Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xaneiro de 2019

O goberno local dá conta das próximas actuacións para ampliar a zona infantil da praza Elíptica ou mellorar a seguridade na contorna do CEIP Emilia Pardo Bazán, nun novo 'Dillo Ti' celebrado nos Rosales

O alcalde e o resto do equipo de goberno conversaron coa veciñanza, que verá este ano a execución do Parque das Cinco Illas, despois das obras realizadas nos últimos meses para o reasfaltado de gran parte das rúas e a mellora da iluminación do barrio, ou a recente apertura dun aparcadoiro nos Campos de Visma e unha zona de xogos nesta zona

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto do equipo de goberno participaron este sábado nunha nova edición do programa 'Dillo ti', que volveu ao centro cívico dos Rosales dous anos despois da súa primeira visita a este barrio. Desde entón, e como debullou o rexedor, o Concello efectuou na zona actuacións relevantes, como o reasfaltado de máis do 80% das rúas, unha obra de 776.424,63 euros que se completou na segunda metade do pasado ano e que veu acompañada de actuacións en toda a iluminación para a mellora da eficiencia e do aforro enerxético, no que se investiron 1,1 millón de euros. Ao respecto, o alcalde avanzou que o Concello continuará cos traballos de asfaltado das rúas que restan do barrio e aludiu en particular á contorna do CEIP Emilia Pardo Bazán, para a que existe xa un proxecto de camiños escolares seguros que supón, non só o asfaltado, senón o reacondicionamento das rúas, a través de accións como a elevación do paso peonil existente na entrada do centro para rebaixar a velocidade dos vehículos que acceden, na liña doutras intervencións en máis centros escolares da cidade, como o Fernando Wirtz, o Fernández Latorre ou os colexios da Sagrada Familia ou Zalaeta. "Medidas para que os entornos escolares se convertan en espazos cada vez máis seguros", indicou o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío.

Ante os veciñas e veciños participantes, Ferreiro avanzou tamén algúns proxectos que contribuirán a mellorar o barrio, como é o Bosque das Cinco Illas, un espazo verde para a que a Concellería de Medio Ambiente xa ten listo un proxecto e cuxas obras se acometerán durante este 2019, despois de incluír na proposta algunhas das propostas que a cidadanía achegou tras a presentación do anteproxecto. No mesmo sentido, Ferreiro sinalou a próxima ampliación e mellora do parque infantil da praza Elíptica, unha proposta derivada dos Orzamentos Participativos, da que a Concellería de Rexeneración Urbana xa conta cun proxecto. Do mesmo xeito, o rexedor salientou que Os Rosales é un dos tres barrios dos que se beneficiará o programa Coruña Suma, unha iniciativa da Concellería de Emprego e Economía Social dotada con 4,4 millóns de fondos europeos e dirixida a mellorar a capacitación laboral, en especial de persoas paradas de longa duración ou de máis de 45 anos, a través de equipos de formación específicos, un dos cales dará servizo aos Rosales, Agra e Labañou.

Durante o encontro, que supón unha conversa directa entre o goberno local e a veciñanza para formular preguntas, peticións e comentar calquera cuestión referente ao barrio ou á cidade, o alcalde tamén deu conta doutras intervencións acometidas nos Rosales e a súa contorna, como o itinerario accesible no lateral do centro comercial, xunto á gasolineira, que supuxo a ampliación da beirarrúa e na que se investiron preto de 19.000 euros, as melloras acometidas no parque de Visma ou o novo parque infantil da zona superior desta zona verde, ademais de algunha actuación en equipamentos como pavillón deportivo, ou as obras desenvolvidas no colexio Emilia Pardo Bazán, onde se reformou a cuberta e se dotou o centro dun aseo adaptado, ou na escola infantil municipal. Do mesmo xeito, o primeiro edil recordou outra actuación moi demandada no barrio, como foi o desmantelamento dunha antena de telefonía que suscitou moita contestación social e para a que se logrou, primeiro desconectala e finalmente retirala, despois dunha negociación intensa dos servizos municipais coa empresa propietaria.

Como tamén expuxo o rexedor, os Campos de fútbol de Visma contan xa coa instalación eléctrica completada, "dado que non a tiñan cando se recibiron", e nestes últimos días rematouse o aparcadoiro da zona superior do recinto, mentres que o Concello ten aberto o proceso de expropiación para poder executar un segundo aparcadoiro ao carón das Calasancias. Na zona de Visma tamén se completou a construción dunha área de xogos, que foi precisamente unha petición da veciñanza nun encontro 'Dillo ti'. A preguntas da representante veciñal do barrio para a ampliación de actividades para a mocidade de entre 12 e 18 anos, a concelleira de Xustiza Social e Coidados adiantou a posibilidade de mellorar a oferta municipal a través de programas como Nocturnia, e recordou que o Concello ampliou tanto as prazas dos campamentos municipais como do Recuncho de Xogos, así as prazas para nenas e nenos con diversidade, que era unha petición da veciñanza, ademais de lembrar o traballo comunitario que se fai coa mocidade da zona a través do programa de prevención de condutas de risco Educación na Rúa.

Durante o encontro tamén se pediu información sobre a necesidade de actuacións de mellora no Camiño do Cura, unha vía que, como indicou o concelleiro de Rexeneración urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, é titularidade do Arcebispado de Santiago, entidade coa que o Concello leva anos de xestións para obter a cesión que permitirá poder acometer as actuacións precisas. A ese respecto, Varela indicou que o Concello xa enviou, produto desa negociación, unha proposta de convenio de cesión ao Arcebispado. "Tan pronto como asinen, estamos en disposición de poder actuar neste espazo, que sabemos que é clave para o barrio", afirmou.

O próximo encontro Dillo ti celebrarase o 2 de febreiro no barrio de Monelos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión