Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2018

O executivo municipal advirte de que o protocolo “é unha auténtica hipoteca para a cidade, xa que pretende manter os prexudiciais acordos para a cidade que se asinaron nos convenios de 2004”

O alcalde lamenta a "deslealde institucional" amosada por Xunta e goberno central sobre o futuro do bordo litoral, e recorda "que tanto o Concello como a cidadanía farán todo o necesario para defender o seu patrimonio"

O goberno local recibiu a última hora desta mañá, dous días despois da celebración da súa firma pública, o protocolo de colaboración asinado por Xunta, Fomento, Puertos del Estado e Autoridade Portuaria que trata de excluír a Concello e veciñanza das decisións sobre o futuro da fachada atlántica

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, volveu a manifestar este venres a súa decepción polo feito de que esta semana se levase a cabo a firma dun protocolo entre Xunta, Fomento e Puertos del Estado, relativo ao futuro dos peiraos interiores da cidade que se irán desafectando e que deixa fóra tanto ao goberno da cidade como á propia veciñanza. Nunha comparecencia ante os medios, posterior á celebración da Xunta de goberno local, o rexedor lamentou que o protocolo se firmase "excluíndo ao Concello e á cidadanía e sen que, pasados seis meses, nin Xunta nin goberno do Estado tivesen a ben responder á primeira oferta de cooperación que se fixo, que partiu do executivo municipal, e que pasa pola constitución dun consorcio público para o impulso dun novo proxecto de maiorías para o coxunto do bordo litoral da cidade". Por outro lado, o primeiro edil tamén fixo fincapé no feito de que tiveron que pasar dous días do acto público de firma dese protocolo (ao que non foi convidado ningún representante do goberno local) para que o Concello recibise información sobre o mesmo. De feito, foi unha vez rematada a rolda de prensa ante os medios de comunicación cando o alcalde recibiu a citada documentación dende a Autoridade Portuaria da Coruña, que o goberno local está agora a analizar polo miúdo.

Mantemento dos convenios de 2004

A este respecto, e tras unha revisión inicial, o alcalde alertou de que "aínda que estamos a falar dun protocolo que, polo de agora, non se converteu en convenio, a documentación que hoxe recibimos demostra que o PP pretende manter a vixencia dos nefastos convenios de 2004", acordos que foron acordados baixo o mandato municipal de Francisco Vázquez. "O protocolo non só parece ter a intención de manter estes prexudiciais acordos para A Coruña, senón que advirte das consecuencias que podería ter para o Concello calquera tipo de modificación urbanística que afecte a aquel negocio". "Os convenios eran unha auténtica hipoteca para a cidade, que debe dar paso canto antes a un novo proxecto, sostible, innovador e que pense na xente. E para iso, o único que se pode facer é revisar aqueles convenios", resumiu.

Así, e ante o xeito de proceder amosado esta semana, Ferreiro --que recordou que o Concello posúe as competencias urbanísticas legais e necesarias para non poder ser excluído deste proceso-- indicou que "tanto Concello como cidadanía defenderán os seus intereses e o seu patrimonio". "Xa sabiamos que o Partido Popular non confiaba nesta cidade. Agora sabemos tamén que non a coñece. Nin Feijóo, nin Rajoy, nin o ministro de Fomento coñecen A Coruña. Non saben do que A Coruña é capaz, e do que as coruñesas e os coruñeses somos capaces de facer para defender o que é o noso", resolveu.

Foro Tecendo Litoral

Ferreiro reiterou que a solución "para a fachada atlántica da cidade debe ser global" e conviu que "o protocolo asinado por Xunta e Estado" segue sen dar solucións nin aclarar os usos dos peiraos que se irán desafectando, un debate que se abordará dende a participación e a escoita no Foro Cidadán Tecendo Litoral, organizado polo Concello da Coruña e que terá lugar os próximos días 27 e 28 de abril en Palexco. Ante iso, o alcalde evidenciou a súa sorpresa polo feito de que, a pesar de estar esta semana na Coruña, "nin o presidente da Xunta de Galicia, nin o presidente de Portos do Estado, nin o presidente da Autoridade Portuaria tivesen tempo de responder ao convite que se lles enviou hai case 50 días para participar na apertura institucional do Foro".

"A realidade é que, con respecto ao futuro do bordo litoral, esta semana estivo chea de malas noticias, e tan só contou con dúas boas novas", reflexiounou Ferreiro, que se referiu así tanto á próxima celebración do Foro Tecendo Litoral como "ao feito de que Partido Popular volveu rectificar". "Asistimos a unha nova mostra de deslealdade co Concello e coa cidadanía da Coruña, pero é certo que tamén fomos testemuña dunha nova rectificación do Partido Popular xa que, forzado pola maioría social, todas as administracións do PP que hai catro días querían subastar a nosa fachada atlántica, todas as que votaron a favor dos plans de privatizacións de terreos e da venda da Solana no Consello de Administración do Porto, tiveron que volver rectificar, cambiando o discurso e disimulando", explicou.

Por contra, explicou que "as malas noticias pasan, unha vez máis, pola deslealdade institucional que amosa o PP e polo feito de que, polo que semella, o único interese do presidente Feijóo sexa o de pactar co goberno de Mariano Rajoy de costas á cidadanía para repartirse o noso litoral e asegurar unha maioría de bloqueo (un 51%) na futura transformación dos terreos portuarios". Por outro lado, o primeiro edil puxo de relevo ás incógnitas que xorden con respecto ao futuro da maior bolsa de solo da fachada litoral e que se atopa en San Diego. "Que traten de repartirse a fachada marítima é unha mala noticia, pero aínda máis mala e que pretendan tomarnos o pelo e salvar a peza maior da operación especulativa, que é a dos peiraos de San Diego", dixo.

Unidade

Ante todo o exposto, o alcalde volveu a insistir esta xornada na necesaria "unidade" de cara a poder artellar unha fronte contra a exclusión da cidadanía da Coruña das decisións sobre o seu patrimonio e futuro. "As rectificacións que até agora fomos vendo por parte do PP son o resultado da firmeza e a unidade dunha maioría cívica que, xunto co goberno municipal, e tamén co respaldo do Bloque e o PSOE, por encima de diferenzas razoables, defende e defenderá o que é noso". Así, o alcalde quixo agradecer de forma pública" o traballo desenvolvido por todas as organizacións e persoas que nos últimos dous anos se sumaron ao novo sentido común". "Queda moito por pelexar, pero esta cidade está a dar unha lección de dignidade", dixo.

Documentos:

Protocolo terreos portuarios (2 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión