presentadas publicamente o pasado mes de febreiro no Salón de Sesións do Pazo de María Pita, deron como resultado a necesidade da creación dun grande espazo para a xuventude, ademais da posta en marcha dunha iniciativa que dinamice o barrio e a contorna da Cidade Vella, e que se configure á vez como un proxecto de cidade. Deste xeito, o goberno local presentou o novo parque do Metrosidero, un amplo espazo público de titularidade municipal que se pode integrar no barrio e na cidade, e que se conformará mediante sucesivas intervencións de rehabilitación e sobre o que se asentan tres naves, ademais dunha serie de espazos exteriores.

O Plan considera as Naves do Metrosidero como un ben de dominio público e, polo tanto, de uso común xeral con carácter libre, público e gratuíto. "O parque será un espazo para estar, pasear e usar por parte da veciñanza", sinala a concelleira. A administración local adoptará un papel de impulso e acompañamento, e farase cargo, inicialmente, da xestión integral do conxunto dos espazos co obxectivo de garantir tamén as posibilidades de uso por parte de toda a cidadanía, nomeadamente, por parte da mocidade e de colectivos ou asociacións nas que se integra.  Tal e como indica o documento, o Concello impulsará a elaboración dunhas regras "que por civismo sexa acaído establecer", e que faciliten e promovan un uso axeitado do espazo, co obxectivo de garantir que o uso do equipamento por algunhas persoas non impida o seu goce polo resto de interesadas e que quen faga uso do espazo o deixe nas mesmas condicións nas que o atopou. "Sen dúbida esta será unha oportunidade para a experimentación e aprendizaxe sobre novos modelos de xestión que dará pé, de novo, a seguir repensando o papel da administración e da cidadanía en relación co espazo público", afirma Delso.

O uso común xeral con carácter libre do Parque do Metrosidero abre así a posibilidade de usos tamén para menores de idade pero, no caso das e dos menores de oito anos, deberanse atopar sempre baixo o coidado e responsabilidade dunha persoa adulta. A este respecto, a concelleira lembra os centros educativos da cidade poderán utilizar o novo equipamento "practicamente como unha extensión dos colexios". "Ao longo do proceso, no que tivemos diversas xuntanzas coas ANPA e direccións dos centros, observamos que este parque xera un gran consenso. Contamos así coa participación activa e colaboración dos colexios á hora de sumarse como usuarios deste novo espazo", apuntou. Por último, ao ser de titularidade municipal, o Concello asumirá as cuestións vinculadas á limpeza e mantemento. Ademais, nunha primeira etapa, a administración local asumirá a responsabilidade da xestión técnica do espazo o obxectivo de impulsar unha asemblea ou colectivo de xestión das Naves do Metrosidero. A entidade, tal e como se acordou durante o proceso participativo, estará integrada polas usuarias e entidades representativas, ademais do propio Concello, para garantir o seu uso público.

Horarios e usos das naves

No Parque do Metrosidero localizanse tres naves.  A primeira delas será multidisciplinar, de xeito que terá usos polivalentes de libre elección e dará pé a celebración de actividades diversas; polo que estará equipada con wifi, mobiliario que favoreza o encontro entre as persoas e con instalacións básicas que permitan os usos polivalentes. A segunda das naves dedicarase a deportes urbanos, como skate, parkour, ou escalada, e contará con equipamento básico axeitado ás características destas disciplinas así como as condicións de seguridade necesarias para a súa práctica. O horario de apertura destas dúas naves será o mesmo. No verán, desde o 22 de xuño até o 30 de setembro, estarán abertas desde as 12.00 até as 01.00 horas de xeito ininterrompido. No caso do horario de inverno, desde o 1 de outubro e até o 21 de xuño, as naves abrirán de luns a venres, en horario de 11.00 a 21.00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos poderanse utilizar de 11.00 a 23.00 horas.

A terceira das naves destinarase á prestación dos servizos municipais á mocidade, concretamente os que se refiren a recursos e información xuvenil. Este espazo albergará, tamén, o lugar de traballo do futuro órgano ou asemblea de xestión colectiva das Naves do Metrosidero. O horario de apertura previsto, no caso das oficinas administrativas do departamento de Mocidade, será de luns a venres, de 08.00 a 15.00 horas, mentres que o punto específico da Rede Municipal de información xuvenil estará aberto nas mañás de martes e xoves, de 11.00 a 15.00 horas, e as tardes de 16.00 a 21.00 horas.

Mobiliario do espazo

Por último, o Plan de usos dá conta do convenio asinado o pasado mes de marzo coa Deputación provincial e que ten como obxectivo facilitar que o alumnado do grao medio en instalación e amoblamento do IES Calvo Sotelo participe no deseño do mobiliario para as Naves do Metrosidero. "A medida dá continuidade ao proceso participativo", xa que, tal e como lembra Claudia Delso, "será a propia mocidade a que defina os seus lugares de convivencia e de lecer".

Para máis información sobre as Naves do Metrosidero e o proceso levado a cabo para o deseño de usos e xestión do espazo, pódese visitar o web www.coruna.gal/participacion.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión