Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2010

Cómo constituír unha asociación

Requisitos necesarios

Os requisitos que marca a lexislación vixente para a constitución de asociacións (poden ser de calquera tipo: culturais, recreativas, gastronómicas, deportivas etc.), son os seguintes:

1. Socios: Deben ser tres ou máis persoas, físicas ou xurídicas, as que a constitúan.

2. Acta Fundacional ou de constitución da asociación: Documento público ou privado no que se deixa constancia do acordo fundacional. O normal é que se redacte despois dunha asemblea ou reunión fundacional, na que se aproban os estatutos e se deixan establecidos os órganos de goberno da sociedade.

A acta debe incluír:

a) O lugar e a data na que se estendeu a acta.

b) A identificación dos socios e socias fundadores: Nome e apelidos, DNI e/ou denominación e número de identificación fiscal, se son persoas xurídicas.

c) O documento acreditativo da personalidade e nacionalidade, se son persoas físicas ou xurídicas estranxeiras.

d) O enderezo de cada persoa socia fundadora, xa sexa física ou xurídica.

e) A vontade das persoas socias fundadoras de constituír a asociación. As persoas físicas acreditan tal vontade coa sinatura da acta. As persoas xurídicas acredítano mediante inclusión dunha copia do acordo de formar parte da asociación, adoptado validamente polo órgano competente. O dito acordo debe conter tamén a designación da persoa física que o representa, que debe ser quen asine a acta.

f) A aprobación do texto dos estatutos polos que debe rexerse a asociación.

g) A designación dos primeiros membros do órgano de goberno.

3. Estatutos: É o conxunto de normas polas cales se rexerá a asociación. Deben contemplar, como mínimo, os seguintes puntos:

a) Denominación da asociación, que non poderá ser idéntica á doutras asociacións xa inscritas, nin tan semellante que puidese inducir a confusións.

b) Fins que se propón a asociación.

c) Enderezo social.

d) Ámbito territorial no que se desenvolverán principalmente as súas funcións.

e) Órganos de goberno e administración.

f) Requisitos e procedemento de admisión de socios, clases de socios, e supostos e procedemento de perda da condición de socio.

g) Réxime sancionador.

h) Dereitos e deberes dos socios.

i) Patrimonio fundacional e réxime orzamentario da asociación.

j) Procedemento de modificación dos Estatutos.

k) Supostos de disolución e aplicación que teña que darse ao patrimonio social cando esta se produza.

4. Inscrición rexistral: Trátase de inscribir a asociación no Rexistro da Comunidade Autónoma, quen lle comunicará ao Rexistro Nacional de Asociacións os asentos de inscrición e disolución das asociacións de ámbito autonómico. É necesario tamén inscribir a asociación no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC).

5. Regulamento de Réxime Interno: Non é obrigatorio legalmente, aínda que si é conveniente. É un documento normativo que, desenvolvendo os estatutos sobre cuestións concretas, regula a orde e a convivencia na asociación. Cuestións tales como disposición das chaves, rotacións e obrigas das persoas, regras sobre persoas alleas á sociedade etc. é conveniente consensualas e poñelas por escrito.

6. Local social: Tampoco é obrigatorio legalmente dispoñer dun local, aínda que é importante. Depende dos seus fins. Hai asociacións sen local propio que poden cumprir os seus obxectivos.

Para poder mercar ou alugar un local a nome da sociedade, e tamén para responder da luz, o gas, realizar unha hipoteca etc. é necesario que a asociación estea rexistrada para, deste xeito, ter un NIF e personalidade xurídica para realizar estas accións.

As competencias sobre asociacións están transferidas a todas as comunidades autónomas, aínda que só algunhas teñen capacidade dispositiva. O resto só ten capacidade de execución, é dicir, encárganse de levar o rexistro de asociacións da súa comunidade, pero sen capacidade de lexislar ao respecto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión