Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de decembro de 2017

Delso salienta que a realización das obras dependentes de Fomento nas Naves do Metrosidero, así como a cesión definitiva ao Concello, “permitiría impulsar un equipamento público centrado na mocidade”

A concellería de Participación presentou o proxecto do goberno local para as infraestruturas que son obxecto do concurso de rehabilitación posto en marcha polo Goberno central

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou este luns o proxecto do goberno municipal para as Naves do Metrosidero, espazos que se atopan localizados no complexo da Comandancia Militar de Obras, propiedade do Ministerio de Defensa, e que son obxecto dun concurso para proceder á súa rehabilitación retomado en marzo deste ano por Fomento. A edil salientou que "a realización destas obras de renovación, así como a cesión definitiva da parcela e os inmobles ao Concello, permitiría posteriormente á administración local impulsar a creación dun novo equipamento público cidadán que, ademais de dar servizo a un colectivo específico, como é o da mocidade, dinamizaría toda a contorna".

A responsable municipal manifestou que as Naves do Metrosidero están chamadas a ser "un equipamento público e cidadán", así como "un espazo plural, diverso e inclusivo para a mocidade da Coruña", un colectivo "que foi abandonado tanto polo anterior executivo municipal como polo autonómico e o central" e que será un dos eixes sobre os que xirará o orzamento municipal do próximo ano. "Vimos de realizar un proxecto que se sostén sobre o concepto dun espazo accesible e facilitador que acompaña ás persoas que están nese grupo de idade a desenvolver as súas inquedanzas creativas, produtivas, de investigación, de aprendizaxe...", comentou a responsable municipal, que engadiu que "o espazo debería estar dotado de áreas interiores e exteriores que posibilitasen un uso polivalente e diverso". A proposta pasa porque cada unha das tres naves que, previsiblemente, serán rehabilitadas por Fomento, desenvolvan distintos usos con vontade de confluír nos espazos comúns de convivencia e integración.

Delso salientou a existencia de catro ideas clave á hora de formular os usos destes espazo. Así, a responsable municipal salientou a necesidade dunha Nave de Prácticas Deportivas Urbanas, unha segunda destinada a Formación e Obradoiros, unha terceira para Actividades e Ensaio, así como a posta a punto dunha serie de espazos exteriores e de convivencia.

O proxecto da nave destinada a prácticas deportivas está ideado como un espazo para a práctica e formación de deportes urbanos, como é o caso do skate, o parkour, a patinaxe, o rocódromo, etc. Por outra banda, a nave de formación e obradoiros sería un espazo de carácter versátil para desenvolver actividades, obradoiros e formación en emprendemento, tecnoloxía, deseño, videoxogos, xogos de tol, fotografía e outros temas de interese para a mocidade. "A idea é que esta nave dispoña de diferentes aulas, versátiles, dotadas de luz natural, ventilación, mobiliaria móbil e pregable e armarios para almacenar materiais. Tamén plantexamos a creación dun espazo de taller, no que poder realizar actvidades de maior evergadura e con máis asistentes", salientou.

A terceira das naves, segundo o proxecto plantexado polo goberno local, estaría destinada a albergar actividades de ensaio, investigación, residencia, formación, producción e presentacións de ámbito escénico tales como circo, danza, teatro, música, poesía e outras relacionadas coas artes vivas, visuais e prásticas Tamén se prevén espazos "integradores", que serán "de encontro e transición, de uso común entre persoas con intereses diversos". "Estes espazos contarían, por exemplo, con conexión a internet e mobiliario móbil, para poder adaptalo ás necesidades da mocidade e realizar diferentes tipos de actividades", dixo. O complexo disporía tamén dunha estación de BiciCoruña, así como un aparcadoiro de bicicletas coa intención de favorecer o transporte sostible. Estas zonas poderían tamén estar dotadas de espazos para hortas urbanas, así como a infraestrutura necesaria para a compostaxe.

Modelo de xestión

A titular de Partcipación indicou que as Naves do Metrosidero "serán un equipamento público municipal, así como terán un sistema de xestión plural no que convivirán servizos municipais, programas e actividades públicas, un equipo de dinamización propio e espazos de autoxestión e actividades organizadas por entidades xuvenís, colectivos informais e/ou pola propia mocidade usuaria". A proposta municipal pasa porque o espazo estea aberto 365 días ao ano e sete días á semana "nun horario flexible para o público ao que se vai dirixir as actividades que está chamado a acubillar". "As naves teñen que dotar á mocidade como suxeito activo, empoderado e protagonista. Estas liñas básicas de definición do proxecto concretaranse nun espazo de traballo aberto e colaborativo coa mocidade", explicou.

A concelleira fixo fincapé na falla de espazos e de políticas encamiñadas cara a mocidade durante o pasado mandato. "Na Coruña viven, hoxe en día, case 40.000 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos, algo máis do 16% da poboación, unha porcentaxe, por certo, moi similar a do conxunto da área metropolitana", manifestou, para incidir na necesidade de habilitar un espazo público onde poder dar unha resposta ás demandas deste colectivo.

"Co proxecto das Naves do Metrosidero tratamos de sentar as condicións para que a mocidade da Coruña, e por extensión, de toda a área metropolitana, teñan espazos públicos nos que intercambiar, experimentar, producir, aprender e emprender nun espazo de referencia", explicou, para subliñar a importancia do traballo participativo que o seu departamento leva desenvolvendo coa mocidade dende hai aproximadamente un ano, "habilitando diferentes espazos para escoitar e debater cos mozos e mozas sobre as súas preocupacións, prioridades e necesidades". "A Coruña conta xa cun Plan de Emprego Xuvenil, actividades específicas públicas de ocio e lecer, programas de dinamización xuvenil, un espazo pioneiro para a mocidade na Sagrada Familia, ou edición dunha revista específica para a xuventude", dixo a edil, que tamén anunciou a posta en marcha, a partir do próximo ano, "dunhas xornadas anuais de participación para a mocidade entre outras medidas". "O desenvolvemento deste proxecto municipal responde a unha demanda existente por parte da mocidade, pero que ademais, e segundo poidemos comprobar, tamén é reclamada polas propias familias", explicou Delso, que indicou que as actuacións que se desenvolvan, por parte do Concello, neste espazo "asentaranse sempre sobre a base do diálogo". Así, manifestou que "se ben hoxe, con esta rolda de prensa, realizamos a presentación pública do noso proxecto, este xoves, no Centro Cívico da Cidade Vella, ás 19.00 horas, o explicaremos e comentaremos nun acto aberto a toda a cidadanía e ao que están invitados todos os colectivos e entidades interesadas".

Documentos:

Información sobre o proxecto para as naves do Metrosidero (4 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión