Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de febreiro de 2019

A responsable de Participación sinala que o espazo “será unha extensión dos centros educativos da cidade durante o horario de mañá”, froito do traballo desenvolvido estes meses coas direccións dos centros educativos a través de máis de 40 encontros

O Concello presenta o modelo de xestión e o plan de usos das Naves do Metrosidero, "un novo parque público aberto á cidade, deseñado de forma colectiva e que dá resposta á falla de espazos para a mocidade"

O alcalde, Xulio Ferreiro, salienta “que o deseño desta sorte de praza pública parte dun proceso participativo desenvolvido ao longo de 8 meses con veciñanza, entidades xuvenís, ANPAs e colexios”

O alcalde, Xulio Ferreiro, xunto coa concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta tarde no pazo municipal de María Pita as conclusións do proceso participativo desenvolvido desde abril do pasado ano para deseñar o modelo de xestión e o plan de usos do espazo no que se asentan as Naves do Metrosidero, un proxecto dirixido -en palabras do rexedor- a definir "o que será un novo espazo público para a cidade, un espazo aberto de uso libre, un novo parque con maiúsculas, cun modelo de xestión que emula a unha praza pública e que xorde para recuperar un territorio central para o barrio, para a cidade e para a área metropolitana da Coruña". Nel haberá cabida, segundo expuxo Ferreiro durante a presentación, a unha serie de equipamentos de referencia para a mocidade, "un colectivo que, inexplicablemente, carecía ata a data de espazos públicos específicos na Coruña", deseñados a través dun procedemento innovador e participado, "pensando para solventar as necesidades dos e das usuarias, para dar resposta a unha carencia histórica".

Tanto o rexedor como Delso explicaron que o Parque do Metrosidero deseñouse a partir dun proceso participativo encamiñado a que este novo espazo, aberto á cidadanía, poida cubrir as carencias de espazos públicos centrados na mocidade. Na súa intervención, Ferreiro salientou que o proceso levado a cabo "é unha nova mostra das políticas participativas que o goberno local implementou ao longo do mandato, que buscaban que a cidadanía puidese influír de xeito directo nas políticas municipais". A este respecto, Delso recordou tamén outros proxectos que deron respostas ás demandas veciñais de espazos común, "como foi o caso do espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia, que está a contribuír a mellorar a calidade de vida da rapazada do barrio, ou o nacemento dos TEUs, a rede de espazos abertos de uso cidadá, que conformado na actualidade polo Faro de Oza e dous espazos municipais na rúa Ribeira Sacra, de Novo Mesoiro, que dende o pasado outubro acolleron as diversas actividades de máis de 2.300 persoas".

O deseño, tanto dos usos como do modelo de xestión do novo espazo do Parque do Metrosidero, é, segundo sinalou a concelleira de Participación, resultado das conclusións de oito meses de traballo participado entre sociedade civil e axentes implicados tanto como na educación e na mocidade. Así, recordou como todo este proceso de deseño contou coa intervención activa dun grupo estable de persoas, entidades xuvenís, persoal técnico municipal, ANPAs e Centros Educativos. "Todo isto, ademais das e dos técnicos municipais que estiveron presentes, acompañando todo este procedemento, para poder contrastar as ideas que as mozas e mozos, as nais e pais, as veciñas e veciños, as entidades e os centros educativos, achegaban para debater primeiro e consensuar finalmente o lugar ao que chegamos e o que será o punto de partida do Parque do Metrosidero".

En total, o proceso constou de oito encontros participativos, ademais dun percorrido polos distintos centros educativos da contorna, no que se organizaron xuntanzas personalizadas coas súas direccións. "En total, case 40 reunións por toda a cidade que serviron para comprender que este proxecto e esta idea dun espazo aberto a toda a veciñanza e centrado, especialmente, na mocidade xera un amplísimo consenso", dixo a concelleira, que salientou o feito de que, precisamente, e de cara a ser un lugar que responda ás necesidades da xuventude, "o parque do Metrosidero poderá ser usado, en horario de mañá, polos centros educativos que poderán dispoñer de espazos excepcionais cos que contribuír a unha aprendizaxe máis significativa". Neste sentido, o Concello traballa para realizar colaboracións concretas con distintos centros educativos e ten avanzadas as conversas coa Deputación para implicar ao alumnado do centro Calvo Sotelo no proxecto do Metrosidero.

Plan de usos

O recinto, actualmente en construción, albergará unha primeira nave dedicada aos deportes urbanos, con módulos para realizar disciplinas como skate, parkour ou escalada. O segundo espazo, duns 300 metros cadrados, estará destinado a usos polivalentes como obradoiros, actividades e eventos e poderase empregar tamén como área para a convivencia, nun espazo que aspira a ser "máis autónomo", mentres que a terceira nave, a de menor dimensión, contará cun punto de información xuvenil con recursos para a mocidade, un espazo diáfano para xuntanzas e terá espazo tamén para o persoal da Concellería. O proxecto, que dotará de conexión wifi a todo o recinto, inclúe tamén o espazo intermedio que conecta esta última nave coa dedicada a deportes urbanos, un espazo diáfano con mobiliario cómodo e versátil.   

Segundo salientaron as responsables municipais, a maior innovación deste espazo radicará no seu modelo de xestión, "que ten a clara vontade de facilitar un espazo de corresponsabilidade entre a administración, as entidades e as persoas usuarias, asumindo un carácter progresivo". "A nosa idea é que funcione como un espazo público máis da cidade, onde as persoas usuarias poidan, conforme o vaian empregando, ir constituíndose nunha sorte de colectivo que vaia tomando responsabilidades na xestión do espazo", explicou a titular de Participación, que aclarou que, "nun primeiro momento, o Concello tomará o papel de dinamizador, de forma similar ao que ocorre nos espazos TEUs, coa vista posta en avanzar cara a unha xestión máis autónoma da comunidade destes recintos". "Este é un espazo en evolución: a medida que as Naves do Metrosidero vaian incorporando actividades e a medida que as persoas usuarias se vaian apropiando dos espazos, as estruturas de xestión irán evolucionando", dixo Delso, que salientou que se trata dun proceso pioneiro tanto no seu deseño como nos seus usos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión