Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ayuntamiento de A Coruña/Concello da Coruña

Participación cidadá nos plenos

participación

Un dos compromisos asumidos polo Goberno municipal coa cidadanía é abrir unha quenda de rogos e preguntas da cidadanía nos plenos da corporación para que a cidadanía poida participar directamente no órgano que expresa a vontade popular.

A posibilidade de abrir o Pleno á participación cidadá está recollida na normativa vixente de réxime local conformada pola Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases de réxime local, o Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais (ROF), e o propio Regulamento orgánico de participación cidadá do Concello de A Coruña, ao que se remite expresamente a estes efectos o Regulamento orgánico municipal do Concello (artigo 40.3).

Segundo dispón o artigo 8 bis do Regulamento orgánico de participación cidadá corresponde á Presidencia do Pleno o establecemento das quendas de rogos e preguntas, a admisión ou inadmisión dun determinado tema, a ordenación da quenda e o seu peche. En uso desas facultades, procedo a desenvolver mediante a presente instrución o procedemento de intervención cidadá nas sesións do Pleno, coa finalidade de favorecer a máxima participación cidadá nun marco de desenvolvemento normal do Pleno, mediante a aprobación de regras de funcionamento que sexan de público coñecemento por parte dos cidadáns e dos membros do órgano.

1º. Obxecto

A presente instrución ten por obxecto regular o dereito de intervención dos cidadáns/as nos Plenos municipais na quenda pública de rogos e preguntas sobre temas concretos de interese municipal que terá lugar ao remate da sesión.

2º. Carácter público dos Plenos

Con carácter xeral, as sesións do Pleno son públicas. Excepcionalmente, e por acordo adoptado por maioría absoluta, poden ser declarados secretos o debate e votación dos asuntos que podan afectar ao dereito fundamental dos cidadáns ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3º. Ámbito subxectivo

O dereito a intervir nas sesións do Pleno recoñécese a todas as persoas que viven, están empadroadas ou desenvolven a súa a actividade profesional no Concello da Coruña.

4º. Requisitos das intervencións

  1. O número de intervencións por Pleno ordinario non excederá de dez.
  2. Os rogos e preguntas serán breves e concretos e deberán referirse a cuestións relativas a asuntos de interese municipal.
  3. Poderán rexeitarse os rogos ou preguntas que podan formularse a través doutros canais mais apropiados, os que non se refiran a asuntos de interese municipal, os que por motivos técnicos teñan que ser contestadas por escrito e os xenéricos ou indeterminados. Estas circunstancias poñeranse en coñecemento dos interesados antes da celebración da sesión ordinaria do Pleno.
  4. Cando unha solicitude de intervención sexa aceptada ou rexeitada non se poderá presentar outra sobre o mesmo tema nun prazo dun ano, agás que sexa complementada con novos datos de relevancia.
  5. A aceptación ou rexeitamento das solicitudes de intervención corresponderá á Presidencia do Pleno.

5º. Presentación da solicitude de intervención no Pleno

  1. As persoas que desexen intervir na quenda pública de rogos e preguntas deberán presentar unha solicitude dirixida ao/a Presidente/a do Pleno na que figuren:a) A identificación completa da persoa ou entidade solicitante, con indicación dunha dirección de correo electrónico e expresa aceptación do mesmo como medio de notificación, ou, noutro caso, con indicación dun domicilio a efecto de notificacións.No caso de que a persoa que presenta a solicitude sexa distinta da que vai a participar no Pleno, deberá identificarse igualmente a esta segunda.b) O rogo ou pregunta que desexe formular.
  2. A presentación da solicitude poderá realizarse:a) De modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera dos lugares sinalados no artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común.b) De modo telemático, no Rexistro Electrónico Xeneral, a través da Sede electrónica Xeral, de acordo co establecido nos artigos 27 e seguintes da Ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello da Coruña (https://sede.coruna.gob.es).
  3. A solicitude deberá recibirse cunha antelación mínima de cinco días hábiles á celebración da sesión do Pleno ordinario no que pretenda expoñerse o rogo ou pregunta.O Concello poñerá a disposición da cidadanía a Orde do Día das sesións do Pleno, a través da páxina Web municipal (https://coruna.es/plenos).4. Só se admitirá un rogo ou pregunta por solicitante. No caso de que se formulasen varios rogos ou preguntas nunha mesma solicitude, atenderase unicamente á primeira das formuladas.

6º. Ordenación e selección dos rogos ou preguntas

  1. As solicitudes de intervención no Pleno ordenaranse na Secretaría Xeral por riguroso orde de entrada.
  2. Cando o número de solicitudes de intervención para o próximo Pleno ordinario sexa superior a dez, celebrarase un sorteo para escoller os rogos ou preguntas que poden presentarse na seguinte sesión plenaria. O sorteo, que será público, realizarase diante de dous/ dúas funcionarios/as. O día, hora e lugar nos que se celebrará o sorteo farase público a través da Web do Concello.As solicitudes que non sexan seleccionadas, entrarán na listaxe ou no sorteo das dúas sesións plenarias subseguintes.

7º. Intervención na quenda de rogos e preguntas

  1. Rematada a sesión do Pleno, o/a Presidente/a abrirá unha quenda de rogos e preguntas sobre temas concretos de interese municipal.
  2. Corresponde ao/a Presidente/a ordenar e pechar esta quenda.
  3. Cada rogo ou pregunta deberá ser presentado por unha única persoa. No caso de corresponder a un colectivo, intervirá no seu nome e representación un único representante do mesmo.
  4. Cada intervención terá unha duración máxima de tres minutos.
  5. Non se permitirán expresións descalificatorias, ofensivas ou inxuriosas cara a persoas ou entidades, correspondendo ao/a Presidente/a, no seu caso, a potestade de retirar o uso da palabra.
  6. As intervencións faranse desde o escano cidadán, que será posto a disposición da veciñanza na primeira sesión plenaria na que se exercite o dereito de intervención.
  7. O/a Presidente/a ordenará, no seu caso, as intervencións do Goberno e a oposición que se produzan a propósito de cada unha das intervencións.

8º. Publicidade

Na páxina Web municipal publicaranse os rogos e preguntas presentados na quenda de rogos e preguntas do Pleno así como as respostas recibidas.

Tamén che pode interesar

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?