Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de decembro de 2018

O espazo de reflexión aberto á veciñanza sobre o futuro do bordo litoral Tribuna Pública avanza esta fin de semana a súa programación na praza da Fábrica de Tabacos

A partires das 17.00 horas o artista Javier Peñafiel fará un percorrido polas instalacións que rodean a explanada, e contra as 20.00 horas o bailarín Javier Martín ofrecerá a performance Anthesis acompañado do músico Artur M. Puga

O espazo aberto para a reflexión, participación e intercambio de propostas artísticas, sociais e culturais vinculadas á memoria e ao futuro dos terreos portuarios da cidade, Tribuna Pública, botou a andar esta mañá cunha presentación aberta á veciñanza na explanada da Fábrica de Tabacos. A iniciativa social e cultural impulsada polo goberno local, que se desenvolve dando continuidade á investigación e foro Tecendo Litoral, pretende dar voz á cidadanía e implicala na decisión dos futuros usos dos peiraos interiores da Coruña. "O obxectivo de Tribuna Pública non é outro que visibilizar a relación histórica da cidade e o mar e levar á rúa o debate sobre a recuperación dos terreos portuarios como espazo común e de interese público", apunta a concelleira de Participación e Innovación Democrática Claudia Delso, quen asistiu esta mañá ao faladoiro inaugural acompañada do edil de Culturas, José Manuel Sande, e o de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. No acto, no que se abordou a transformación do bordo litoral desde distintas perspectivas e no que tamén se reivindicou a memoria do lugar, participaron veciñas e veciños da cidade en representación de diversos sectores, como Lola Rodríguez, cigarreira xubilada; o mariñeiro Iago García, o percebeiro Javier Mariñas, o arquitecto e urbanista Xosé Lois Martínez, a actriz Isabel Risco e o representante veciñal Emilio Vega. O faladoiro tivo lugar na praza na que, desde mediados deste mes, se instalará un pavillón temporal que acollerá toda unha programación de actividades diversas destinadas á convidar á veciñanza a participar na reflexión colectiva sobre os peiraos interiores da cidade. Esta estrutura, cuberta e de acceso aberto, adaptarase á multiplicidade de usos que terá desde este mes. Así, nas vindeiras semanas, Tribuna Pública será o espazo de encontros de organizacións de barrio e outras entidades locais, como a confraría de mariñeiros, asociacións ecoloxistas ou de reivindicación da memoria da cidade; acollerá eventos culturais de diversa índole ou festas populares, actividades extraordinarias promovidas coa colaboración da Universidade da Coruña e da Universidade Sénior, e dará a coñecer rexistros documentais e orais da memoria da cidade. Ademais, tal e como avanzou o goberno local este mércores na presentación da iniciativa, será o espazo no que se presentarán á veciñanza os proxectos seleccionados no concurso de ideas sobre o futuro da fachada marítima.

Programa desta fin de semana

De cara a esta tarde, a praza da Fábrica de Tabacos acollerá novas propostas de actividades de Tribuna Pública. A partires das 17.00 horas, o artista Javier Peñafiel presentará a proposta Facerche xustiza, unha acción performativa na que fará un percorrido polas dúas entidades que rodean a praza, como son a antiga Fábrica de Tabacos --actual sede da Audiencia Provincia--, e o propio porto da Coruña, ademais de abordar a súa significación como espazos desaparecidos ou en risco de desaparición.

A partires das 20.00 horas, terá lugar a performance e sesión de música electrónica Anthesis, da man do bailarín Javier Martín na parte da coreografía e Artur M. Puga na parte sonora. O espectáculo dará pé á sinalización colectiva do espazo no que se instalará, nos vindeiros días, o pavillón temporal de Tribuna Pública. Na xornada de mañá, domingo 9, contra ás 13.00 horas, de novo Javier Martín, acompañado polo batería Luis Casanova, ofrecerá á veciñanza a peza coreográfica Púlsar.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión