Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2016

O Concello pon en marcha unha campaña de adopción responsable de cans e gatos que se encontran no centro municipal de acollida animal

A concelleira de Medio Ambiente, María García, salientou as campañas de sensibilización que se desenvolverán nas próximas semanas nos centros cívicos e outros espazos especialmente concorridos da cidade

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou este mércores a campaña de adopción responsable Acolle, que ten como obxectivo buscar un fogar para as mascotas que se atopan no Centro de Acollida Municipal de Animais. Na actualidade, ese espazo conta con 37 cans (20 machos e 17 femias) e 15 gatos (8 machos e 7 femias). A responsable municipal destacou que o obxectivo con esta campaña "é incentivar a adopción, así como dar unha vida digna a estes animais". "O noso obxectivo é superar o número de adopcións do ano pasado na cidade, que ascendeu a 205", explicou, sendo o número de exemplares adoptados até outubro de 171. A campaña, que arrinca hoxe, desenvolverase até final de ano, "como mínimo".

"As campañas de sensibilización son especialmente importantes. A Coruña é unha cidade que acolle, xa que o ano pasado, cando puxemos en marcha a primeira campaña de adopción, máis de 200 animais atoparon fogar; non obstante, nas rúas da cidade recóllese unha media dun animal ao día, polo que temos que continuar o esforzo de difundir e incentivar a adopción responsable de animais", comentou. "Nas vindeiras semanas desenvolveremos accións de sensibilización en centros cívicos e outros espazos especialmente concorridos da cidade para fomentar a adopción, incluso levando algúns dos protagonistas desta campaña a eses lugares para que os coñezan", destacou María García, que contou na rolda de prensa coa presencia de dous cadelas en adopción do Centro de Acollida, Tigresa e Rubia.

A campaña Acolle contará con diversas intervencións en espazos municipais como centros cívicos, bibliotecas ou museos científicos, ademais de en diversos espazos públicos da cidade como parques e prazas, ademais de nas redes sociais municipais. A campaña de sensibilización en parques será especialmente novidosa, xa que se empregarán cans de xoguete que se deixarán en lugares estratéxicos con tarxetas de sensibilización sobre o abandono. Tamén se proporá á poboación, sempre salvagardando o bo estado dos animais, pequenos paseos aos cans do centro de acollida, precisamente para fomentar a súa adopción.

García destacou que esta nova campaña municipal vai na liña das políticas postas en marcha polo seu departamento para a mellora da convivencia entre animais domésticos e cidadanía, ademais das estratexias tendentes cara ao sacrificio cero. "Temos posto estes temas no centro das nosas políticas ambientais, xa que cremos que é fundamental implicarnos non só para lograr que todos os animais atopen un fogar no que teñan unhas condicións de vida dignas, senón que tamén é preciso tratar de conciliar as necesidades dos animais  coas da xente con mascotas e a veciñanza que non as ten", aclarou.

O perfil dos animais que se recollen adoita responder a unha mascota de 5 anos como media de idade que non posúa chip, a pesar de que é un imperativo legal dende hai anos. De cara a regular esta situación, a Patrulla Verde está levando a cabo unha campaña de sensibilización neste senso, controlando que os animais da cidade conten con chip e dando, no caso de que non o teñan, un prazo de dez días para implantarllo e dar comunicación á Concellería de Medio Ambiente. "Non se busca multar, senón concienciar de que é moi positivo, fundamentalmente tamén para previr perdas, que os animais contén coa debida identificación", apuntou García, que tamén destacou o programa que este departamento da Policía Local está a levar a cabo para actuar e erradicar calquera tipo de maltrato animal do que se teña coñecemento na cidade, así como a intención do Executivo Local de "non só mellorar, o que xa se está facendo mediante un cocurso de mantemento específico, senón ampliar as áreas de esparcemento canino da cidade".

Para dar mostra do compromiso do Goberno local coa adopción animal e coa mellora da calidade de vida das mascotas, García recordou ademais o proceso de mellora do propio centro de acollida que está a levar a cabo o seu departamento e que se basea principalmente na ampliación e mellora das instalacións. As obras, cuxa concesión acaba de ser xa adxudicada por un montante de 25.000 euros, buscan dotar a cada canil tanto dun espazo interior como dun exterior, xa que neste momento non todos contan con el. Ademais, tamén se abordarán actuacións na denominada zona de lazareto, destinada a tratar a aqueles animais que precisan dalgún tipo de coidado ou precaución veterinaria especial, así como a mellora do espazo especialmente reservado para as estancias felinas. Por outro lado, García destacou unha obra xa rematada neste centro como é o quirófano. "Estamos especialmente orgullosas desta actuación que servirá para avanzar no aumento das esterilizacións, especialmente dos gatos procedentes da rúa", engadiu. Ao fío, e preguntada polos e polas xornalistas presentes na rolda de prensa, a edil explicou que o concello segue adiante co seu programa de control sobre colonias felinas. "A día de hoxe hai máis de 80 felinos esterilizados só no Barrio das Flores, onde seguimos actuando", comentou.

Por último, a titular de Medio Ambiente insistiu en que "para que estas liñas de actuación funcionen, é preciso a concienciación da cidadanía e o seu apoio". "Queremos fomentar a adopción, pero a responsable, tendo en conta que falamos de animais, non de obxectos de consumo", dixo. As persoas que desexen ter máis información sobre os animais que se atopan en adopción poden directamente visitar as instalacións (en Lugar de Bens s/n, de luns a sábado, de 11.00 horas a 13.30 horas e de 16.00 horas a 18.00 horas) ou na dirección web www.coruna.gal/adopcion.

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?