Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2018

O Concello inicia o luns a renovación da rolda de Outeiro entre a avenida do Ferrocarril e a Mercede, que se suma ás obras realizadas na contorna de San Diego, como a reurbanización das rúas Montiño e Monte das Moas, ou as melloras que se executan na praza de Tabacos

O alcalde salientou, nun novo encontro Dillo Ti coa veciñanza, a “oportunidade” que se abre co cambio de goberno no Estado para o futuro dos peiraos de San Diego, “para reconducir a situación e evitar os problemas de configuración da cidade que poden supoñer as 4.000 vivendas previstas, unha preocupación para o barrio e para o goberno local”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o resto do equipo de goberno participaron este sábado nun encontro Dillo ti coa veciñanza, celebrado no centro cívico de San Diego, o mesmo onde se celebrou a primeira destas xuntanzas en xaneiro de 2016, e deu conta dalgunha das actuacións desenvolvidas neste tempo nos barrios da contorna do recinto. Entre elas, destacou as obras de reurbanización desenvolvidas nas rúas Monte das Moas e Montiño, o valado do paseo de San Diego en Os Castros ou os traballos de mellora do saneamento e para a eliminación de verteduras a través do programa Vertido Cero, "unhas obras invisibles pero que permitiron acadar a cualificación de excelente das augas e recuperar a bandeira azul para a praia de Oza, o que supón unha mellora para a saúde e tamén para o medio ambiente, ao acabar coas verteduras ás augas da ría". Do mesmo xeito, o rexedor avanzou algunhas das actuacións previstas para esta zona, como son as obras do carril bici metropolitano que encaran nestas datas os traballos previos na avenida de Primo de Rivera para o seu trazado e que permitirán dar servizo a San Diego e a súa contorna e conectar a cidade co paseo do Burgo, ou nova fase de renovación e modernización da rolda de Outeiro no tramo entre a avenida do Ferrocarril e a Mercede, unhas obras que darán comezo este luns, cun orzamento de 386.613 euros e un prazo estimado de execución de oito semanas.

Esta actuación na rolda de Outeiro dá continuidade aos traballos concluídos o pasado mes de abril no treito comprendido entre as avenidas de Fisterra e Arteixo por un montante, neste caso, de 239.634 euros, ao que se suma tamén a mellora da accesibilidade nos pasos de peóns comprendidos nese espazo, uns traballos que supuxeron un investimento de 40.000 euros. A intervención para a mellora da pavimentación da rolda suporá un investimento total de 830.000 euros para actuar sobre 2.130 metros de lonxitude. O treito de rúa que comezará a ser repavimentado este luns conta  ademais cunha obra complementaria de mellora de seguridade e accesibilidade no cruce de peóns ao final da rúa José González Chas e que recolle os tránsitos cara á recentemente renovada rúa Montiño e a rúa da Mercede.

O alcalde tamén aludiu, na súa intervención, aos peiraos de San Diego, "que son a conexión natural da cidade co mar". "Todos, o barrio e o goberno local, estamos preocupados por ese plan que pode supoñer 4.000 novas vivendas nesta zona portuaria e que poden ocasionar problemas de configuración para a cidade, pero penso que as veciñas e veciños sodes plenamente conscientes tamén dos esforzos que está a facer este goberno para reconducir esta situación", sinalou Ferreiro, que apuntou ao cambio de goberno do Estado como "unha oportunidade para o futuro dos peiraos que agardemos poidamos aproveitar, para poder chegar a acordos --co resto de administracións implicadas--, como sempre foi a nosa intención".

A preguntas das persoas participantes no encontro, o alcalde salientou tamén outras actuacións nesta parte da cidade, desde a plantación de numerosas árbores no parque de San Diego como resultado do proceso de Orzamentos Participativos --e que se suman á plantación de árbores froiteiras no parque de Oza ou os novos exemplares do parque de Eirís-- ou as obras de renovación profunda que se están a desenvolver na praza de Tabacos e a rúa Avogacía para repoñer o pavimento, dada a súa degradación pese a non ter moitos anos, e mellorar así a accesibilidade. A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, salientou tamén as actuacións para a mellora da accesibilidade do espazo público, como a eliminación do tapón urbanístico no número 5 da avenida da Pasaxe ou a ampliación de beirarrúas ao final da avenida de Oza.

Pola súa banda, a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, informou dalgunhas melloras realizadas no propio centro cívico de San Diego, como a separación do sistema de calefacción respecto do pavillón polideportivo, unha das demandas recollidas no anterior encontro Dillo ti no barrio. Do mesmo xeito, deu conta dalgunhas das actividades do propio centro cívico, como son o programa de estimulación cognitiva para maiores, con actividades como as de cociña saudable, técnicas de relaxacións, estimulación da memoria ou as clases de ximnasia suave, e aludiu tamén ás actividades da Escola de Empoderamento Feminista impulsada pola Concellería de Igualdade e Diversidade, e que tamén se celebran no recinto, ou a ampliación  dos campamentos infantís. Preguntada por un veciño polos bailes para maiores que se desenvolven durante o curso no recinto, a responsable municipal avanzou que este verán, o centro cívico de Feáns celebrará estes eventos tamén nos meses de xullo e agosto, dentro do programa de envellecemento activo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión