Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xaneiro de 2018

O goberno local promove a celebración dunhas xornadas de participación xuvenil abertas á veciñanza para "afondar na transversalidade das políticas públicas dirixidas á mocidade"

A inscrición para asistir ao encontro, que se celebrará o 27 de xaneiro no Centro Ágora, poderase formalizar desde mañá a través do web municipal www.coruna.gal/cmix

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta mañá as xornadas de mocidade e participación xuvenil Descubrir, aprender e construír en comunidade, unha proposta dirixida a favorecer a creación dun espazo de traballo colaborativo para compartir experiencias e proxectos entre institucións públicas e entidades e colectivos xuvenís. "Estas xornadas son un banzo máis na aposta que o goberno local está a realizar pola mocidade estes dous últimos anos. A xuventude precisa de políticas transversais que dean resposta ás necesidades da mocidade, así como compromisos firmes por parte das administracións públicas", expuxo a edil durante a presentación, celebrada no Pazo de María Pita, na que lembrou medidas postas en marcha destinadas ao colectivo, como os procesos participativos Participadoiros, o Plan de Emprego Xuvenil, ou o espazo de dinamización xuvenil na Sagrada Familia. Agora, coa celebración destas xornadas, o executivo municipal "pretende facer unha aposta polo traballo en rede, para dar resposta a cuestións que as entidades e colectivos trasladan desde hai anos, como é a de xerar espazos de coñecemento que potencien o traballo conxunto entre colectivos, persoal técnico do Concello e da área metropolitana, así como das e dos representantes políticos", sinalou Delso, quen cualificou o traballo que se desenvolverá en común como "fundamental" para que "a transversalidade das políticas de mocidade sexa unha realidade".

O encontro, aberto á cidadanía en xeral, e dirixido especificamente ao público que traballa co colectivo xuvenil, terá lugar o 27 de xaneiro no centro Ágora, e desenvolverase en horario de mañá e tarde, a partires das 10.00 horas. A xornada comezará cunha exposición, por parte de Claudia Delso, das liñas de traballo que o goberno local está a levar a cabo en relación ás politicas dirixidas a mocidade. De seguido, terá lugar un Relatorio marco sobre a participación xuvenil, para contextualizar as xornadas, que impartirá o formador e animador sociocultural Antonio Moreno, membro do Colectivo de Educación para a Participación - CRAC. O parladoiro dará paso a unha mesa de experiencias, "na que se abordarán proxectos feitos por e para a mocidade, dende a óptica da administración local e dunha entidade sen ánimo de lucro", segundo apuntou a concelleira. En primeiro lugar, Diego Garulo dará a coñecer a situación do espazo Harinera de Zaragoza e a xestión compartida do equipamento; mentres que Tarama Lema, membro da Fundación Eduardo Pondal, falará da xestión de proxectos desde o punto de vista das entidades.  Tras unha pausa, terá lugar un espazo de traballo que permitirá poñer en común impresións e propostas entre as persoas asistentes.

Xa pola tarde, terán lugar espazos de encontro así como talleres e exhibición realizados polas diferentes entidades e colectivos participantes na xornada. Para máis información sobre Descubrir, aprender e construír en comunidade, así como para formalizar a inscrición, pódese visitar, desde mañá e até o 23 de xaneiro, o web municipal www.coruna.gal/cmix

Documentos:

Programa Xornadas de mocidade e participación xuvenil (344 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión