Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de marzo de 2019

O Concello da Coruña asina un convenio coa Deputación para implicar ao alumnado do IES Calvo Sotelo no deseño do mobiliario das Naves do Metrosidero

A edil Claudia Delso incide “na importancia de que sexa a propia mocidade a que teña a oportunidade de decidir e definir os seus propios espazos de convivencia e lecer”

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, asinou esta mañá un convenio coa Deputación provincial que ten como obxectivo facilitar que o alumnado do grao medio en instalación e amoblamento do IES Calvo Sotelo participe no deseño do mobiliario para as Naves do Metrosidero, o proxecto do goberno municipal que dará lugar á creación dunha serie de equipamentos de referencia para a mocidade no antigo complexo da Comandancia de Obras.

O documento, que por parte da Deputación asinou o responsable de Promoción Económica, Turismo e Emprego, Jorge García, establece as bases de cooperación entre os dous entes públicos para promover a implicación e participación do alumnado deste ciclo na realización dunha análise sobre as necesidades e solucións de deseño do mobiliario das Naves, actualmente en construción. Segundo a concelleira Claudia Delso, esta proposta "dá continuidade á liña de traballo baseada na participación e empoderamento veciñal que se levou a cabo nos últimos meses", en referencia ao proceso de participación cidadá para deseñar o modelo de xestión e o plan de usos do espazo no que se asentan as Naves. "É moi importante que sexa a propia mocidade a que, como suxeito activo, defina os seus lugares de convivencia e de lecer. Ademais, o propio alumnado do IES Calvo Sotelo poderá contar coa experiencia da posta en práctica dos seus coñecementos a través dun proxecto que se atopa nun contexto real e tanxible na súa contorna", expresou a responsable municipal.

A sinatura deste convenio, que terá validez até o 30 de abril de 2020 --e que se poderá prorrogar anualmente por acordo expreso das partes até un máximo de catro anos--, non suporá ningunha achega económica por parte do ente provincial, que si será responsable de facilitar os medios materiais para o desenvolvemento dos traballos de deseño e construción dos prototipos de elementos do mobiliario. A realización destas propostas --así como o seu almacenamento-- levarase a cabo nas dependencias do propio centro formativo, no que se poderá facer uso das aulas e obradoiros para tal fin.

Tal e como sinala o texto, o convenio está vinculado ao desenvolvemento do Plan de Emprego Local 2016-2019 da Deputación, xa que unha das liñas de actuación do programa é o fomento do emprego na provincia en colaboración con outros entes e, en concreto, o fomento da inserción no mercado laboral da mocidade. Neste sentido, a proposta asinada esta mañá incide na colaboración entre administracións públicas para acadar políticas activas dirixidas á mocidade co obxectivo de incrementar as súas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión