Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

Cando:

15 de decembro de 2018

A Concellería de Medio Ambiente inicia o luns o proceso de eliminación das seis palmeiras afectadas por picudo vermello na cidade

A edil María García explica que nesta vindeira semana se procederá á talla dos exemplares afectados, ao tempo que o Goberno local traballa na vixilancia de máis casos e nos tratamentos preventivos

A Concellería de Medio Ambiente inicia o vindeiro luns o proceso para a eliminación dos seis exemplares de palmeira infectados con picudo vermello que o Concello ten identificados na cidade. O Goberno local puxo en marcha a comezos de decembro un protocolo urxente de actuación ante a detección desta praga de escaravello, que afecta aos exemplares de palmeira e que é devastadora para estas árbores, segundo a cualifica a responsable municipal de Medio Ambiente, María García. A edil indica que, "ante a resistencia e gran capacidade de avance deste escaravello, que pode voar ata cinco quilómetros, o Concello vese obrigado a actuar de maneira urxente para tratar de frear a súa expansión". Isto é así, apunta, pola "grave ameaza que supón o picudo vermello para as palmeiras que temos no recheo da cidade e que constitúen o único palmeiral protexido de Galicia".

Os traballos comezarán o luns, coa aplicación dun insecticida tanto na palmeira que está localizada nun espazo público, na contorna de Santa Lucía, como nas outras cinco, que se atopan en zonas privadas, previa autorización das persoas afectadas. "Pese ao preocupante da situación, o Concello non pode actuar sen o seu permiso porque dende o 1 de outubro, o picudo está desregularizado como praga e, en consecuencia, suprimiuse a aplicación da corentena correspondente. Esta dificultade engadida para actuar, derivada de decisións que veñen da Xunta de Galicia, implica que as propietarias privadas xa non están obrigadas nin a tratar a praga nin a aceptar as ordes que se lle dean dende a administración competente, que é a Xunta de Galicia, para frear este avance", explica García. Porén, "a pesar desta situación de vulnerabilidade na que se deixa aos concellos",  o Goberno local está a actuar e a aplicar o protocolo correspondente nas seis palmeiras afectadas e que están situadas, nun terreo público en San Lucía un dos exemplares, tres en Eirís, un na zona da Cabana e outro en Cidade Xardín.

Tal e como explica a concelleira, a aplicación do insecticida leva asociada un protocolo no que é determinante á información á veciñanza, tal e como se debía facer cando se empregaba glifosato ou outros herbicidas. Así, estanse a colgar carteis informativos na contorna das palmeiras e se realizou tamén unha pequena campaña de avisos nas caixas de correo da veciñanza. "Neste caso, debe usarse o insecticida porque non hai máis opción", indica García. O escaravello ataca as palmeiras dende dentro polo que cando o exemplar amosa os primeiros síntomas o seu estado de deterioro é moi avanzado. Por iso, a función do insecticida é evitar que o picudo vermello se propague a outras árbores durante a tala, o traslado e o picado da palmeira. Esta segunda fase levarase a cabo o xoves, unha vez actúe o insecticida.

Plan de acción

O Goberno local está xa a practicar as medidas de prevención e acción precisas para atrasar o avance da praga. Os servizos municipais están a realizar un inventario de palmeiras privadas que complete o inventario do que xa dispón o Concello sobre o arborado municipal para levar a cabo unha vixilancia "palmeira a palmeira" de todos os exemplares do municipio. No apartado da prevención, Medio Ambiente combina a loita biolóxica con nematodos, que atacan o picudo, co uso dos insecticidas que maior eficacia poden ter contra este escaravello. Ademais, o Concello convocou aos municipios da contorna a unha reunión para tentar implementar unha loita "conxunta e coordinada" contra o picudo vermello, que se detectou tamén noutros puntos da área metropolitana.  

No caso das palmeiras con maior valor histórico e ambiental da cidade, as situadas na Rosaleda, Cidade Vella e os xardíns de Méndez Núñez --incluídas no catálogo de árbores senlleiras da Xunta--, o Goberno local mantén os sistema tecnolóxico, un sismógrafo que se instalou no mes de xullo en 75 destes exemplares e que permite detectar nos seus primeiros estadios as infeccións da praga debido á vibración que produce o picudo nas fases iniciais de afección. Este sistema preventivo, no que se investiron 23.000 euros, completouse agora coa aplicación inmediata do nematodo e de insecticidas por endoterapia, un sistema que o introduce directamente na savia da árbore.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?