Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xullo de 2018

O concurso sobre o futuro do bordo litoral abrirá a principios de 2019 a fase de votación cidadá, “que servirá de base, contando con todas as voces, na redacción do documento estratéxico para a transformación dos peiraos”

O concelleiro de Rexeneración urbana e a concelleira de Participación e Innovación Democrática presentaron as conclusión da investigación e o foro Tecendo Litoral, que ten continuidade co concurso de ideas convocado polo Concello, cuxas bases daranse a coñecer nos próximos días

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, presentaron esta mañá as conclusións do foro Tecendo Litoral sobre o futuro dos terreos portuarios da cidade, así como a fase de participación cidadá coa que concluirá o concurso de ideas sobre os seus posibles usos e que está deseñada "para enriquecer os proxectos seleccionados e para dar continuidade ao debate cidadán sobre o futuro do bordo litoral". Este concurso, que recolle e se basea nas conclusións obtidas no proceso de investigación previo que concluíu no foro Tecendo Litoral, comezará coa presentación das bases nos próximos días, tras o que segue un período, ata finais de ano, para a preparación e presentación das propostas, que serán analizadas por un xurado institucional que seleccionará e premiará os cinco mellores proxectos. Tal e como indicou a edil de Participación, é neste momento cando comeza a fase de votación cidadá, na que se empregará o portal habitual do Concello para estes procesos, www.aportaaberta.coruna.es, "no que se abrirá un espazo de debate sobre as propostas e sobre os criterios" empregados.

Esta fase arrincará cunha exposición pública dos proxectos, na que se porá a disposición da cidadanía vídeos e información detallada das cinco propostas seleccionadas e que se completará cunha mostra pública "onde calquera persoa poderá achegarse para consultar a información". "Temos a preocupación e responsabilidade de facer o máis accesibles e inclusivos posibles os procesos de participación", explicou Delso. Tras o debate público, chegará a fase de votacións para a que rexerán os mesmos criterios que nos Orzamentos Participativos: poderán participar as persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas no concello. Estas deberán valorar o mellor dos proxectos en cinco categorías que se corresponden cos criterios definidos nas bases do concurso, "consensos sociais que foron aparecendo ao longo do proceso e que son tamén conclusións de Tecendo Litoral", e que fan referencia á integración urbana entre o porto e a cidade, a mobilidade e accesibilidade, a sustentabilidade, o modelo económico innovador e a participación cidadá.

O concurso de ideas comezará coa presentación das bases nos próximos días, nas que se dará conta dos requisitos que deben cumprir os proxectos e e as persoas ou colectivos que se presenten, que deberán estar coordinados por persoal técnico competente en ordenación do territorio. O tempo para a redacción das propostas será de catro meses, momento no que intervirá o xurado institucional para, durante un mes, debater e elixir as cinco mellores propostas, que serán premiadas, cada unha, con 25.000 euros. O Goberno local está a traballar na composición deste xurado, que estará formado por 24 persoas, para o que xa se contactou coas administracións e entidades convidadas a tomar parte e no que xa confirmaron a súa presenza o reitor da Universidade da Coruña, os decanos dos colexios de arquitectos e de enxeñeiros de camiños e os directores das escolas de arquitectura e de enxeñería de camiños. Tamén formarán parte do mesmo persoal técnico municipal con competencias sobre o porto. Varela indicou respecto da composición do mesmo que están convidados a participar o delegado do Goberno, o presidente da Autoridade Portuaria da cidade, os grupos municipais e un representante técnico da Comisión Aberta en Defensa do Común. "Vai ser un espazo de colaboración e de debate político e técnico moi útil para fomentar a construción colectiva co resto das administracións sobre o futuro dos peiraos", considerou o edil.

Tras a deliberación do xurado, iniciarase a fase de valoración cidadá, que arrincará coa presentación pública dos proxectos gañadores a comezos do próximo ano para dar paso a un tempo de opinión e debate. Esta discusión rematará coa votación das cinco cuestións formuladas polo goberno en relación ás propostas seleccionadas. "Con todo isto, o compromiso do goberno é elaborar un documento estratéxico, con todas as voces, e para o que serán imprescindibles o resto de administracións, xa que o titular do solo é Puertos del Estado e o seu xestor é a Autoridade Portuaria. Cremos que o Concello, coa potestade sobre o planeamento, ten que liderar ese proceso pero necesitamos que o resto de administracións participen na transformación dos peiraos anteriores", remarcou Varela.  Toda a información do proceso así como a documentación do mesmo estará dispoñible no portal www.coruna.gal/tecendo-litoral

Informe Tecendo Litoral

O concelleiro de Rexeneración Urbana, pola súa banda, deu conta do contido do informe que recolle as conclusións de investigación participado proceso Tecendo Litoral, así como do Foro Cidadán celebrado o pasado mes de abril na Coruña, e que dá pé aos principios que rexen o concurso de ideas para a definición da estratexia de transformación do bordo litoral coruñés. O documento, de case 300 páxinas e que desde hoxe está dispoñible para a súa consulta no web municipal www.coruna.gal/tecendo-litoral, supón, segundo explicou Varela, "unha devolución á veciñanza, coa maior calidade posible, de todo o estudo e traballo producido nos últimos meses arredor dos peiraos interiores da cidade". Así, o informe fai unha radiografía á realidade portuaria coruñesa desde o contexto local e o metropolitano, que parte dun traballo participado feito a través de conversas e unha serie de entrevistas e colectivas a distintos axentes activos da cidade; ademais de grupos de discusión nos que se abordaron cuestións como a memoria e o impacto social das transformacións, o urbanismo, a mobilidade, a sustentabilidade, a actividade portuaria, a hipótese económica ou a economía azul, "un asunto irrenunciable para o goberno local na cuestión da produtividade destes terreos", sinalou Varela. O edil tamén lembrou que o informe recolle as achegas realizadas a través do Foro Cidadán, no que participaron máis de 200 persoas, así como unha análise do marco normativo, territorial e histórico a diferentes escalas territoriais.

As conclusións, que se recollen en cinco puntos principais, están vinculadas, por unha banda, ao enfoque multiescalar do ámbito. "O porto ten que ser un espazo que funcione a nivel micro, local, pero tamén macro, metropolitano, e dentro do contexto do golfo ártabro", expuxo Varela, quen destacou precisamente a integración urbana e o porto como enclave significativo no marco territorial. "O modelo de cidade que se plantexe non pode contar procesos que sexan irreversibles. Novas propostas semellantes ao que aconteceu con Palexco non caben no futuro dos peiraos interiores da Coruña", apuntou.

O responsable municipal tamén valorou o principio que vincula a transformación dos terreos portuarios á titularidade pública dos mesmos. "O futuro da fachada marítima pasa por contar cun solo 100% público, que manteña esencialmente os seus usos produtivos e que inclúa outros que poidan, dalgunha maneira, potenciar ou enriquecer estes usos", especificou o edil, quen abordou a sustentabilidade "como alicerce da reflexión e a transformación do litoral". "O cambio debe incluír, loxicamente, tanto a cuestión da mobilidade sostible como das infraestruturas verdes. A aposta debe ser firme en canto á sustentabilidade dos novos desenvolvementos urbanos", apuntou. Por último, e dentro das conclusións que se desprenden do informe do proceso Tecendo Litoral, Varela fixo fincapé na colectividade e cooperación. "O documento é claro: a transformación dos peiraos interiores pasa pola participación cidadá e a concertación interadministrativa", afirmou.

O informe presentado esta mañá inclúe, entre outros aspectos, unha análise e revisión documental das transformacións dos terreos portuarios en distintas cidades de todo o mundo, "de diferentes escalas e características e que poden achegar información de referencia para o caso coruñés", apuntou Varela, como é o caso de Vancouver Grandveille Island (Canadá), Brest (Francia), a reconversión do río Cheong Gye Cheon (Corea del Sur), ou o proxecto do porto de Pasaia, no País Vasco. O documento, ademais, tamén ofrece diversos exemplos de iniciativas que poden ser fonte de inspiración para a estratexia de transformación do bordo litoral coruñés. É o caso da reconversión do estaleiro Brooklyn Navy Yard nun espazo produtivo cultural, o Parque da Libertad de Costa Rica, o Porto Maghera en Mestre (Venecia) ou as iniciativas en defensa do espazo industrial promovidas pola organización sen ánimo de lucro GMDC.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión