Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2017

Este sábado 16 o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a edil Claudia Delso achegaranse ao punto informativo que se instalará no Obelisco

Máis de 700 veciñas e veciños votan propostas de investimento nos Orzamentos Participativos

Calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na Coruña poderá participar nesta última fase do proceso até o 24 de setembro. As propostas que máis votos reciban incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral municipal de 2018

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de dar a coñecer os primeiros datos de participación na última fase do proceso de Orzamentos Participativos. Desde o venres día 8, data de inicio da fase de votación, e ata este xoves 14 pola mañá, máis de 700 veciñas e veciños da Coruña emitiron máis de 4.000 votos dirixidos ás súas propostas de cidade e distrito preferidas á través da plataforma dixital www.aportaaberta.coruna.es. Aquelas que reciban máis votos, ata un millón de euros no caso de propostas de cidade, e, dentro de cada distrito, ata un máximo de 200.000 euros, incorporaranse á proposta inicial de Presupostos do Concello da Coruña de cara ao ano que vén.

Para participar nesta última fase, non é preciso ter participado anteriormente. Calquera persoa con 16 anos cumpridos e empadroada na Coruña pode votar entre as 141 propostas achegadas e apoiadas pola cidadanía nos últimos meses. Dentro deste proceso definitivo, que estará aberto até o domingo 24 de setembro ás 23.59 horas, as persoas interesadas poderán votar, a través do portal web de A Porta Aberta, unha ou varias propostas para toda a cidade --ata 1 millón de euros--, e unha ou varias propostas --ata o importe total de 200.000€-- nun distrito da súa elección.

Co obxectivo de promover e facilitar a participación, o goberno local habilita nesta última fase dos Orzamentos Participativos dous novos puntos de información e dinamización. Así, a veciñanza poderá achegarse tanto o sábado 16 ao Obelisco como o sábado 23 á Praza de Pontevedra, en horario de 16:00 a 21:00, espazos nos que atopará información detallada do proceso, pero no que tamén se poderá consultar as propostas candidatas e votar a través de dispositivos móbiles. Estes puntos, tal e como promove a Concellería noutros programas, contarán ademais con áreas de xogo e descanso para facilitar a conciliación. Precisamente este sábado 16, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a edil de Participación, Claudia Delso, coñecerán de primeira man estes novos espazos informativos.

Igual que nas fases anteriores do proceso, o Concello pon tamén a disposición das persoas interesadas en participar espazos de apoio en todas as bibliotecas e centros cívicos municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e na Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, así como información detallada no teléfono gratuíto de atención cidadá 010. Ademais, desde o luns 11 de setembro o bus itinerante dos Orzamentos Participativos percorre os barrios e prazas da cidade con persoal dinamizador, facilitando así a participación e informando do proceso a quen queira achegarse.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión