Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de novembro de 2018

O alcalde indica que a escolla da Coruña como primeira cidade fóra de Barcelona que acolle a Mobile Week “referenda o traballo do Concello estes últimos anos a prol de avances tecnolóxicos que melloren a vida da veciñanza”

Ferreiro salienta os programas innovadores impulsados neste mandato polo goberno local como os cursos de alfabetización dixital, todos os procesos de participación dentro de A Porta Aberta para fomentar a democracia directa, o programa de Orzamentos Participativos ou o convenio coa Universidade InnovaCM 2030, dirixido a impulsar unha estratexia metropolitana para xerar unha economía sostible

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participa esta tarde na inauguración da Mobile Week Coruña, un evento en cuxa organización colabora o Concello e que até o día 28 achegará á cidade e a súa área distintos eventos que fusionan arte, ciencia e tecnoloxía, así como espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual. Nun acto no Teatro Colón, no que tamén participan o CEO da Mobile World Capital, Carlos Grau, o presidente do Club Financeiro Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, así como o reitor da UDC, Julio Abalde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e  ao que tamén acudiron representantes de distintas empresas radicadas en toda área metropolitana, o rexedor manifestou que o feito de que A Coruña sexa a primeira cidade, fóra de Barcelona, que acolle este evento, "referenda o traballo que levamos facendo todos estes anos a prol de avances tecnolóxicos e ferramentas innovadoras que melloren a vida da veciñanza, que non só nos fagan unha cidade máis competitiva, senón un lugar onde haxa máis igualdade e cohesión social". "A celebración deste evento na Coruña non é baladí, é o resultado dunha carreira de fondo na que o Concello tratou sempre de ser motor, pero na que o combustible, necesariamente, precisaba da colaboración e a responsabilidade do tecido social e empresarial da cidade", dixo.

Ao fío, durante o seu discurso, o primeiro edil recordou algunhas das medidas impulsadas polo actual goberno local "para a constitución dunha Coruña Próxima, unha cidade que aposta por un crecemento intelixente e sostible, baseado nunha economía máis verde, máis eficaz na xestión de recursos e máis competitiva, destinada a acadar un crecemento integrador". Así, salientou tanto os cursos de alfabetización dixital postos en marcha polo Concello, como o traballo que se está a levar a cabo para crear un cadro de mando que desenvolva unha serie de métricas coas que estudar as desigualdades nos distritos da cidade, de forma que se obteña a radiografía clara que permita aplicar políticas redistributivas. Tamén destacou a aposta decidida polo software libre e a promoción do mesmo, así como distintos programas que usan tecnoloxía innovadora para facilitar a participación da cidadanía en procesos de democracia directa, como é o caso dos Orzamentos Participativos ou todos os procesos comprendidos dentro de A Porta Aberta.

A implementación de aplicacións para facilitar os trámites administrativos dentro do Concello ou a plataforma web de transparencia A onde van os meus impostos foron outros dos exemplos postos por Ferreiro, quen tamén chamou a atención sobre o proxecto que o goberno local desenvolve coa Universidade da Coruña, InnovaCM 2030, que pretende impulsar e dar forma a unha estratexia común "que nos axude a xerar unha economía líder e sostible na nosa contorna metropolitana baseada no coñecemento, no respecto ambiental e a calidade de vida da cidadanía".

Colaboración municipal

A participación do Concello da Coruña neste evento, ademais dun convenio de colaboración económica e cesión de espazos públicos, concrétase na organización de dous obradoiros  -un sobre e-textiles e outro dirixido a público xuvenil denominado cacharreo tecnolóxico- a cargo dos Museos Científicos da cidade e de Bricolabs -que realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus-, e unha mesa redonda arredor dos proxectos TIC que se están a impulsar dende unha perspectiva local e dende as administracións municipais, que organiza a Concellería de Participación e Innovación Democrática.

Esta charla, que terá lugar o día 22 no Ágora ás 16.00 horas, aborda programas municipais relacionados coa innovación tecnolóxica e no ámbito do social. A edil responsable de Participación, Claudia Delso, afondará no proxecto Cidade Abertas: Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativo e interoperable, no que están implicados os concellos da Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e que foi seleccionado dentro da convocatoria de cidades intelixentes de Red.es. A concelleira achegará tamén a experiencia do Co-Lab e a Forxa do Co-Lab, o laboratorio cidadán da Coruña, un espazo aberto para a posta en común de distintas capacidades, visións e coñecementos co obxectivo de deseñar e desenvolver accións para a mellora da contorna. No seu desenvolvemento, contouse tamén cun proxecto de código aberto, transparente e documentado, a forxa, un repositorio transmedia aberto e de libre uso que incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción colectiva do laboratorio. Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentará nesa mesa Coruña Dixital, unha iniciativa municipal para expandir na cidade novas prácticas culturas e creativas xurdidas dende as redes dixitais. Estarán tamén Alberto García por parte de Cartolab da Universidade da Coruña para introducir Emapic, un sistema que facilita a representación de coñecementos, opinións e sentimentos sobre un mapa; Brais Arias, representante de GPUL, entidade organizadora dos Hackatiños de Datos Abertos, un grupo de programadores e persoas usuarias de Linux, que defende a democratización do acceso á tecnoloxía mediante a reutilización do código para aprender, incrementar a privacidade e para mellorar o software; e Arantxa Serantes, do Proxecto Cousateca, unha biblioteca aberta a cousas de todo tipo que se desenvolveu no marco do Co-Lab. Pódese atopar máis información sobre toda a programación en www.mobileweekcoruna.com.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión