Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de marzo de 2018

O alcalde salienta as actuacións municipais nos núcleos de Nostián e Bens, que neste mandato rozarán o medio millón de euros, e entre as que destacan a reurbanización de rúas, a creación de beirarrúas e a canalización de pluviais

Xulio Ferreiro e o resto do equipo de goberno participaron este sábado nun novo encontro Dillo ti coa veciñanza, e deron conta dalgúns dos proxectos previstos, como a construción dun parque infantil a través dos orzamentos participativos

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do grupo de goberno participaron este sábado nunha nova edición dos encontros participativos coa veciñanza Dillo Ti, que se celebrou no centro veciñal de Nostián. No mesmo, o rexedor anunciou as actuacións realizadas e as previstas para este núcleo histórico da cidade así como para o de Bens no presente exercicio, que chegarán ao medio millón de euros no mandato. Entre elas destacou a implantación de beirarrúas na estrada de Nostián, que se suman ás obras de reurbanización xa acometidas, co asfaltado e canalización de pluviais. O ámbito de intervención desta obra corresponde ao treito que vai dende a contorna da marquesiña do autobús na parada de Nostián até o desvío cara ao polígono de La Artística. Será unha obra de preto de 100.000 euros para ubicar a beirarrúa pola beira norte da estrada, na primeira fase dun plan que contempla a creación de novas beirarrúas en anos vindeiros.

Ademais, e segundo apuntou o alcalde, tamén está previsto un investimento de case 130.000 euos para abordar melloras na pista polideportiva da cuberta de Mazaído, como é a iluminación e o muro de contención da mesma. Do mesmo xeito, e en canto á mellora do espazo público, está prevista a construción dunha área de xogos na contorna do local veciñal de Bens, no camiño que conecta con Mazaído e Comeanda.

O executivo municipal tamén ten previsto obter a titularidade do treito correspondente á Coruña na estrada entre a Cala de Bens e Suevos, espazo que corresponde ao trazado do carril bici metropolitano. Obtido o terreo, poderá procederse á redacción do proxecto viario.

O primeiro edil coruñés salientou que as intervencións en Nostián "non acaban aquí" e terán distintas fases. "Os núcleos rurais da cidade estiveron abandonados durante moitas décadas. O distrito que conforman Nostián e Bens é un núcleo bastante extenso para as 400 persoas que residen nel, polo que somos conscientes de que durante décadas vos sentíchedes desatendidos. O goberno local ten o empeño de actuar e mellorar as deficiencias históricas de todos os núcleos rurais que existen na cidade", indicou. A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, sinalou que, ademais das actuacións en Nostián e Bens, o Concello xa acometeu actuacións de mellora de accesibilidade, reurbanización e saneamento en Feáns e en Palavea.

Entre as actuacións xa realizadas en Nostián no que vai de mandato destaca a obtención de terreos para a construción dun novo aparcadoiro, así como a construción de beirarrúas na avenida de Nostián, a mellora da accesibilidade ao castro de Nostián e ao lavadoiro e a renovación das redes de servizo e soterramento das liñas aéreas, unhas actuacións de saneamento que continuarán en seguintes fases.

Noutra orde de asuntos, a concelleira de Medio Ambiente, María García, manifestou que a zona de Nostián está entre as prioridades do Concello á hora de abordar actuacións de limpeza e roza para evitar o risco de incendios. "Nostián é unha zona prioritaria, debido tanto á súa condición de núcleo rural como pola situación da refinería, onde incluso o Concello levou a cabo actuacións subsidiarias. Este ano vaise seguir traballando e incrementando esta categoría de lugar de especial protección ante lumes", comentou a responsable municipal.

Ao respecto do coidado ambiental, García recordou o traballo realizado polo executivo municipal dende a súa chegada a María Pita en 2015 para esixir a Albada o selado dos dous vasos do vertedoiro de Nostián xa colmatados. A concelleira recordou que é Albada, concesionaria da planta, a responsable do selado, sendo a Xunta de Galicia a administracións con competencias para esixirlle esta actuación. A responsable de Medio Ambiente manifestou a intención do Concello de manter unha reunión coa Xunta de Galicia de cara a abordar o necesario tema do selado. "Para o Concello esta actuación é primordial, pero tamén temos claro que a administración local non pode asumir actuacións que non son da súa competencia e que xerarían un gasto nas arcas municipais, de todos e de todas", apuntou Ferreiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión