Uso de cookies en las páginas web del Ayuntamiento de A Coruña

En las páginas web municipales utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o conocer como cambiar la configuración, en nuestra página de "Normas de uso".

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

20 de abril de 2017

O Goberno local afonda no seu compromiso coa democracia directa e a participación cidadá e triplica a partida destinada aos Orzamentos Participativos, "que garantirán que todos os barrios teñan un investimento equitativo"

A edil Claudia Delso presentou o programa, que abrirá o mércores 26 de abril a fase de debate e recollida de propostas. Dos tres millóns de investimento, dous repartiranse entre os dez distritos, e un será para propostas que se dirixan a actuacións globais na cidade

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou esta mañá a nova edición dos Orzamentos Participativos, a ferramenta posta en marcha o ano pasado polo Goberno local coa finalidade que a veciñanza decida, de forma directa, unha parte do investimento do presuposto municipal. Nesta segunda edición, o executivo coruñés triplicará a partida destinada á iniciativa respecto ao ano anterior. En total, serán 3 millóns de euros do presuposto municipal de 2018 os que se destinarán a propostas da cidadanía. "Este aumento representa e reforza o compromiso que este Goberno ten co fomento da democracia directa, co impulso á participación activa da veciñanza na decisión dos investimentos municipais para os barrios e o conxunto da cidade", explicou a edil.

Destes 3 millóns, 2 repartiranse equitativamente entre os dez distritos delimitados polo executivo coruñés --200.000 euros para cada un--, tal e como avanzou Delso na presentación do Mapa de Distritos, "co obxectivo de contribuír a distribución territorial dos recursos municipais da Coruña a través de todos os seus barrios e compensar así os desequilibrios históricos que se dan na cidade en relación co territorio, rematando por fin co antagonismo centro-periferia no investimento". "Estes Orzamentos Participativos son unha ferramenta que potencian a participación cidadá e garanten o dereito da veciñanza de acceder aos mesmos servizos básicos en igualdade de condicións e, obviamente, o dereito que teñen todos os barrios a ter un investimento equitativo", afirmou. Ademais, o executivo coruñés destinará 1 millón de euros para financiar propostas ou actuacións globais, dirixidas ao conxunto da cidade.

Entre as novidades principais desta edición é a redución de fases do proceso, que pasan de cinco a catro, e inclúen o período informativo e de achegas, apoios, contraste da súa viabilidade e votación final. Deste xeito, na primeira parte do mesmo, que comezará o próximo mércores, 26 de abril, iniciarase a fase informativa e de debate, que este ano incorporará a de recollida de propostas, para que así, durante os debates presenciais, a veciñanza poida rexistrar as súas iniciativas. Así, até o 21 de maio, todas as persoas empadroadas na Coruña maiores de 16 anos poderán debater e facer as súas achegas de investimentos --que deberán ser legais, viables e de competencia municipal-- tanto para o seu distrito, como para o conxunto da cidade, a través do portal web www.aportaaberta.coruna.es, que centralizará a información e a recollida das propostas cidadás. "Nesta plataforma a cidadanía poderá seguir todo o proceso e a apertura das distintas fases do mesmo, ademais de consultar e facer seguimento da execución das 21 propostas resultantes do programa o ano pasado", engadiu.

Para dar a coñecer a apertura do proceso "e garantir que os Orzamentos Participativos sexan accesibles e chegen a todos os barrios", sinalou Delso, o Goberno local reforzará os puntos de información e apoio, "que estarán dispoñibles por todos os distritos e contarán con persoal técnico e de mediación", e porá en marcha outro punto itinerante, "que percorrerá rúas, prazas e parques da cidade". "Nestes puntos, ademais de obter de primeira man información sobre este programa e resolver dúbidas, a cidadanía poderá participar e facer as súas achegas", explicou a edil.

Nesta segunda edición, o executivo local activará distintos espazos de debate en equipamentos municipais e ampliará o seu número. Así, desde o mércores 26, e até o 12 de maio, celebraranse 19 encontros presenciais, dos cales 10, que serán organizados directamente pola área de Participación, terán lugar en cada un dos distritos, "coa finalidade de debater as necesidades en clave de barrio", especificou Delso.

Este ano, ademais de contar coa colaboración das Bibliotecas Municipais da Coruña, que organizarán sete encontros de debate, e o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), o Concello contará coa colaboración "activa de dúas entidades que  se unen como unidades de referencia e que promoverán as súas propias xuntanzas", como son a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña, e a Universidade Sénior da UDC. "Ao igual que o ano pasado, tamén convidaremos a todo o tecido asociativo da cidade para que teña un papel activo durante todo o proceso, e que tamén organice os seus debates e recolla propostas da base social nun proceso tan relevante como son os Orzamentos Participativos", engadiu a concelleira.

Unha vez rematada a fase de debate e achegas veciñais, continuará o período de apoios, no que as persoas inscritas na plataforma www.aportaaberta.coruna.es deberán establecer prioridades entre todas as achegas recibidas para, posteriormente, seren avaliadas por técnicas e técnicos dos distintos servizos municipais, que as estudarán e informarán sobre a súa adecuación aos requisitos e viabilidade. Por último, abrirase o prazo para a votación final, a fase decisoria na que cada unha das persoas participantes escollerá e votará as propostas definitivas para a cidade e para o distrito no que se inscribira previamente, e formarán parte do proxecto de Orzamentos Municipais do Goberno local para o ano 2018.

Toda a información sobre o proceso, así como os distintos encontros presenciais que terán nesta primeira fase, poden consultarse tanto na plataforma www.aportaaberta.coruna.es como na web municipal http://www.coruna.gal/participacion/gl/procesos-participativos/orzamentos-participativos, ademais dos puntos habilitados nas bibliotecas municipais e CMIX.

Documentos:

Guía Orzamentos Participativos (172 KB)

Folleto da 1ª fase: recollida de propostas (1 MB)

Buscar más noticias

Webs municipales

Encuentre todas las webs y perfiles oficiales del Ayuntamiento de A Coruña.

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

?