Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

5 de novembro de 2016

A entrada dos Museos Científicos será gratuíta desde o vindeiro luns até o domingo 13 co gallo da celebración da Semana da Ciencia

O sábado 12 terá lugar no Pazo de María Pita a cerimonia de entrega dos Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2016

Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán a Semana Internacional con sete xornadas seguidas de portas abertas. Esta proposta da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área dirixida por José Manuel Sande, nace coa finalidade de facilitar á cidadanía a ocasión de participar nas actividades especiais programadas arredor desta efeméride. Así, desde o próximo luns, día 7, ata o domingo 13 de novembro, a entrada será totalmente gratuíta na Domus, Casa das Ciencias e Aquarium Finisterrae, de xeito que todos os públicos disporán a semana que vén dunha nova oportunidade para visitar as exposicións temporais e permanentes e para explorar as distintas iniciativas interactivas que propoñen estes centros especializados na divulgación da cultura científica. Ademais destas propostas, a Semana da Ciencia terá o seu fito principal na mañá do sábado 12, coa cerimonia de entrega de premios da última edición dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, os recoñecementos aos mellores traballos no eido da difusión da cultura e a educación científica do último ano. O acto, que terá lugar no Pazo de María Pita, porá en valor os seis proxectos mellor valorados polo Xurado desta edición, na que a revista Astronomía recibirá un premio especial pola súa traxectoria.

Entre as actividades programadas para a próxima semana, ademais do acto de entrega dos XXIX Prismas, destaca a xornada Comprime un peito, salva unha vida, que terá lugar o xoves 10 na Domus, e na que participarán membros do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Desde as 11 da mañá ata as 13.00 horas, realizaranse demostracións prácticas de reanimación cardiorrespiratoria para o público asistente e, ás 19.30 horas, o cardiólogo do CHUAC Guillermo Aldama ofrecerá o parladoiro Morte súbita: as túas mans salvan vidas.

Ao día seguinte, o venres 11 de novembro, o museo científico da rúa Matadero tamén acollerá, ás 19.30 horas, a mesa redonda La astronomía como te la cuentan, na que participarán o director da revista Astronomía, Ángel Gómez Roldán, xunto con Emilio J. García Gómez, do Instituto de Astrofísica de Andalucía e Premio Prisma de Bronce ao mellor traballo en radio; a escritora Estíbaliz Espinosa, membro da Agrupación Astronómica Ío, e Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias. A entrada, como todas as actividades da Semana da Ciencia, é de balde.

Para máis información sobre os Museos Científicos Coruñeses, así como a súa programación completa e horarios para esta semana, pode visitarse o seu espazo web http://mc2coruna.org/

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?