Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

14 de septiembre de 2017

O Cantón Grande será o epicentro da celebración, con carrís habilitados ao uso peonil e que acollerán adestramentos de entidades deportivas ou roteiros, “nunha aposta pola recuperación do espazo público por parte da cidadanía”

O Concello celebrará desde o sábado 16 a Semana da Mobilidade, “co obxectivo de poñer en valor os servizos públicos e fomentar, entre a veciñanza, modos de mobilidade sustentable”

Daniel Díaz Grandío

Daniel Díaz Grandío

O edil Daniel Díaz salienta “o notable aumento de actividades respecto á pasada edición”, que inclúen xornadas de portas abertas na Sala de Pantallas, Cocheiras, o II Ciclo de Monólogos en Movemento, unha nova aplicación para escoller as futuras localizacións de aparcadoiros de bicicletas ou unha carreira de medios de transporte urbano

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, presentou esta mañá a programación que o goberno local desenvolverá do 16 ao 23 de setembro con motivo da celebración da Semana Europea da Mobilidade. Con esta iniciativa, que terá lugar en diversas cidades europeas a partir deste sábado, o goberno local impulsará  unha serie de actividades "co obxectivo de poñer en valor os servizos públicos de transporte e fomentar a mobilidade sustentable mediante a realización de intervencións no espazo urbano de carácter non só educativo, senón que sirvan ademais como elementos de reflexión e de debate para a cidadanía", expuxo o edil. "Este Goberno ten moi claro que promover políticas de mobilidade sostible significa abrirlle camiño a desprazamentos máis eficaces, saudables e respectuosos co medio ambiente. Agora, con esta Semana da Mobilidade, seguimos a traballar na transformación da Coruña, para camiñar cara a unha cidade que dea prioridade aos modos de transporte máis sostibles e que permitan recuperar o espazo público para a veciñanza, como son a mobilidade peonil, a ciclista, e o uso do transporte público", sinalou.  

A programación da Semana da Mobilidade agrúpase en diferentes bloques, coa finalidade de desenvolver, polo miúdo, o coñecemento e fomento de cada un dos diversos modos de transporte. Deste modo, Coñece o transporte público permitirá achegarse á veciñanza ao servizo de autobuses dun xeito diferente, a través dunhas xornadas de portas abertas do día 18 a 22 nas instalacións da Compañía de Tranvías nas que se poderá visitar a cocheira, o taller de pintura, a sala de control, o túnel de lavabo e a labor diaria que se leva a cabo nas cocheiras. Para participar nesta actividade, na que haberá un límite de 25 prazas cada día, é necesario inscribirse no teléfono 981.18.42.63 entre as 12.00 e as 14.00 horas, nas xornadas laborais de luns a venres.

Tamén regresará o II Ciclo de Monólogos en Movemento, actuacións de monologuistas a través de micromonólogos en dúas quendas diarias de hora e media, "sen aviso previo e sen liñas expresas, de modo que sorprenderán á cidadanía nunha actividade cotiá como é desprazarse en autobús pola cidade", explicou Daniel Díaz. As actuacións de Nacho Martín, Oswaldo Digón, Victor Grande, Lucía Veiga e Pablo Morán terán lugar entre os días 19 e 22 de setembro, en diferentes liñas de autobús, en horarios de 8:30a 10:00 horas, e de 18.30 a 20:00 horas. Por último, para fomentar o uso deste transporte público en horario nocturno, o Bus Búho será gratuíto durante os fins de semana do 15 ao 17, e do 22 ao 24.

Os Medios de transporte serán tamén protagonistas dun novo bloque. A primeira das actividades, a Comparativa de ocupación, ten como finalidade facer visible a ocupación na rúa de 50 vehículos privados fronte á ocupación dun único autobús onde poden viaxar todas e todos os ocupantes dos mesmos, así como o espazo ocupado por 50 peóns e 50 ciclistas. "O obxectivo é acadar unha serie de imaxes para concienciar á cidadanía fronte ao atasco que pode xerar a acumulación de vehículos privado, fronte ao espazo que ocuparían, nesa proporción, un autobús, peóns e bicicletas", explicou o concelleiro. Esta comparativa terá lugar o 17 de setembro, entre as 12.00 e as 14.00 horas, na avenida da Mariña.

Outra nova comparativa será a que ofrecerá a Carreira de medios de transporte urbano, que porá en relación os dos custos, os impactos ambientais e o tempo de viaxe que invisten os diversos medios de transporte existentes na cidade. A actividade consiste en que os participantes realicen un percorrido idéntico dende un punto da cidade a outro empregando cada un deles un medio de transporte diferente. Así un peón, un usuario de bicicleta, usuarios de transporte público (bus e bici) e usuarios de vehículos particulares a motor (coche e moto) sairán ás 09.00 horas da mañá do día 18 de setembro dende a Concellería de Mobilidade Sostible para chegar ata María Pita (2,75 quilómetros de percorrido) respectando as normas e ordenanzas de circulación. Ao final do traxecto calcularase o tempo investido por cada participante e determinaranse os custes económicos, a enerxía consumida e as emisións. Nesta proposta participarán, entre outros, representantes das asociacións veciñais do Castrillón, Urbanización Soto, IAR, Monelos-Fuente de las Pajaritas, da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana e, por último, da Asociación Moto Turismo Coruña.

A última comparativa deste bloque de Medios de Transporte será Traballo de última milla, que enfrontará na mañá do día 19 de setembro un medio tradicional de reparto de última milla coas novas alternativas para a realización de dito traballo. Realizarase unha recollida de paquetes para o seu reparto ao longo de diversos puntos da cidade respectando as normas e ordenanzas de circulación e transportes. Ao final do traxecto, calcularase o tempo investido por cada participante e determinaranse os custes económicos, a enerxía consumida e as emisións de cada un dos medios de transporte.

En relación aos medios de transporte e a súa mobilidade, o Concello tamén ofrecerá a posibilidade de visitar a sala de pantallas e control de tráfico da Policía Local da Coruña, a través dunhas xornadas de portas abertas que terán lugar entre os días 18 e 22 de setembro, en dúas quendas, ás 17.30 e ás 18.30 horas. Para acceder, as persoas interesadas deberán presentarse no acceso da propia Concellería de Mobilidade Sostible, no lateral da Estación de Autobuses, 10 minutos antes de cada unha das quendas.  

PARKing Day

Nesta nova edición da Semana da Mobilidade celebrarase, de novo, o PARKing Day, unha actividade a través da cal a cidadanía ocupa, de forma simbólica, un espazo público destinado ao uso privado. Así, este ano escolleranse 3 zonas da cidade para levar a cabo iniciativas vencelladas co PARKing day tradicional así como actuacións puntuais a través das cales "se fomente a idea de que novas cousas poden suceder nas rúas, e que o espazo urbano se pode vivir doutras maneiras", explicou o responsable municipal. Así , entre os días 18 e 23 de setembro, "ocuparanse" dúas prazas de aparcamento nas rúas Compostela e Juan Flórez, ademais da rúa Mariscal Parto de Cela, na que se reforzará o efecto da medida ao mellorar as condicións de visibilidade nun paso de peóns que é moi empregado pola veciñanza.

Ademais destas localizacións, na rúa Emilia Pardo Bazán, o día 17 de setembro, entre as 13.30 e as 15.30 horas, ocuparanse tres prazas para a realización dun maratón de swing; e na rúa san Andrés, no encontro coa rúa Santa Catalina, ocuparanse o día 18 catro prazas de estacionamento nas que o Colectivo Miñoco realizará ilustracións durante toda a xornada. Por último, o día 20 de setembro, a travesía Victoria Fernández España --fronte ao IES Menéndez Pidal-- acollerá, en sete das súas prazas de estacionamento, un combate poético organizado polo colectivo Sen Ánimo de Nome. A cita comezará ás 20.00 horas.

Camiños escolares seguros

Durante os 5 días lectivos da Semana Europea da Mobilidade, Stop Accidentes realizará campañas de sensibilización nas portas dos centros adscritos ao programa de Camiños Escolares Seguros, a iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración coa entidade. Ademais, o día 21, en horario de 11 a 13.30 horas realizaranse percorridos, os alumnos do Wenceslado Fernández Flórez, centro escolar vinculado ao programa, en grupos de reducidas dimensións, polas rúas circundantes aos equipamentos educativos para que o propio alumnado observe os principais problemas de mobilidade, así como as posibles melloras dos Camiños escolares ou as infraccións mais comúns que comenten tanto condutores como peóns. Finalmente, e nesta mesma franxa horaria, a Fundación Mujeres e Stop Accidentes levarán a cabo, en distintos cruzamentos da praza de Mina e da praza de Pontevedra, a distribución de libros con consellos de seguridade viaria peonil.

Innovación

Este ano, tal e como salientou Daniel Díaz Grandío, Innovación será un dos bloques temáticos desta Semana da Mobilidade na Coruña. Así, a iniciativa acollerá a presentación dun Mapa de Rutas de Camiños Escolares Seguros, que recollerá os centros educativos e as rutas actuais do programa; pero tamén a apertura dunha consulta participativa para definir a localización, na cidade, de aparcadoiros de bicicletas. Así, a través da ferramenta dixital EMAPIC desenvolvida polo Laboratorio de Ingeniería Cartográfica (cartoLAB)  da ETS de enxeñería de Camiños da UDC, https://emapic.es/custom/bicicoruna/aparcabicis, a cidadanía coruñesa poderá propoñer novos puntos de implantación de estacionamiento para este medio de transporte, de cara a seguinte fase de ampliación destas infraestruturas na cidade.

Por último, e tamén vinculado ás actividades promovidas polo Concello, desenvolverase, xa o 7 de outubro no Centro Ágora, o Hackatiño Mobilidade, un hackathón no que o grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) da Universidade da Coruña, dentro do  marco do Co-Lab, traballarán na creación de prototipos de proxectos tecnolóxicos que xeren ou aproveiten datos de fontes abertas nun ambiente colaborativo. https://hackathino.gpul.org/

Roteiros

O Cantón Grande será o punto neurálxico da celebración da Semana da Mobilidade. Así, ademais de coller as actividades da Semana sen Coches, será o punto de saída dos Roteiros abertos e gratuítos que se realizarán todos os días  --do 16 ao 23 de setembro--, tanto a pé, como en bici e con patíns, e que permitirán dar a coñecer aspectos ambientais e naturais e á cidadanía coller confianza e destreza para que empregue novos medios de transporte no seu día a día. Os roteiros a pé, cunha duración de 60 minutos, realizaranse os días 16 --de 11.00 a12.00 horas--, 18, 20 e 22 --os tres días, de 18.00 a 19.00 horas--, e permitirán ofrecer ás persoas participantes "unha visión do espazo público diferente", segundo indicou Díaz Grandío, así como analizar a mobilidade da cidade, dende as zonas sen tráfico rodado ata as que teñen un tráfico rodado limitado e zonas peonís, valorando dun xeito crítico seu uso e como afecta á cidadanía.

Da man de Galicia Rollers chegarán dous roteiros a patíns os días 17 e 22. O primeiro deles, A domingueira, comezará ás 11.00 horas, e o segundo, A Nocturna, terá a súa saída ás 22.00 horas, poñendo o peche ao Día Sen Coches. Tamén se realizarán dous roteiros en bicicleta que contarán ca colaboración da Asociación Ciclista Crunia o día 17 --12.00 horas-- e do Club Ciclista Riazor o día 23 --ás 11.30 horas--, dentro do programa #enbiciate. As inscripcións para esta última poderanse levar a cabo en https://www.ccriazor.es/2017/07/14/inscripcion-evento-enbiciate-2017/

Semana sen Coches

O día 22 de setembro celebrarase, en toda Europa, o Día sen coches. Aproveitando a circunstancia, o Concello ampliará as actividades até acadar unha semana completa de actividades, de xeito que desde o venres 15 e até o día 25 habilitaranse nos Cantóns "unha zona tradicionalmente vinculada ao vehículo privado" para desenvolver as propostas abertas a todos os públicos, "de forma que a veciñanza recupere, simbolicamente, unha parte do espazo público para dotala de contido lúdico e educativo", explicou Díaz Grandío. Este espazo estará comprendido nos carrís de saída da cidade, entre rúa Nova e Santa Catalina, "sen que isto supoña afección ao transporte público nin á circulación, posto que os vehículos poderán circular polos carrís máis próximos aos xardíns nos dous sentidos de circulación", dixo o edil, quen lembrou" a baixa densidade de tráfico" que sofre estes días a zona debido ás obras de canalización que se están a acometer en Entrexardíns e que mellorarán a recollida de augas pluviais do Distrito 10.

Así, nesta zona realizarase o axardinamento parcial da rúa e a creación dun espazo que permita levar a cabo diferentes actividades. O día 16, durante toda a xornada, distintas ilustradoras e graffiteiras locais --Bea Lema, ErrE, Giovanna Lopalco, Iria Fafián, Leo, Roque Romero e Sekone-- levarán a cabo unha instalación artística relacionada co modelo de transporte actual e o necesario cambio cara un novo modelo de mobilidade. A instalación permanecerá aberta á cidadanía até o final celebración desta Semana. O espazo, ademais de punto de partida e chegada dos distintos roteiros, converterase "nun lugar de lecer aberto á cidadanía, cun enfoque tamén deportivo", explicou o concelleiro, ao transformarse no lugar de adestramento polas tardes para a escola do Club Ciclista Riazor --18 e 20 a partir das 20.00 horas--, para os Fillos de Breogán --19 de setembro, de 18.00 a 20.30 horas-- ou as Irmandiñas Roller Derby  --o día 21 de 17.00 a 18.00 horas--. Xa na xornada do 20, entre as 17.00 e as 19.30 horas, as entidades Asprocor, Grumico e a ONCE pertencentes ao Grupo de Accesibilidade da Coruña, levarán a cabo a actividade Ponte no meu lugar que permitirá á cidadanía descubrir a cidade dende a perspectiva das veciñas e veciños con diversidade funcional ou sensorial.

Na xornada do 22 de setembro, o Día sen Coches, levarase a cabo o peche ao tráfico de Rúa Nova, e todo o ámbito gañado ao tráfico rodado acollerá actividades tanto pola mañá como pola tarde. Así, Bicicoruña estará presente ao longo de todo o día, dando a coñecer o servizo e levando a cabo unha promoción especial para todos aqueles que se acheguen e dean de alta no servizo.

Entre as 10.00 e as 13.00 horas, 100 membros do alumnado vinculado ao programa dos Camiños Escolares, e da man de Stop Accidentes, da Escola da bici e de Decathlon, realizarán talleres de deseño urbano, circuítos de habilidade e aprenderán as mocións mecánicas e de ergonomía básicas da bicicleta. Pola tarde, sucederanse diversos obradoiros. Entre as 17.00 e as 20.00 horas, terá lugar A rúa é nosa,  un taller destinado ao público infantil que abordará, mediante xogos de rúa, o uso que se realiza do ámbito público e da importancia de gañar espazos de lecer para a cidadanía fronte os reservados, habitualmente en todas as cidades, para o coche.

Tamén desde as 17.00 horas, a entidade Galicia Rollers, xunto cos clubes de patinaxe Sada Patín e S.D. Rabadeira, realizarán probas e adestramentos de patinaxe no Cantón con máis de 100 participantes a partir dos 5 anos. Unha hora máis tarde, ás 18.00 horas, levarase a cabo da man do Club Ciclista Riazor un taller de ergonomía e mecánica da bicicleta, e ás 19.00 horas, impartido pola Asociación Ciclista Crunia, celebrarase un obradoiro de seguridade e candado das bicicletas.

Documentos:

Cartel da Semana da Mobilidade 2017

Programación Semana da Mobilidade

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?

Necesitamos tu ayuda

¿Tienes dos minutos para darnos tu opinión sobre la web municipal y así ayudarnos a mejorarla? Te lo agradecemos

Ir a la encuesta

¿Tienes dos minutos para darnos tu opinión sobre la web municipal y así ayudarnos a mejorarla? Te lo agradecemos

Ir a la encuesta