Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de febreiro de 2019

Nocturnia incrementa a descentralización nos barrios das actividades de ocio alternativo para a mocidade, que se reforzan neste semestre con obradoiros sobre igualdade e diversidade afectiva e sexual

A concelleira Claudia Delso salienta que a iniciativa celebra por primeira vez actividades en Novo Mesoiro, Os Rosales e a Cidade Vella. A edil presentou tamén o novo número da revista ‘Coruña Mutante’, que está centrado no 8 de marzo e fai un percorrido polos recursos municipais en torno á igualdade, especialmente os orientados para os mozos e as mozas.

A concelleira de Participación e Innovación, Claudia Delso, presentou esta mañá as actividades de lecer alternativo para a mocidade que recolle a iniciativa municipal Nocturnia, que inicia a programación do vindeiro semestre centrándose na igualdade e nas accións vinculadas ao 8 de marzo. A edil salientou que tanto o novo número da revista Coruña Mutante como a programación de Nocturnia teñen unha "compoñente moi importante sobre a igualdade". "Como vimos o pasado 8 de marzo, a mocidade ábrese paso, vai por diante e marca a axenda ás administracións. Estes acontecementos esixen unha programación contundente con iniciativas e formación en igualdade e en educación afectivo-sexual", explicou Delso. Así, o calendario de actividades de Nocturnia incorpora, en colaboración co Centro de Orientación Familiar (COF) e co colectivo D-Xenera, os obradoiros sobre saúde afectivo-sexual Falando de diversidade e Isto do sexting, que é? e o ciclo Educando en Igualdade. Ademais, a revista Coruña Mutante fai un percorrido polos recursos dos que dispón o Concello en relación á formación en diversidade e igualdade, especialmente nos enfocados para a mocidade como poden ser as tardes xoves do propio COF, a campaña Mulleres que transforman realidades sobre o 8 de marzo e a Escola de Emporamento postas en marcha pola área de Igualdade e Diversidade ou propostas de lecturas e películas para o ocio e a reflexión arredor desta temática.

A nova programación de Nocturnia, iniciativa destinada a mozas e mozos de entre 12 e 30 anos e que ten con obxectivo favorecer unha educación para o lecer saudable e xerar hábitos que promovan o desenvolvemento integral da xuventude, continúa tamén incrementando o número de prazas e de actividades, así como a súa descentralización nos barrios. Entre os meses de febreiro e xullo celebraranse 118 actividades "centradas no ocio pero tamén na inculcación dunha serie de valores fundamentais que as administracións públicas teñen a responsabilidade de impulsar" para as que están dispoñibles un total de 2047 prazas, que aumentan lixeiramente respecto ao mesmo período do ano pasado. Tal e como indicou Delso, a Concellería de Participación recolleu as demandas cidadás ao respecto dunha maior descentralización das actividades nos barrios, polo que a programación de Nocturnia chegará neste semestre a Novo Mesoiro, nos novos espazos TEU, á Cidade Vella e ao barrio dos Rosales, "unha petición que recollemos hai unhas semanas no encontro Dillo Ti que se celebrou no barrio", apuntou a edil. Nesta mesma liña, o programa incorpora tamén ás demandas das ANPAs da cidade e se reforzan as actividades para a mocidade entre os 12 e os 17 anos.

As actividades, que comezan na derradeira fin de semana de febreiro e continúan ata a primeira do mes de xullo, están enfocadas ás actividades ao aire libre e aos deportes, á creación, á formación e aos xogos e á experimentación. Elas, tal e como insistiu Delso, están destinadas a reforzar valores como o coidado ambiental e a loita pola minoración do cambio climático ou a descuberta do bordo litoral da cidade, "un espazo que se xoga o seu futuro co destino dos peiraos interiores e no que debe estar implicada toda a cidadanía e tamén a mocidade, que pode así coñecelo e experimentalo". Nese sentido, volven moitas actividades vencelladas ao mar, dende iniciación á navegación ás rutas en kaiak, e as accións destinadas para coñecer a cidade, con roteiros polo porto, rutas modernistas ou visitas nocturnas ao castro de Elviña. Na programación tamén teñen cabida novas actividades físicas "que contribúen a ampliar a oferta de deporte alternativo e a diversificar a práctica" como o jugger ou o quidditch que se compaxinarán con outros que "en edicións anteriores tiveron moi boa acollida" como a esgrima ou a escalada.

O prazo de inscrición abrirase o luns previo á fin de semana de actividade, contra ás 16.00 horas, no espazo web municipal do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), http://www.coruna.gal/cmix, e pecharase os xoves ás 12.00 horas, ou ata que se esgoten as prazas das distintas propostas. As actividades, que son gratuítas, desenvólvense habitualmente en horario nocturno os venres e sábados, agás en propostas puntuais que poidan ter lugar ao longo de toda a xornada ou noutro momento do día; e desenvólvense en distintos equipamentos municipais, como son o Pazo dos Deportes, Ágora, Fórum Metropolitano, Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) ou os TEUs de Novo Mesoiro, que se incorporan á nova quenda de programación. Tamén haberá, como é habitual, diversas propostas de lecer vinculadas ou ao aire libre, e que levarán aos grupos de participantes até espazos urbanos, como o castro de Elviña, o bordo litoral ou a Cidade Vella , así como a zonas verdes doutros municipios, como poden ser o Castro de Baroña, Os Ancares, Fisterra ou a Terra Chá, entre outros.

A concelleira, que enmarcou a programación de actividades de Nocturnia na aposta do Goberno local en distintas liñas de acción enfocadas aos rapaces e ás rapazas da cidade, lembrou que o vindeiro venres comeza no centro Ágora a II edición das Xornadas de Mocidade e Participación Xuvenil, un espazo organizado pola concellería para "reflexionar sobre a necesidade de aplicar unha visión transversal nas políticas de mocidade e abordar o reto de cal debe ser a axenda municipal para a mocidade hoxe". Así, o  programa preséntase baixo o epígrafe 'As políticas de xuventude: retos e metas' e nel participarán persoas responsables dos departamentos de xuventude de concellos do Estado. "É unha oportunidade para atoparnos con outros municipios, especialmente os da área metropolitana, xa que as xornadas están orientadas tanto para público xeral como para persoal técnico dos concellos", indicou Delso. A inscrición para participar é gratuíta, e poderá realizarse a través do Centro Municipal de Información Xuvenil, www.coruna.gal/cmix, desde esta mesma tarde e ata o vindeiro día 21 ás 12.00 horas, ou ata esgotarse as 100 prazas dispoñibles. As consultas sobre a participación nas xornadas poden dirixirse ao enderezo xuventude@coruna.es.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión