Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xullo de 2017

O Concello acometerá en setembro a urbanización do Camiño do Correlo, en Feáns, para renovar o pavimento e mellorar a iluminación e as canalizacións

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o grupo de Goberno participaron este sábado nun novo encontro Dillo Ti coa veciñanza desta zona, no que tamén se abordaron outras actuacións de mellora nos núcleos rurais da cidade, como a próxima recuperación do río de Feáns

O alcalde, Xulio Ferreiro, e boa parte de concelleiras e concelleiros do grupo de Goberno participaron este sábado nun novo encontro Dillo Ti coa cidadanía, celebrado no centro veciñal de Feáns, e no que o rexedor deu conta do traballo que está a desenvolver o Concello "para intentar coidar esas zonas menos visibles da cidade que representan os núcleos rurais como Feáns ou A Silva, lugares non tan poboados como outros barrios pero que son tan importantes na idiosincrasia da cidade". Nese sentido, salientou que unha parte dos 15 millóns de fondos europeos para as estratexias DUSI obtidos polo Concello se dedicará á mellora de núcleos rurais como o de Feáns. Igualmente, o rexedor avanzou o proxecto que se desenvolverá en setembro, para a urbanización do Camiño do Correlo, no que se procederá a canalizar pluviais, reforzar a iluminación e realizar outras melloras, "en resposta ás demandas dos e das veciñas da zona". Como indicou a este respecto o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, o proxecto está listo e en proceso de licitación, e comprenderá a renovación do pavimento "para evitar problemas de fochancas e de maleza" e a separación do tránsito peonil e do tráfico nunha plataforma á mesma altura, ademais da canalización de todos os servizos. "A mellora e acondicionamento desta rúa é unha demanda histórica deste barrio; imos poñela en condicións", salientou Varela.

Na súa intervención, o alcalde tamén avanzou a próxima recuperación ecolóxica do río de Feáns para dotalo dunha senda peonil, "unha actuación urbanística que traerá aparellada unha recuperación etnográfica, dos nomes tradicionais", e falou tamén das melloras que se efectuarán neste exercicio para mellorar a accesibilidade e pacificar o tráfico na zona do colexio do barrio, froito do primeiro proceso do Orzamentos Participativos. Do mesmo xeito, Ferreiro lembrou algunha das actuacións xa realizadas polo executivo coruñés na zona, como a recuperación do camiño do Castro de Elviña ou do rego que permite canalizar as augas que en ocasións anegaron a contorna do centro cívico.

Na súa intervención, o rexedor tamén recordou o programa de subvencións municipais para rehabilitación de vivendas, que este ano aumentan as axudas para rehabilitación de vivendas unifamiliares, como as dos núcleos rurais, ata un 30% do total da obra, e deu conta tamén do proceso que está a desenvolver o Concello para a adquisición de vivendas en mal estado e soares, para a súa posterior recuperación, que dá a posibilidade ás persoas propietarias de ofrecer á venda estas parcelas para ampliar o parque municipal de vivenda.

En relación ao estado das fincas en zonas como Feáns falou tamén durante o Dillo Ti a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen lembrou o aumento de investimento que realiza o Concello para rozar o conxunto das parcelas municipais e para notificar ás e os propietarios para que manteñan limpas as súas, dentro do plan de prevención de lumes. Tamén, García puxo de relevo o resultado do estudo desenvolvido pola concellería sobre a diversidade da Coruña, "que amosa que Feáns ou o Castro de Elviña son das zonas da cidade de maior valor ecolóxico e maior diversidade de especies animais e vexetais".

No curso do encontro, o concelleiro de Rexeneración Urbana tamén aludiu ao importante reforzo dos investimentos para o mantemento, tanto de beirarrúas --dos 2,4 millóns de euros aos 3,2-- como do pavimento --actualmente en licitación-- realizado polo Goberno municipal dentro do esforzo e a aposta pola mellora do espazo público, e fixo mención a actuacións neste sentido como a renovación das beirarrúas da urbanización Breogán, "que non se melloraban desde 1976 e nas que se investiron arredor de 250.000 euros". Pola súa banda, a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destacou algunha das medidas impulsadas desde o seu departamento para a atención a persoas maiores, desde a reformulación do programa de Bonotaxi, "para dar acceso ás persoas con mobilidade reducida, e sobre todo a aquelas con menos recursos", e o incremento do investimento, e outras como o Talón Restaurante, a Axuda a Domicilio, ou o programa de axuda as persoas coidadoras. "Nesa liña seguiremos traballando", quixo incidir.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión