Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de agosto de 2018

A Xunta de goberno local dá luz verde ao prego que rexerá o concurso de ideas que profundará no debate sobre o futuro do bordo litoral e derivará nunha proposta conxunta de institucións e cidadanía

As persoas que cumpran cos requisitos establecidos nas bases terán tres meses para presentar as súas propostas sobre a transformación da fronte atlántica. Un xurado composto por representantes institucionais e académicos seleccionará os cinco mellores proxectos.

A Xunta de goberno local deu luz verde na reunión extraordinaria deste luns ao prego que rexerá as bases do concurso de ideas que o Concello sacará adiante co obxectivo de afondar no debate cidadán sobre o futuro da fachada atlántica da cidade, dende o Dique de Abrigo até o peirao de Oza. O concurso, baseado nas conclusións obtidas no proceso de investigación previo que concluíu coa celebración do foro Tecendo Litoral, ten como obxectivo fundamental "promover o debate e a participación de toda a cidadanía sobre o futuro dos peiraos interiores da cidade, así como crear un espazo para a colaboración e o concurso entre as distintas administracións involucradas na súa transformación". O titular de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou esta mañá que "con este concurso, ao que hoxe damos luz verde tras a aprobación das súas bases, contribuímos á creación dun banco de ideas que servirá de base para encamiñar o futuro desenvolvemento da fronte portuaria da cidade, así como para concretar as fórmulas e documentos estratéxicos de ordenación que haberá que poñer en marcha para garantir a protección, o uso e a titularidade pública destes espazos".

Tras a aprobación das bases do concurso, as persoas e entidades facultadas poderán presentar os seus proxectos para o aproveitamento da fronte litoral de aquí até final de ano. As propostas serán analizadas por un xurado institucional que seleccionará e premiará as cinco mellores (estas obterán un premio, cada unha, de 25.000 euros). Posteriormente, o proceso continuará coa posta en marcha dunha fase de votación cidadá, na que se empregará o portal habitual do Concello para estes procesos, www.aportaaberta.coruna.es, "no que se abrirá un espazo de debate sobre as propostas e sobre os criterios" empregados. "Desta forma, a cidadanía poderá seguir participando, de xeito directo, na definición dos usos e o futuro do noso bordo litoral", recordou a concelleira de Participación, Claudia Delso.

Principios de actuación

As propostas que se presenten ao concurso deben cumprir cuns principios de actuación como son "a necesidade dunha mirada multiescalar, tendo en conta o carácter urbano e metropolitano da fachada litoral, así como a súa inclusión nas redes portuarias transnacionais". Do mesmo xeito, os proxectos tamén terán en conta a necesidade de manter a titularidade pública destes terreos, así como o impulso a iniciativas de carácter público na súa transformación mediante a cooperación entre administracións. A aposta polos usos produtivos nunha parte dos terreos, conservando a actividade pesqueira e explorando a incorporación de novas actividades económicas limpas, baseadas na innovación de nas economías verde e azul é outro dos requisitos a ter en conta á hora de elaboración de propostas, así como a consideración do ámbito a tratar como un enclave urbano especialmente significativo, que debe funcionar como un lugar de oportunidade e de reequilibrio dos déficits dotacionais existentes na cidade. O criterio de sustentabilidade tamén será un alicerce fundamental na elaboración das propostas así como a "elaboración dun novo relato do porto e do litoral, que integre a participación, a gobernanza e a decisión colectiva sobre o futuro dos espazos obxecto da actuación e que sirva de base para a reformulación dos convenios subscritos".

Participantes

O concurso está aberto tanto a persoas naturais como xurídicas que desexen participar e que estean facultadas para facelo, de forma que posúan titulacións en Arquitectura ou Enxeñería de Camiños, Canles e Portos ou equivalente. Admitirase tamén a participación de equipos multidisciplinares ou agrupacións temporais de profesionais sempre e cando cumpran con estes requisitos. O prazo de presentación das propostas será de tres meses a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria do concurso no perfil do contratante municipal (prevista para este martes). A este respecto, Varela recordou que "as persoas interesadas en participar poderán realizar consultas tanto sobre as bases como sobre o procedemento durante un prazo de 15 días na dirección concursoideasporto@coruna.es".

Por outro lado, as propostas gañadoras serán elixidas por un xurado formado por 24 persoas, entre as que figurarán representantes das formacións presentes na corporación municipal, así como de institucións públicas e entidades significativas, como o caso da Universidade da Coruña ou os colexios de Arquitectura e Enxeñería de Camiños ou a Comisión Aberta en Defensa do Común.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión