Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de setembro de 2017

O alcalde confirma á veciñanza que trasladará, na vindeira reunión co presidente de Puertos del Estado, a posición do goberno local sobre o futuro dos peiraos, “que deben ser un espazo público que facilite a relación da cidade co mar e un pulmón produtivo”

O alcalde destaca as actuacións en materia de rehabilitación que o goberno local acometerá en Durmideiras e que farán do mercado e a súa praza “o centro da vida do barrio”

Nunha nova edición dos encontros coa cidadanía ‘Dillo Ti’, o rexedor explicou que o Concello abordará novas actuacións de accesibilidade no barrio, ademais da reparación do mobiliario urbano e as zonas verdes, e a colocación dunha estación de Bici Coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno local realizaron esta mañá un encontro coa veciñanza de Durmideiras, dentro do programa participativo 'Dillo Ti'. O rexedor explicou as próximas actuacións que o executivo ten previsto acometer no barrio, entre as que destaca o proxecto de rehabilitación e revitalización do mercado e a praza de Durmideiras, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros. "Neste momento, podedes ver como os paneis informativos da actuación están xa colocados no barrio. Este proxecto será executado a partir do ano que vén, nunha parte grazas aos fondos europeos DUSI conseguidos polo goberno local", comentou o primeiro edil, que destacou a importancia de que as prazas de abastos "non sexan só centros de abastecemento, senón tamén centros de vida dentro do barrio". O proxecto contempla, ademais da renovación dos  postos, unha reconfiguración da praza de abastos, que pasará a estar orientada cara ao exterior,  e que contará cun espazo polivalente na zona central para usos sociocomunitarios e un pequeno recinto baixo-cuberta onde poder situar un servizo de abastecemento, na planta superior.

Ao fío das actuacións en materia de rehabilitación na zona de Durmideiras, Ferreiro tamén destacou as actuacións que se están a acometer no cemiterio de San Amaro. "Imos impulsar novas actuacións de mellora, que complementarán as que xa postas en marcha neste mandato e que tamén están suxeitas a eses fondos europeos captados polo Concello", explicou, á vez que fixo fincapé no proxecto de catalogación de tumbas históricas posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente. "Destinar fondos ao cemiterio de San Amaro é fundamental, tendo en conta que se trata dun gran patrimonio histórico, non só para este barrio, senón para toda a cidade", dixo.

No que atinxe á rehabilitación de monumentos e espazos de carácter memorístico e cultural, o alcalde puxo en valor o traballo levado a cabo polo actual goberno local para que o antigo cárcere provincial puidese ser aberto á cidadanía. "Nestes momentos as obras de rehabilitación de distintos espazos do inmoble están en marcha e a previsión é que estean rematadas cara a final de ano. Así, poderemos abrir o antigo cárcere para poder levar a cabo actividades de dinamización cultural", comentou.

En canto a asuntos de carácter urbanístico, o alcalde aludiu á edificabilidade na zona de Agra de San Amaro. "No seu momento recoñecéronse uns dereitos de edificabilidade que eran e seguen a ser contrarios aos principios de protección de elementos de tal importancia como a Torre e a necesidade de espazos verdes da contorna. A este respecto, o Concello aprobou unha moción que implicaba a intención de que non se edifique nesta zona. O asunto é complexo, pero este goberno local mantén o seu compromiso con esta decisión", indicou. "Creo que na Coruña hai moitos exemplos de actuacións urbanísticas realizadas no pasado que non son positivos. Ao mesmo tempo, estamos a abordar a modificación do planeamento urbanístico para levar a efecto a vontade de todos e todas e conseguir que a Agra de San Amaro non sexa unha acumulación de volumes e si un espazo verde para o barrio", argumentou.

"O recoñecemento da edificabilidade na zona da canteira de Durmideiras deriva de dereitos recoñecidos a propietarios nun momento no que o urbanismo nesta cidade se entendía dunha forma distinta. Estamos a actuar na modificación do planeamento, pero queremos facer as cousas polo libro. Non queremos, como ocorreu con outros gobernos municipais, deixar hipotecas para os que veñen detrás, que ao final teñan que ser pagadas e asumidas pola cidadanía. Non queremos pechar as cousas de forma que dentro dunha década a cidade teña que enfrontarse a demandas millonarias", aclarou. "Dende logo, o que non imos facer é continuar cunha liña de urbanismo caduco, que só hipoteca á cidade", dixo.

Por outro lado, o Concello acometerá unha mellora do mobiliario urbano de toda a zona verde do barrio cara á praia, tendo en conta tamén a pasarela de madeira da zona, que se substituirá por un camiño, e, en cumprimento dos proxectos da veciñanza aprobados dentro do proceso de Orzamentos Participativos, colocará  nas próximas semanas unha nova estación de Bici Coruña.

Accesibilidade

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, evidenciou o empeño do Concello porque A Coruña sexa verdadeiramente unha cidade accesible, que teña en conta as diversidades da sociedade. "Aínda que as accións na cidade neste senso levan décadas de atraso, este goberno acometeu máis de 200 actuacións en materia de accesibilidade dende que chegou a María Pita". Así, no caso de Durmideiras, destacou que o proxecto para a rehabilitación do mercado segue criterios de accesibilidade, especialmente en todas as entradas ao recinto. Ademais, está previsto que o ano próximo, se elabore o documento técnico que derivará na licitación dunha nova obra para garantir a accesibilidade na costa de Durmideiras.

Bordo Litoral

Noutra orde de asuntos, o alcalde aludiu á reunión que manterá co presidente de Puertos del Estado, José Llorca, o vindeiro 24 de outubro logo das reiteradas peticións por parte do Concello para manter ese encontro, no que se lle presentará o proxecto do executivo municipal con respecto aos terreos do bordo litoral da cidade que serán desafectados. A intención do goberno local é que eses terreos sexan devoltos a cidadanía e se garanta o seu uso e xestión públicas. "Non ten sentido que, como se acordou no pasado, estes terreos que foron historicamente da veciñanza, se hipotequen para financiar a débeda millonaria dunha administración como o Porto da Coruña derivada da construción de Langosteira", evidenciou.

O alcalde recordou a aposta do goberno local porque as administracións con competencias neste asunto se impliquen mediante unha fórmula de carácter consorciado para garantir garantir a titularidade e xestión públicas destes terreos, sen prexuízo do avance e optimización do Porto Exterior. "Cremos que é unha infraestrutura que pode ser fundamental non só para a cidade, senón para toda Galicia, e tamén para mellorar a seguridade marítima, pero é necesario apostar por ela, por exemplo, coa conexión por ferrocarril, que debe ser contemplada e dotada dos orzamentos necesarios por parte do goberno central, porque sen conexión por tren non se pode soster", explicou. "Na franxa litoral, é preciso abandonar o modelo de especulación inmobiliaria por outro modelo, outra nova economía vinculada ao mar e á innovación que non hipoteque á cidade, que sirva para crear espazos públicos con continuidade con Méndez Núñez, recuperando a relación natural da cidade co mar, e con equipamentos públicos", dixo, á vez que recordou o proxecto municipal do Museo da Emigración, único en Galicia, "para recuperar a memoria deses milleiros de persoas que partiron dende os peiraos". "É unha das posibilidades que plantexamos, o mes que vén, cando por fin veña o presidente de Portos del Estado, esperamos poder alcanzar algún acordo que nos permita camiñar nesta dirección, xa que cremos que todos coincidimos xa en que é único camiño posible", manifestou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión